Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 7 de abril de 2016 Páx. 12298

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

Galicia conta cunha moi ampla oferta gastronómica, de excepcional calidade, froito da transmisión de xeración en xeración do saber facer tradicional e da existencia dunhas materias primas de gran valor culinario.

Para a protección destes produtos típicos dun territorio e a súa promoción foron creadas as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas. Este sistema de protección, que inicialmente foi deseñado para os viños, tivo nas últimas dúas décadas un importante desenvolvemento en toda a Unión Europea e, actualmente, acolle un grande repertorio de produtos de todo o ámbito alimentario.

Estes indicativos de calidade constitúen unha importante ferramenta no desenvolvemento rural por múltiples razóns. Por unha parte, delimitan unha zona concreta do territorio onde se pode producir e elaborar o produto acollido, coincidindo coa zona en que tradicionalmente se viña facendo, o que favorece que todo o valor engadido e a riqueza xerada quede nesa zona. Por outra parte, o seu recoñecemento impide que a denominación poida ser empregada por aqueles operadores que non teñen dereito ao seu uso, ademais de prestixiar e dar a coñecer a zona de produción potenciando outras actividades económicas que se desenvolvan nese territorio.

Socialmente, as denominacións de calidade obrigan a ter unha organización de produtores e industrias que favorece o dinamismo da zona e potencia o traballo integrador de todo o sector. Por último, cómpre sinalar que a través da elaboración destes produtos diferenciados e do uso dunha marca ou contramarca conxunta pódense facer viables producións que, polo seu escaso volume, doutro xeito terían moito máis difícil o acceso aos mercados.

En resumo, o establecemento dunha denominación de calidade nunha zona pode considerarse como unha oportunidade que se abre para dar viabilidade a certos tipos de producións agroalimentarias, permitindo o desenvolvemento ou a consolidación da agricultura e a agroindustria da zona e facilitando a xeración de riqueza e dinamismo social nela.

En Galicia existen actualmente 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas no ámbito agroalimentario, ás cales habería que engadir, como outro réxime de calidade, as producións ecolóxicas certificadas na nosa comunidade autónoma. A importancia económica e social destas denominacións de calidade queda de manifesto tanto polo valor total da produción certificada, superior aos 300 millóns de euros, como polo número de produtores implicados, preto de 30.000, e o de industrias, arredor de 900.

A política da Comunidade Autónoma respecto destes indicativos de calidade foi sempre de claro apoio, xa que son o bastión da produción alimentaria galega. Por iso, no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, recolleuse unha submedida, a submedida 3.10, destinada a financiar os gastos en que incorran os agricultores como consecuencia da súa incorporación a estes réximes de calidade. Esta medida é similar á medida 132 do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, cuxa aplicación serviu para un importante avance na comercialización dos produtos galegos de calidade que cómpre estender ao novo período de programación para afianzar o conseguido e acadar novas metas.

Iniciado o exercicio orzamentario 2016, procede aprobar as bases reguladoras destas axudas e convocalas para o dito exercicio.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, así como proceder á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2016.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores
en réximes de calidade

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde, establécense as seguintes definicións:

a) Agricultor/a: a persoa física ou xurídica, titular dunha explotación agraria inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e que cumpra coa condición de agricultor activo segundo o establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

b) Réximes de calidade: os establecidos nos seguintes regulamentos europeos:

– Produción agrícola ecolóxica, regulada a través do Regulamento (CE) 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, e polo que se derroga o Regulamento (CEE) 2092/91.

– Denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e Especialidades tradicionais garantidas (ETG) reguladas polo Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo de do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

– Denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) de viños, reguladas na parte II, título II, capítulo I, sección 2 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a OCM dos produtos agrarios.

– Indicacións xeográficas de bebidas espirituosas reguladas no Regulamento (UE) nº 110/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xaneiro de 2008, relativo á definición, designación, presentación, etiquetado e protección da indicación xeográfica de bebidas espirituosas e polo que se derroga o Regulamento (CEE) 1576/89 do Consello.

– Indicacións xeográficas de produtos vitivinícolas aromatizados reguladas no Regulamento (UE) nº 251/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre a definición, descrición, presentación, etiquetaxe e protección das indicacións xeográficas dos produtos vitivinícolas aromatizados e polo que se derroga o Regulamento (CEE) 1601/91 do Consello.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os/as agricultores/as que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2 e recollidos no PDR de Galicia 2014-2020. Os beneficiarios deberán cumprir o requisito de ser agricultores activos conforme o establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

2. No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do mero autoconsumo.

Artigo 4. Gastos subvencionables e contía das axudas

1. Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.

