Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2016 Páx. 11118

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 11 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19º, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Compételle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais, que desenvolvan un labor cultural dentro do seu ámbito competencial.

No eido concreto das corporacións locais e das súas entidades públicas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera necesaria a mellora das condicións de equipamento e a mellora das condicións técnicas dos locais destas entidades co fin de abrir as súas ofertas culturais aos novos campos da cultura; co obxecto de facilitar o reequilibrio territorial na distribución cultural e tratar de contribuír ao desenvolvemento cultural das zonas menos poboadas a consellería aposta por apoiar aquelas entidades menos poboadas, de xeito que toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso á cultura.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e equipamento dos locais das corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade e obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á mellora e equipamento dos locais das corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia para o ano 2016, no que atinxe á mellora do equipamento e das dotacións técnicas dos locais destinados a actividades culturais, conforme o procedemento que a continuación se establece.

Inclúense nesta orde os equipamentos e dotacións realizados desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data límite de xustificación da orde.

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia aqueles que son propiedade das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan ao fomento da cultura en Galicia.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

d) Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

E, supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

g) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2. Imputación orzamentaria e contía

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432B.760.0 (código de proxecto 201500370) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016; o importe global destinado ascende a cincocentos mil euros (500.000 €).

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A dotación das axudas será destinada a:

Realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade e novas tecnoloxías, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

4. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 75 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000 € ascenderá a 35.000 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

5. O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias; estas axudas serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo elixible e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas, na normativa nacional e comunitaria aplicable.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións os concellos de Galicia e as súas entidades públicas así como as agrupacións de concellos, titulares de locais culturais, cunha programación estable ao longo do ano.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

Os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A presentación farase da forma seguinte:

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Á solicitude (anexo I) xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Anexo II (Memoria do proxecto de investimento), cuberto

b) Anexo III (Declaración responsable de atoparse ao día no cumprimento de abrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Memoria dos programas e actividades desenvolvidos polo concello.

d) Resumo das actividades culturais levadas a cabo no local para o que solicita a subvención, nos dous anos anteriores.

e) Certificado do órgano competente en que se faga constar que a corporación local ou as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia se comprometen a achegar a porcentaxe do orzamento do proxecto que lle corresponda.

f) Orzamento desagregado do proxecto.

g) Acreditación, mediante certificado do órgano competente, da titularidade do local onde se vai a realizar o investimento.

h) No caso de agrupación de concellos, convenio ou acordo en que recollan as obrigas das partes.

i) Poderán achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude. As memorias e o orzamento deberán estar debidamente asinados.

3. O anexo III desta orde poderanse obter a través da guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es .

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento. Deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 6. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi exeitada e terase por efectuado o trámite e continuarase o procedemento, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Emenda de solicitudes

Se a documentación presentada foi incompleta ou presentou erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Instrución do procedemento e selección de solicitudes

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a instrución do procedemento de concesión de subvencións, que desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión de avaliación a que fai referencia o punto 3 do artigo 1 estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente: o secretario xeral de Cultura.

b) Catro vogais: a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, o xefe do servizo de Xestión Administrativa e dous funcionarios designados polo secretario xeral de Cultura, dos que un deles actuará como secretario.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que, para o efecto, designe o secretario xeral de Cultura.

A comisión valorará os expedientes, consonte os seguintes criterios prioritarios:

A) As solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar) poderán obter unha puntuación de 30 puntos (dun total de 90), baixo as dúas seguintes modalidades:

a.1. Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (agás a de fusión municipal), tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Pola mera presentación da solicitude conxunta nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias: 10 puntos.

b) Polo número de concellos asociados, número de servizos que se van prestar de forma compartida, repercusión do proxecto segundo a cifra de poboación total dos concellos participantes: 10 puntos en total desagregados do seguinte xeito:

• Número de concellos asociados: 4 puntos.

• Número de servizos que se van prestar de forma compartida: 3 puntos

• Repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total dos concellos participante: 3 puntos.

c) Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual: 10 puntos.

a.2. Fusión municipal: outorgarase 30 puntos pola mera presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias.

Non se admitirán aquelas solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

B) Realización de investimentos destinados a fomentar novos usos do local: 5 puntos.

