Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 4 de maio de 2016 Páx. 16520

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 48/2016, do 21 de abril, polo que se establece a ordenación dos albergues turísticos.

I

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, de conformidade co disposto no artigo 27.21 do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial, de xeito que posúe a potestade de regular o réxime propio dos albergues turísticos.

Ao abeiro deste título competencial aprobouse a Lei 7/2011, do 27 de outubro, que regula no capítulo IV do título IV as empresas de aloxamento turístico, e refírese, no artigo 55, aos albergues turísticos como un dos tipos de establecementos en que poderá exercerse a actividade turística de aloxamento. O artigo 74 establece que son albergues turísticos os establecementos que ofrecen aloxamento por praza, maioritariamente en habitacións de capacidade múltiple, con ou sen servizos complementarios, e remite ao seu posterior desenvolvemento regulamentario o establecemento dos requisitos que sirvan de criterio para a súa clasificación.

A citada lei regula os albergues turísticos como un tipo de establecemento de aloxamento turístico independente dos establecementos hoteleiros, a diferenza do disposto no Decreto 267/1999, do 30 de setembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros, no cal se regulan como establecementos pertencentes ao grupo das pensións.

Este decreto ten por obxecto regulamentar os albergues turísticos como un dos tipos de establecemento en que se exerce a actividade turística de aloxamento, establecer os requisitos para a súa clasificación, así como o réxime para o exercicio de actividades e prestación de servizos.

A presente regulación introduce como principal novidade a clasificación dos albergues turísticos en dúas categorías, albergue turístico de primeira categoría e albergue turístico de segunda categoría, que substitúe a clasificación por estrelas de unha, dúas e tres estrelas do Decreto 267/1999, do 30 de setembro, que se correspondía coa das pensións.

Outras das novidades é o recoñecemento dunha categoría especial de albergue turístico, os albergues de peregrinos do Camiño de Santiago, caracterizados por estaren situados nunha área de 3 km arredor do Camiño de Santiago, xestionados por entidades sen ánimo de lucro, e que reúnen como elementos esenciais no desenvolvemento da súa actividade a función hospitalaria ao peregrino e a inexistencia de ánimo de lucro.

II

En todo caso, con esta norma trátase de acadar un incremento na calidade dos albergues turísticos, como establecementos de aloxamento turístico, que fagan atractivo o noso territorio como destino turístico.

Para adaptarse á realidade das persoas usuarias turísticas deste tipo de establecemento turístico, nunha elevada porcentaxe peregrinos e peregrinas, establécese para os albergues turísticos un réxime especial que exceptúa do establecido con carácter xeral no artigo 7.2 do Decreto 179/2011, do 8 de setembro, polo que se regula o réxime de prezos e reservas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración na Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que se recolle que a xornada se iniciará ás 13.00 horas do primeiro día do período contratado e finalizará ás 10.00 horas do día sinalado como data de saída.

Deste xeito, en liña co establecido pola Lei 7/2011, do 27 de outubro, o inicio da actividade producirase coa presentación dunha declaración responsable do/da empresario/a turístico/a, debidamente efectuada e de acordo co disposto nesta norma, que o habilita para exercer a actividade de albergue turístico, sen prexuízo das comprobacións e inspeccións posteriores levadas a cabo pola Axencia Turismo de Galicia.

Polo que respecta aos órganos competentes, o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, regula a Axencia Turismo de Galicia como unha axencia pública autonómica que ten como obxectivo básico impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade. A Axencia naceu cunha vocación integradora, e deste xeito acadouse unha dirección única, coordinada e áxil das competencias turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como dos servizos comúns e transversais destas, o que supuxo conseguir unha maior eficacia e eficiencia dos recursos públicos.

De acordo coa disposición adicional primeira do citado Decreto 196/2012, do 27 de setembro, a Axencia Turismo de Galicia asume, desde a súa constitución, as competencias, recursos e medios materiais que corresponden na actualidade á Secretaría Xeral para o Turismo, aos servizos de Turismo das xefaturas territoriais, que quedaran suprimidos no momento da dita constitución, subrogándose a Axencia en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das competencias do devandito órgano. A subrogación da Axencia nas relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. e do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos ten lugar desde o momento en que se proceda á súa extinción, e en relación coa sociedade anónima Xestión do Plan Xacobeo, subrogarase nas relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas desta derivadas ou directamente vinculadas coas funcións que son asumidas pola Axencia no momento da modificación dos seus estatutos.