2. A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

Artigo 5. Réxime de concesión e criterios de selección das axudas

1. A concesión das axudas para fomentar a participación dos/das agricultores/as en réximes de calidade realízase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Os criterios de selección das solicitudes e a puntuación que se lles outorga son os que se recollen a continuación:

a) Tipoloxía do réxime de calidade (ata 30 puntos).

De acordo con este criterio, outorgaranse as seguintes puntuacións:

– Agricultores/as que se incorporen por vez primeira ao réxime da Agricultura Ecolóxica ou que incorporen por primeira vez novas orientacións produtivas nese réxime de calidade: trinta puntos.

– Agricultores/as que se incorporen por primeira vez a algunha DOP ou IXP das reguladas no Regulamento (UE) 1151/2012 ou a algunha DOP das recollidas na parte II, título II, capítulo I, sección 2 do Regulamento (UE) nº 1308/2013: vinte puntos.

– Agricultores/as que se incorporen a calquera dos restantes réximes de calidade obxecto de axudas: dez puntos.

b) Novidade do réxime de calidade (5 puntos):

Segundo este criterio concederanse cinco puntos no caso de nova participación de agricultores/as en réximes de calidade con menos de 10 anos de antigüidade. Non se outorgará ningún punto en caso contrario.

Para o cálculo da antigüidade do réxime de calidade terase en conta a data de constitución do correspondente consello regulador nos réximes de calidade para os que exista. Para os réximes para os que non exista un consello regulador tomarase a data de inscrición do réxime nos diferentes rexistros europeos de denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas e especialidades tradicionais garantidas.

c) Participación en máis dun réxime de calidade (5 puntos):

De acordo con este criterio outorgaranse cinco puntos aos/ás agricultores/as inscritos/as en máis dun réxime de calidade subvencionable, e ningún punto aos que non cumpran a condición.

d) Situación en zona de montaña (5 puntos):

Segundo este criterio obterán cinco puntos os/as agricultores/as cuxa explotación se atope en zona de montaña definida de acordo coa normativa europea de aplicación. Os que non cumpran este requisito non obterán ningún punto.

e) Muller (5 puntos):

En aplicación deste criterio obterán cinco puntos as persoas físicas que teñan a condición de muller, e ningún punto os restantes solicitantes.

f) Agricultor/a mozo/a (5 puntos):

Conforme este criterio obterán cinco puntos as persoas físicas que non teñan máis de corenta anos no momento en que se incorporan ao réxime de calidade. Os solicitantes que non cumpran esta condición non obterán ningún punto de acordo con este criterio.

3. Para a preparación da proposta de resolución, as solicitudes ordenaranse de maior a menor puntuación e quedarán excluídas as que non acaden a puntuación mínima de vinte puntos. En caso de igualdade na puntuación, seleccionaranse os expedientes correspondentes ás persoas solicitantes de menor idade.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse anualmente en formulario dirixido á Consellería do Medio Rural conforme o anexo I desta orde, xunto coa documentación complementaria que se indica no artigo 7.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365
(https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Como documentación complementaria ao formulario de solicitude presentarase a seguinte:

a) Cando o solicitante sexa persoa física, copia do seu DNI, no caso de non autorizar expresamente a súa consulta.

b) No caso de solicitantes persoas xurídicas, documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude e copia do NIF do solicitante no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Documentación fiscal que acredite os ingresos agrarios percibidos no período impositivo dispoñible máis recente, no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Certificación do consello regulador correspondente en que se acredite que se trata dun agricultor que participa por primeira vez no réxime de calidade, indicando a data de incorporación ao dito réxime. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo II.

e) No caso de agricultores que solicitan a axuda por iniciar a actividade nunha nova orientación produtiva en agricultura ecolóxica, certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) conforme esta nova orientación produtiva acada a dimensión mínima que se establece no anexo III. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo IV.

f) No caso de solicitantes que participan nalgún outro réxime de calidade, certificación do consello regulador correspondente en que se acredite a súa inscrición. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo V.