C) En función da finalidade do investimento. Se máis do 50 % do orzamento se destina da forma seguinte:

• Realización de investimentos relacionados coa supresión de barreiras arquitectónicas: 5 puntos.

• Realización de investimentos relacionados con novas tecnoloxías: 5 puntos.

• Realización de investimentos para dotar de medidas de seguridade e extinción de incendios: 5 puntos.

• Realización de investimentos relacionados coas actividades de fomento da lingua e da lectura: 3 puntos.

• Realización de investimentos relacionados coas artes escénicas (excluídos a iluminación e son): 3 puntos.

• Realización de investimentos relacionados coa iluminación e son: 2 puntos.

• Realización de investimentos relacionados co equipamento audiovisual ou equipamento xeral: 1 punto.

D) Número de actividades culturais realizadas no local para o que se solicita a subvención, nos dous anos anteriores: ata 5 puntos.

E) Distribución poboacional: ata 2.000 habitantes: 10 puntos; de 2001 a 5.000 habitantes: 7 puntos; de 5.001 a 20.000 habitantes: 5 puntos; máis de 20.000 habitantes: 3 puntos.

F) Nivel de autofinanciamento: superior ao 25 % ata o 40 %: 2 puntos; superior ao 40 % ata o 60 %: 3 puntos e superior ao 60 %: 5 puntos.

O órgano instrutor formulará proposta de resolución motivada das subvencións, logo de examinar os expedientes e do informe de avaliación emitido pola comisión de valoración, repartindo o importe total do crédito dispoñible proporcionalmente aos importes das axudas solicitadas e da puntuación obtida. Quedan excluídas aquelas solicitudes que non acaden unha puntuación superior ao 15 % da puntuación máxima.

Esta resolución terá carácter de provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario a reformular a súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

No caso de empate, para desempatar terase en conta, en primeiro lugar, o criterio de autofinanciamento e, en segundo lugar, a data de presentación de solicitude.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 9. Resolución

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Notificación e desestimación

O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, en aplicación do Plan de acción de redución de cargas administrativas aprobado polo Consello de Ministros en xuño de 2008. O prazo computarase a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria.

O vencemento do citado prazo de 5 meses sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 11. Aceptación, xustificación e pagamentos

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

2. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento, ata do 30 de setembro de 2016; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. O cumprimento efectivo dos fins para os que foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación de orixinal ou copia compulsada e unha copia da seguinte documentación:

a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, de acordo co disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control, do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

Deberase cumprir o disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modificado pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

c) Relación de gastos ordenada segundo o concepto a que se atribúe, fotocopia compulsada das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento. No xustificante bancario deberá constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a data del.

d) Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida, xunto coa porcentaxe de autofinanciamento do investimento que para o mesmo proxecto fixo o beneficiario.

e) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, segundo o anexo III.

f) Os beneficiarios deberán achegar, xunto coa xustificación, copia compulsada do expediente de contratación de acordo co establecido no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público; así mesmo, débese ter en conta o establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e no caso de ter que solicitar as tres ofertas tamén deberán achegar copia compulsada delas.

3. Cando as actividades sexan financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. A documentación requirida na fase xustificativa tamén se poderá presentar electronicamente, accedendo ao expediente do presente procedemento na Carpeta do cidadán da entidade local que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.es/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

A devandita documentación deberá presentarse electronicamente na Carpeta do cidadán utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación establecida no punto 2 do artigo 10.

6. A axuda só será definitiva se non sofre, antes de transcorridos cinco anos da súa concesión, unha modificación que afecta a natureza do investimento, o cesamento da súa actividade e os postos de traballo.

Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, estarán obrigados a:

1. Destinar os fondos percibidos co obxecto concreto para o cal fosen concedidos.

2. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

3. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Os beneficiarios deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 13. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorran calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode dar lugar á modificación da resolución de concesión ou da axuda concedida.

Artigo 14. Recursos

Contra esta orde e contra os actos resolutivos referentes a ela, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución recurso de reposición ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 15. Publicidade

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Consonte o artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

4. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo sxt.cultura.educacion@xunta.es .

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file