Así mesmo, o artigo 4 establece que, de acordo coa descentralización funcional autorizada pola disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, así como o previsto no artigo 3.1.d) da citada lei, as competencias atribuídas pola normativa sectorial vixente en materia de turismo ás xefaturas territoriais competentes en materia de turismo, centro directivo competente en materia de turismo e consellería competente en materia de turismo, quedan atribuídas aos órganos de estrutura da Axencia, con excepción das competencias atribuídas á persoa titular da consellería competente en materia de turismo, que se entenderán atribuídas á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, sen prexuízo da posible delegación do seu exercicio de acordo co artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

III

O decreto consta de 40 artigos agrupados en seis capítulos, dúas disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria, dúas disposicións derradeiras e cinco anexos.

O capítulo I, baixo a rúbrica de disposicións xerais, regula o obxecto e o ámbito de aplicación da norma, así como o concepto, a clasificación e a normativa aplicable aos albergues turísticos.

O capítulo II ocúpase do seu réxime de funcionamento, establecendo o seu carácter público, a posibilidade de dispoñer de normas de réxime interior, a prestación dos servizos, a calidade das instalacións, o deber de contar cun seguro de responsabilidade civil, o réxime de prezos e reservas, a duración da estadía e o período de funcionamento, así como a obriga de contar cun libro de visitas da inspección turística e follas de reclamacións de turismo.

O capítulo III refírese aos distintivos e á publicidade.

O capítulo IV establece os requisitos técnicos, e está dividido, pola súa vez, en tres seccións. A primeira refírese aos requisitos comúns ás dúas categorías de albergues, a segunda aos criterios para a súa clasificación e a terceira aos albergues de peregrinos do Camiño de Santiago.

O capítulo V regula o réxime para o exercicio da actividade.

O incumprimento do disposto no decreto dará lugar ao réxime sancionador previsto no capítulo VI, que se remite ao disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro.

As disposicións adicionais primeira e segunda refírense respectivamente ao tratamento dos datos de carácter persoal por parte da Axencia e aos modelos normalizados dos procedementos regulados no decreto máis comunmente utilizados na tramitación administrativa á disposición das persoas interesadas e modificación de formularios co fin de mantelos actualizados de conformidade coa normativa vixente.

As disposicións transitorias dispoñen a irretroactividade da norma aos expedientes en curso na súa entrada en vigor e a reclasificación de oficio dos establecementos xa clasificados.

O desenvolvemento normativo e a súa entrada en vigor están previstos nas disposicións derradeiras.

O decreto foi sometido ao preceptivo informe do Consello do Turismo de Galicia, así como á consulta das organizacións máis representativas do sector e do Consello Galego de Consumidores e Usuarios para os efectos de incorporar as súas achegas e a súa valoración do sistema establecido como adecuado para a consecución dos obxectivos vinculados á modernización e á competitividade.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de abril de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto a ordenación dos albergues turísticos situados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste decreto:

a) Os albergues de peregrinos de titularidade pública, que se rexen pola súa normativa específica.

b) Os albergues xuvenís integrados na rede de albergues de xuventude, que se rexerán pola súa normativa específica.

c) Os establecementos dedicados a aloxamentos en cuartos colectivos por motivos escolares, docentes ou sociais, tales como áreas provisionais destinadas a eventos culturais, deportivos ou recreativos, que se rexerán polas súas normas específicas.

3. Os albergues de peregrinos do Camiño de Santiago, xestionados por entidades sen ánimo de lucro, someteranse ás prescricións deste decreto coas especificidades que se sinalan no artigo 29.

Artigo 2. Concepto

Son albergues turísticos aqueles establecementos que ofrecen aloxamento por praza, maioritariamente en habitacións de capacidade múltiple, con ou sen servizos complementarios.

Artigo 3. Clasificación

1. Os albergues turísticos clasifícanse nas seguintes categorías: albergues turísticos de primeira, albergues turísticos de segunda e albergues de peregrinos do Camiño de Santiago.

Artigo 4. Normativa aplicable

1. Os albergues turísticos someteranse ás prescricións da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ao establecido neste decreto e á normativa sectorial que, se for o caso, lles resulte de aplicación.

2. Todos os servizos e actividades que, non sendo exixidos por este decreto, sexan ofrecidos polos albergues turísticos deberán cumprir as disposicións establecidas nas súas normativas específicas.

CAPÍTULO II
Réxime de funcionamento

Artigo 5. Carácter público

Os albergues turísticos son establecementos abertos ao público, polo que será libre o acceso a eles nas condicións establecidas nas leis, regulamentos e prescricións específicas aplicables.

Artigo 6. Normas de réxime interior

1. Os albergues turísticos poderán dispoñer de normas de réxime interior que establezan regras de obrigado cumprimento para as persoas usuarias durante a súa estadía, sen que, en ningún caso, poidan supoñer discriminación por razón de raza, lugar de procedencia, sexo, opción sexual, relixión, opinión, discapacidade ou calquera outra circunstancia persoal ou social, de acordo co que establece a Constitución española e demais normativa específica sobre a materia.