Non será necesaria a documentación que se indica nas alíneas b), c), d), e) e f) anteriores se se xustifica que está en poder da Administración.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Obrigas tributarias, coa Seguridade Social, coa facenda autonómica e outros requisitos para ter a condición de beneficiario

Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que non cumpran os requisitos que se establecen para eles no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia. En particular, non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Artigo 9. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria a instrución do procedemento. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta orde, a dita subdirección xeral requirirá a persoa interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O exame e valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída do seguinte xeito:

Presidente: o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Vogais: dous/dúas funcionarios/as do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria.

Secretario/a: un/unha funcionario/a do dito servizo, que actuará con voz e voto.

3. A comisión de valoración, aplicando os criterios establecidos no artigo 5 desta orde, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada. De acordo co dito informe, a Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria elaborará a proposta de resolución e elevaraa ao órgano competente para resolver. A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

4. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo máximo de 5 meses contados desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. A resolución de concesión de axuda establecerá o prazo máximo de xustificación dos investimentos, que será improrrogable e polo menos posterior en dez días á finalización do período subvencionable e, en calquera caso, anterior á data límite do 15 de decembro.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación informarase de que o gasto se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader incluído dentro da medida 3 «réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios», prioridade 3, do Programa de desenvolvemento rural de Galicia de Galicia 2014-2020 e especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a finalidade da subvención outorgada, a cantidade concedida, o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos soportados, que será polo menos posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado, así como a indicación das causas da desestimación, e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e prazo para interpoñelos.

Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 10. Tramitación do pagamento das axudas

1. Realizados os gastos presentarase, preferentemente no Rexistro Xeral do Edificio Administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, e sempre destinada á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, a seguinte documentación:

– Solicitude de pagamento, conforme o formulario do anexo VI.

– Xustificantes dos gastos efectuados: facturas orixinais e copias ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Os orixinais marcaranse cun selo que indique a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co establecido no parágrafo 3 do citado artigo, poderase aceptar a xustificación de pagamentos mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.

Artigo 11. Seguimento e control

1. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de conformidade co artigo 14 letra m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

2. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias realizará os controis sobre o terreo e as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o axeitado seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), e do Consello de Contas, e as que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

3. De acordo co establecido no artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, os beneficiarios destas axudas quedan obrigados a proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular, en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

4. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido a controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, así como o réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

5. Conforme o disposto no artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) 1305/2013, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 12. Modificación da resolución, incumprimento e reintegro

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido sempre e cando non se alteren esencialmente a natureza e os obxectivos da axuda aprobada e non se produzan danos en dereitos de terceiros. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

A dita solicitude de modificación deberá ser presentada antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade.

2. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumpre co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario, existirá un incumprimento, no que se aplicarán os seguintes criterios:

a) Cando o beneficiario non realice e xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda, existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

b) Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas, sen prexuízo da aplicación do establecido no artigo 63 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

3. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

4. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de reintegro e infraccións e sancións previstos nos títulos II e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas

As axudas reguladas por esta orde ampáranse no disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello; no Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello; no Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias; no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013; e no Regulamento de execución 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Artigo 14. Compatibilidade

1. Estas axudas son compatibles ata o 100 % dos gastos subvencionables con calquera outra para o mesmo fin que non teña financiamento total ou parcial do Feader ou doutros fondos da Unión Europea, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación.

2. O beneficiario ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano que concede a axuda calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

Artigo 15. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

As axudas que recolle esta orde están cofinanciadas con fondos da Unión Europea, a través do Feader, cunha participación do 75 %, así como con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e da Xunta de Galicia, cunha participación do 7,50 % e do 17,50 %, respectivamente. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como a obter os datos de que dispoñan estas administracións relativas ás obrigas de información que se recollen na alínea 3 do artigo 11. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións e a restante información nos termos previstos regulamentariamente.

4. A aplicación e verificación da figura de agricultor activo realizarase segundo o establecido no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro. Conforme o indicado no parágrafo anterior, a presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar da Axencia Estatal da Administración Tributaria a información fiscal necesaria. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento caso en que deberá presentar a documentación fiscal que acredite os ingresos agrarios no período impositivo dispoñible máis recente e toda aquela outra documentación que sexa necesaria para acreditar a dita condición. No caso particular de solicitantes persoas xurídicas, sempre deberá declarar na solicitude o total de ingresos agrarios percibidos no período impositivo dispoñible máis recente. O órgano xestor, despois de verificar os datos declarados solicitará, se o considera necesario, a documentación xustificativa dos ingresos declarados.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es

Artigo 18. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución é expresa.

