Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 2 de maio de 2016 Páx. 16038

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 47/2016, do 21 de abril, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes ás pericias efectuadas, por solicitude de particulares, polo Instituto de Medicina Legal de Galicia nas reclamacións extraxudiciais por feitos relativos á circulación de vehículos de motor.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, dispón no seu artigo 479 que os institutos de medicina legal e ciencias forenses son órganos técnicos adscritos ao Ministerio de Xustiza ou ás comunidades autónomas con competencias na materia, cuxa misión principal é auxiliar a Administración de xustiza no ámbito da súa disciplina científica e técnica.

A reforma da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, introducida pola Lei orgánica 7/2015, do 21 de xullo, permite que o persoal médico forense que presta os seus servizos nos institutos de medicina legal e ciencias forenses poida emitir informes e ditames por solicitude das e dos particulares no casos que se determinen regulamentariamente.

A posibilidade de que estes/as profesionais poidan intervir tamén na resolución extraxudicial de conflitos recóllea a Lei 35/2015, do 22 de setembro, de reforma do sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, onde se regula unha nova vía extraxudicial de resolución de conflitos entre as persoas prexudicadas e as entidades aseguradoras, prevista no artigo 7 do texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

A antedita reforma recoñece a posibilidade de que as partes, persoas prexudicadas e entidades aseguradoras se poidan beneficiar da calidade, experiencia e imparcialidade pericial dos médicos e médicas forenses, como especialistas recoñecidos do noso sistema xudicial, e considera a súa posible participación a través dos institutos de medicina legal e ciencias forenses cando, ben de mutuo acordo ou ben por solicitude da persoa prexudicada, se considere oportuna a súa intervención.

Mediante o Real decreto 1148/2015, do 18 de decembro, regúlase o procedemento para solicitar informes periciais aos institutos de medicina legal e ciencias forenses establécese un procedemento común para a elaboración dos informes, de xeito tal que se apliquen unhas normas mínimas para todos estes órganos técnicos no territorio nacional.

O Real decreto 1148/2015, do 18 de decembro, dispón así mesmo o establecemento dun prezo público como contraprestación da pericia, cuxa determinación corresponde ao Ministerio de Xustiza e ás comunidades autónomas con competencias asumidas en materia de xustiza nos seus respectivos territorios. Este último é o caso da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, sobre traspaso de funcións da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, así como en virtude do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, de traspaso de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza.

O artigo 43 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que son prezos públicos as contraprestacións pecuniarias percibidas polos suxeitos a que se refire o artigo 3 da dita lei pola prestación de servizos ou pola realización de actividades efectuadas en réxime de dereito público cando, sendo prestados tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados. O artigo 47 da dita lei dispón que os prezos será fixados por decreto, por proposta da consellería da que dependa o órgano ou entidade oferente.

O Instituto de Medicina Legal de Galicia, creado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio, está adscrito á Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co artigo 3.4 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica desta.

De conformidade co exposto e consonte o establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, baixo proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, cos informes previos correspondentes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de abril de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto establecer os prezos públicos dos informes periciais que realice o Instituto de Medicina Legal de Galicia, como consecuencia da aplicación do Real decreto 1148/2015, do 18 de decembro, polo que se regula a realización de pericias, por solicitude de particulares, por parte dos institutos de medicina legal e ciencias forenses nas reclamacións extraxudiciais por feitos relativos á circulación de vehículos de motor.

Artigo 2. Determinación do prezo público

1. Segundo se fixa no anexo a este decreto, establécense tres tipos de prezos públicos. A determinación da contía que se debe aboar fíxase en función da gravidade das lesións, para o cal se atende ao criterio de ingreso hospitalario:

a) Lesións sen ingreso hospitalario.

b) Lesións con ingreso hospitalario igual ou inferior a 72 horas.

c) Lesións con ingreso hospitalario superior a 72 horas.

2. O prezo público será único para cada pericia e incluirá todos os informes do Instituto de Medicina Legal de Galicia que sexan necesarios para a determinación e medición das secuelas e das lesións temporais. Non incluirá as probas complementarias que deban realizarse en centros médicos ou hospitalarios.

3. A liquidación do prezo público será única para cada pericia e incluirá todos os informes que emita o Instituto de Medicina Legal de Galicia nos termos establecidos nos artigos 2.2, 10 e 11 do Real decreto 1148/2015, do 18 de decembro.

4. Os prezos públicos establecidos no anexo deste decreto estarán suxeitos, de ser o caso, ao pagamento do imposto sobre o valor engadido ou dos impostos exixibles de acordo coa lexislación tributaria vixente.

Artigo 3. Contías dos prezos públicos

Os prezos públicos dos servizos prestados quedan fixados nas contías sinaladas no anexo deste decreto.

Artigo 4. Suxeitos obrigados

A entidade aseguradora que emitir a oferta motivada prevista no artigo 7.2 do texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor será a obrigada ao pagamento do prezo público derivado da realización dos informes periciais emitidos polo persoal médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Artigo 5. Procedemento de pagamento do prezo público

1. Para a xestión dos prezos seguirase o procedemento regulado no Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia. En todo o non previsto nelas será de aplicación o disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento. Aplicaranse de forma supletoria a Lei xeral tributaria e as demais disposicións xerais en materia tributaria, así como as súas normas de desenvolvemento.

2. En caso de solicitude formulada de mutuo acordo, a entidade asegurada obrigada ao pagamento dos prezos públicos establecidos no anexo do presente decreto deberá autoliquidar os importes correspondentes no momento de facer a súa solicitude utilizando o formulario establecido para o efecto, que se poderá descargar na páxina web da Axencia Tributaria de Galicia.

No caso de que a pericia fose solicitada pola persoa prexudicada e non constase o pagamento do prezo público, o Instituto de Medicina Legal de Galicia reclamará á entidade aseguradora o xustificante deste.

Disposición adicional única. Non incremento do gasto público

As medidas incluídas nesta norma non poderán supoñer incremento do gasto público.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza a ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución do establecido no presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de abril de dous mil dezaseis

O presidente
P.S. (Decreto 44/2016)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Tipos de pericia e prezos

Pericia para lesións sen ingreso hospitalario

80 euros

Pericia para lesións con ingreso hospitalario igual ou inferior a 72 horas

150 euros

Pericia para lesións con ingreso hospitalario superior a 72 horas

350 euros