2. As citadas normas poderán determinar as condicións de admisión, as normas de convivencia e funcionamento, así como todo aquilo que permita e favoreza o goce normal das instalacións, equipamentos e servizos, sen que poidan contravir o disposto na lexislación vixente.

3. A persoa titular do albergue turístico poderá solicitar o visado destas normas á Administración turística para asegurar a súa coherencia coa normativa turística.

4. As normas de réxime interior estarán á disposición das persoas usuarias nun lugar visible na zona de maior afluencia, e de forma que resulten lexibles para aqueles, ao menos nos idiomas galego, castelán e inglés.

5. Garantirase ás persoas usuarias discapacitadas a accesibilidade ás normas de réxime interior, así como a calquera outro tipo de información necesaria para o goce dos servizos do establecemento.

Artigo 7. Prestación de servizos

1. As persoas titulares dos albergues turísticos serán responsables da adecuada calidade na prestación dos servizos relativos á limpeza, orde, utensilios dispoñibles, información, trato e acollida e do resto dos servizos obrigatorios.

2. A contratación do aloxamento efectuarase en condicións e con equipamento, instalacións e servizos que permitan a súa inmediata utilización.

Artigo 8. Calidade das instalacións

A calidade das instalacións terá que estar en relación directa coa categoría que posúa o establecemento, e o/a seu/súa titular garantirá o perfecto estado delas coidando especialmente as condicións hixiénicas e de seguridade de todas as dependencias.

Artigo 9. Seguro de responsabilidade civil

As persoas titulares dos albergues turísticos deberán ter contratado e en permanente vixencia un seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos das persoas usuarias do establecemento por danos corporais, danos materiais e os prexuízos económicos causados que deriven do desenvolvemento da súa actividade. Para estes efectos deberán ter á disposición da inspección de turismo a póliza e o correspondente recibo de pagamento co fin de acreditar a súa vixencia.

Artigo 10. Réxime de prezos e reservas

Sen prexuízo do establecido sobre prezos, publicidade e reservas recollidos na normativa específica en vigor, os albergues turísticos cumprirán coas exixencias previstas na normativa autonómica vixente na materia.

Artigo 11. Duración da estadía

1. O prazo de duración da estadía será o que libremente se acorde entre as partes no momento da contratación.

2. Salvo pacto en contrario reflectido no documento de admisión, o dereito á ocupación da unidade de aloxamento pola/o usuaria/o comezará ás 13.00 horas do primeiro día do período contratado e rematará ás 10.00 horas do día sinalado como data de saída.

3. A prolongación do prazo de duración da estadía fixado no documento de admisión estará condicionada ao mutuo acordo entre a persoa titular e a/o usuaria/o.

Artigo 12. Período de funcionamento

O período de funcionamento do establecemento deberá ser comunicado a través da declaración responsable de inicio da actividade e calquera cambio que se efectúe ao respecto deberá ser comunicado.

Artigo 13. Libro de visitas da inspección turística e follas de reclamacións

1. En todos os albergues turísticos deberá existir un libro de visitas da inspección turística á disposición das inspectoras e inspectores de turismo.

2. Igualmente, os albergues turísticos deberán ter á disposición das persoas usuarias turísticas as follas de reclamacións de turismo, que lles serán facilitadas de forma inmediata cando as solicitasen e deberán exhibir ao público de xeito permanente un cartel anunciador da existencia das ditas follas de reclamación á disposición das persoas usuarias, de acordo co establecido na normativa sectorial aplicable.

CAPÍTULO III
Distintivos e publicidade

Artigo 14. Distintivos

1. En todos os albergues turísticos será obrigatoria a exhibición na parte exterior da entrada principal nun lugar moi visible dunha placa identificativa normalizada en que figure o distintivo correspondente á categoría en que foi clasificado o establecemento. Os modelos, dimensións e cores das placas identificativas son os que constan no anexo I desta disposición.

A placa identificativa conterá, sobre fondo azul turquesa, as letras que correspondan á categoría.

2. Así mesmo, en todos os establecementos se identificará o espazo e instalacións dedicados de forma permanente á explotación turística. En particular, esa identificación deberá figurar no exterior das habitacións e poderá ser numérica ou nominal. Cando as habitacións estean situadas en máis dunha planta, o primeiro ou primeiros díxitos do número que as identifique indicará a planta e os restantes díxitos identificarán a habitación.

Artigo 15. Publicidade

1. Na publicidade ou propaganda impresa, facturas e demais documentación deberá indicarse, de xeito que non induza a confusión, a categoría en que está clasificado o establecemento.