CAPÍTULO II
Convocatoria das axudas para o ano 2016

Artigo 19. Convocatoria das axudas

Convócanse para o exercicio orzamentario 2016 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 20. Prazo de presentación

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 15 de xuño de 2016. Esta data queda incluída dentro do prazo.

Artigo 21. Gastos atendibles na convocatoria de 2016

Para a convocatoria de 2016, serán atendibles os gastos imputados á campaña que comprende o período que vai do 18 de novembro de 2015 ata o 31 de maio de 2016. A nova incorporación do agricultor ao réxime de calidade ten que producirse dentro deste período.

Artigo 22. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2016, na aplicación orzamentaria 13.03.713D.770.1, código de proxecto 2016.00192, cunha dotación de cento oitenta e sete mil euros (187.000 euros).

2. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional única. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello; no Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello; no Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias; no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013; e no Regulamento de execución nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Instrucións para a aplicación desta orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Efectos

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II
Modelo de certificación do consello regulador en relación coa data de incorporación ao réxime de calidade

D/Dª ..................................................................................... con NIF.............................. en calidade de secretario/a do Consello Regulador..............................................................,

Certifico:

Que .................................................................................................................................. titular da explotación con código Reaga ..........., situada en ..............................................iniciou a súa actividade neste réxime de calidade (*) con data .............................................

E, para que así conste para os efectos das axudas á nova participación en réximes de calidade, asino a presente certificación en ......................................., .... de .............de .....

Asdo.:

(*) No caso do réxime de calidade da agricultura ecolóxica, tamén ten a consideración de nova participación o inicio da actividade en relación con novas orientacións produtivas con destino ao mercado.

ANEXO III
Dimensión mínima das novas orientacións produtivas en agricultura
ecolóxica para ter a consideración de actividade comercial

Orientación produtiva

Dimensión

Horta en invernadoiro

>250 m2

Horta aire libre

>500 m2

Patacas

>1.000 m2

Viñedo

>2.500 m2

Froiteiras

>2.500 m2

Castiñeiros e froitos secos

>5.000 m2

Vacún de leite

>2 vacas (e as súas crías)

Vacún de carne

>4 vacas

Porcino

>2 reprodutoras (coas súas crías para cebar) ou

>5 porcos de cebo

Avícola de carne

>210 quilos en equivalente de peso vivo de ave ao ano

Avícola de posta

>15 poñedoras

Cunicultura

>5 reprodutoras

Ovino-cabrún

>10 cabezas

Equino

>5 cabezas

Apicultura

>15 colmeas

As orientacións produtivas non tabuladas serán obxecto de estudo particular.

ANEXO IV
Certificación de inicio de nova orientación produtiva en agricultura ecolóxica

D/Dª ..................................................................................... con NIF.............................. en calidade de secretario/a do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia,

Certifico:

Que ................................................................................................................................. titular da explotación con código Reaga ..........., situada en ............................................................................. está inscrito/a nos rexistros deste consello regulador, con actividade nas seguintes orientacións produtivas ..................................................................................

Que inicia con data ..................... a actividade de produción ecolóxica na seguinte nova orientación produtiva ............................................................................................................

Que esta nova orientación produtiva, de acordo co establecido no artigo 3.2 da Orde do 22 de marzo de 2016 e no seu anexo III, acada unha dimensión suficiente para non ter a consideración de autoconsumo

E, para que así conste para os efectos das axudas á nova participación en réximes de calidade, asino a presente certificación en ......................................., .... de .............de .....

Asdo.:

ANEXO V
Modelo de certificación de inicio de participación
noutros réximes de calidade

D/Dª ..................................................................................... con NIF.............................. en calidade de secretario/a do Consello Regulador..............................................................,

Certifico:

Que .................................................................................................................................. titular da explotación con código Reaga ..........., situada en ..............................................está inscrito/a nos rexistros deste consello regulador.

E, para que así conste para os efectos das axudas á nova participación en réximes de calidade, asino a presente certificación en ......................................., .... de .............de .....

Asdo.:

missing image file