Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2016 Páx. 11140

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 11 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 302654.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Concellos de Galicia e as súas entidades públicas, así como as agrupacións de concellos, titulares de locais culturais, cunha programación estable ao longo do ano.

Segundo. Finalidade

A concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á mellora e equipamento dos locais das corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia para o ano 2016, no que atinxe á mellora do equipamento e das dotacións técnicas dos locais destinados a actividades culturais.

Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia aqueles que son propiedade das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan ao fomento da cultura en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de total 500.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432B.760.0

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 30.000 euros que, en ningún caso, poderá superar o 75 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000 euros ascenderá a 35.000 euros cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar). O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria