Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2016 Páx. 11113

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2016.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 30 de outubro de 2015 a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia presentou os anexos I e II do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 129, do 6 de xullo) debidamente cubertos e a solicitude de prórroga para o aproveitamento específico para a pesca da anguía na bacía do río Tambre para o ano 2016; debidamente cubertos, así como as listaxes das vendas das capturas diarias das embarcacións autorizadas no plan do ano 2015.

Segundo. Por Resolución do 14 de febreiro de 2013, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza aprobou o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre, para o ano 2013 (DOG núm. 44, do 4 de marzo) que se foi renovando en anos sucesivos polas seguintes resolucións:

– Resolución do 22 de xaneiro de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se aprobou a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2014 (DOG núm. 25, do 6 de febreiro).

– Resolución do 18 de febreiro de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aprobou a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2015 (DOG núm. 46, do 9 de marzo).

Terceiro. De acordo co establecido no artigo 9.3 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, o plan que se aproba foi sometido a informe da Consellería do Mar por afectar a zona de desembocadura e a Área de Biodiversidade do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Cuarto. Segundo establece o artigo 9.2 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, a renovación dos plans de aproveitamento procederá sempre que non se pretendan modificacións no referente ao incremento do esforzo de pesca ou a modificación de zonas dentro da bacía fluvial, e sempre que os informes técnicos con que conte o Servizo Provincial de Conservación da Natureza non aconsellen modificacións do plan vixente, criterios que se cumpren segundo a proposta de resolución do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, regula a pesca profesional da anguía mediante a aprobación e renovación de plans de aproveitamento específicos no marco do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 1 de outubro de 2010 e do artigo 88.2 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e de ecosistemas acuáticos continentais de Galicia.

Segundo. A competencia para ditar a resolución de renovación dos plans de aproveitamento específico corresponde á xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, conforme o establecido no artigo 9.4 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o disposto no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (DOG núm. 221, do 19 de novembro).

Resolución.

Visto o exposto nos antecedentes e fundamentos de dereito, acórdase a aprobación da renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2016, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 7 de marzo de 2016

Cristina Carrión Rodríguez
Xefa territorial da Coruña

ANEXO
Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura
do río Tambre para o ano 2016

A. Artes de pesca:

a) Nasa tipo voitirón con rede de malla non inferior a 14 mm, medidos en diagonal, e mollada.

b) Colocaranse a unha distancia mínima de 25 m entre elas.

c) Cada voitirón deberá estar debidamente identificado, co número de matrícula e folio da embarcación a que pertenza.

B. Zona dentro da bacía fluvial e períodos de pesca:

a) Delimitación: tramo do río Tambre comprendido entre a liña que une punta Testal con punta Requeixo e Pontenafonso (exceptúase a zona de desembocadura do río Tines, delimitada no mapa 10 do Decreto 75/2013, do 10 de maio, polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia (DOG núm. 102, do 30 de maio).

b) Período de pesca: desde o 1 de maio ata o 30 de setembro de 2016.

C. Número de días de actividade.

a) O número de días previsto é de 107 días.

D. Proposta de horas de pesca diarias.

a) O horario de pesca estará comprendido entre as 12 horas do luns e as 12 horas do sábado.

b) Cun máximo de 8 horas diarias de traballo.

c) As nasas deberán ser levantadas diariamente.

E. Proposta de número de aparellos ou artes de pesca por persoa.

a) O número máximo de artes de pesca que se empregará non poderá ser superior a dez (10) por tripulante e non se poderá acumular dun tripulante a outro.

F. Proposta de cotas de captura diarias ou por temporada de pesca.

a) Total admisible de capturas (TAC) por temporada de pesca: 1.000 kg. Unha vez alcanzado o TAC, pecharase a temporada.

b) A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.

c) Devolverase ao río calquera outra especies que entre nos voitiróns.

d) Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela» e deberanse devolver á auga inmediatamente despois da súa captura todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».

G. Relación de embarcacións e número de tripulantes por embarcación autorizados.

a) Benigna con matrícula 3ªCO-7-2015, que contará cun máximo de 2 tripulantes.

b) Baña con matrícula 3ªCO-7-2580, que contará cun máximo de 3 tripulantes.

H. Proposta de sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza.

a) Cada mes a confraría remitirá a declaración das capturas por especie e por día traballado ao Servizo de Conservación da Natureza, vía fax (981 18 46 54) ou por correo electrónico ao enderezo conservacion.co@xunta.es, na cal conste o día, número de tripulantes, número de nasas empregadas, quilogramos capturados de anguía e, ademais, indicación das especies capturadas que non sexan obxecto da pesca.

b) Así mesmo, remitirase parte das especies capturadas e liberadas de lamprea, zamborca e salmón, se for o caso.

c) Os axentes da autoridade con funcións de policía e custodia dos recursos piscícolas e dos seus hábitats poderán realizar a inspección de embarcacións co obxecto de facer as comprobacións oportunas sobre as capturas.

I. Proposta de sistema de comercialización das capturas e o seu control.

a) A comercialización levarase a cabo na lonxa de Noia e os participantes no plan teñen obriga de entregar a totalidade das capturas.

b) Cada mes, xunto coas declaracións de capturas, os participantes no plan remitirán ao Servizo Territorial de Conservación da Natureza o xustificante das vendas en lonxa.

J. Esta resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca, en particular o regulado na Orde do 31 de marzo de 2014 pola que se regula a comercialización en orixe de especies eurihalinas de interese comercial (DOG núm. 69, do 9 de abril).