2. Ningún albergue turístico poderá usar unha denominación, rótulo ou distintivo diferentes dos que lle correspondan pola súa categoría, nin exhibir outra categoría que aquela en que se atope clasificado.

3. Queda prohibido o emprego da palabra turismo, así como a de parador reservada á Administración turística do Estado, e a de pousada reservada á Administración turística galega, como título ou subtítulo dos establecementos turísticos consonte a normativa vixente en materia de turismo.

4. Queda, así mesmo, prohibido o uso de iniciais, abreviaturas ou termos que poidan inducir a confusión.

CAPÍTULO IV
Requisitos técnicos

Sección 1ª. Requisitos comúns

Artigo 16. Capacidade

1. A capacidade máxima do establecemento virá determinada polo número de prazas en camas dobres, individuais ou liteiras existentes nos cuartos.

2. A capacidade do albergue turístico deberá exhibirse publicamente nun lugar de fácil visibilidade.

Artigo 17. Instalacións e servizos mínimos

1. Os albergues turísticos, calquera que for a súa categoría, disporán das seguintes instalacións e servizos:

a) Subministración de auga corrente potable, quente e fría, durante as 24 horas do día, e de enerxía eléctrica garantida, con puntos de luz e tomas de corrente en todas as habitacións e zonas de uso común, adaptadas en número á normativa técnica vixente.

b) Calefacción tanto nas dependencias de uso xeral para a clientela como nos cuartos, que deben acadar e manter durante a súa utilización unha temperatura ambiental mínima de 19º C.

c) Zona de recepción da clientela, con atención telefónica de 24 horas. Os albergues de máis de 20 prazas deberán contar, así mesmo, con atención presencial de 8 horas.

d) Os establecementos deberán dispor dun número de teléfono de contacto e teléfono á disposición da clientela, sen sobrecargas adicionais ao custo da tarifa.

e) Caixa de primeiros auxilios.

f) Armarios ou compartimentos suficientes para a equipaxe de cada persoa usuaria, así como espazo para depositar o calzado.

g) Limpeza diaria das instalacións e dos cuartos.

h) Instalacións para lavar e tender a roupa e máquina ou máquinas necesarias para efectuar o lavado e secado na seguinte proporción: unha máquina por cada 30 prazas ou fracción.

i) Servizo de acceso á internet vía wifi en zonas comúns para a clientela do establecemento, salvo que tecnicamente non sexa posible.

2. Os albergues turísticos que establezan horarios de peche e apertura nas normas de réxime interior poderán limitar a entrada de acordo co horario establecido. Non obstante, deberán permitir a saída en todo momento.

Artigo 18. Cuartos

1. Para os efectos do regulado neste decreto, entenderanse por cuartos as dependencias destinadas a dormitorios da clientela. Os cuartos poderán ser individuais, dobres ou de capacidade múltiple.

Ao menos o 50 % das prazas destinaranse a cuartos de capacidade múltiple.

2. Os cuartos deberán dispoñer de iluminación natural e ventilación directa ao exterior ou a un patio descuberto, mediante ventá, balcón ou galería aperturable.

No caso de habitacións que dean a un patio interior cuberto, este deberá cumprir os requisitos establecidos no Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia, para os efectos de garantir unha iluminación e ventilación adecuadas.

A superficie dos ocos das fiestras, incluídos os marcos, será do 10 % da superficie da habitación cun mínimo de 1,20 metros cadrados en cuartos cunha profundidade máxima de 7,50 metros. No caso de cuartos cunha profundidade superior, a superficie dos ocos, incluídos os marcos, será como mínimo de 1/6 da superficie do cuarto.

3. Todos os cuartos disporán dalgún sistema de escurecemento que impida o paso da luz á vontade da clientela.

4. A altura mínima dos cuartos e do resto das dependencias de uso xeral será a establecida no Decreto 29/2010, do 4 de marzo.

Así mesmo, seralles aplicable aos albergues turísticos a regulación das pezas baixo cuberta establecida no Decreto 29/2010, do 4 de marzo.

Nas pezas baixo cuberta permitirase a instalación de liteiras nas zonas que teñan a altura mínima exixida segundo o establecido no parágrafo primeiro do presente número.

5. O seu mobiliario mínimo estará formado por camas ou liteiras, mesas de noite, e armarios ou compartimentos e puntos de luz.

As camas ou liteiras deberán contar cos elementos necesarios para o seu uso, como mínimo, dun xogo completo de lenzaría, manta ou edredón e almofada.

6. As dimensións mínimas das camas dobres serán de 1,90 metros de longo por 1,35 metros de largo, das individuais de 1,90 metros por 0,90 metros e das liteiras de 1,90 metros por 0,80 metros.

As liteiras poderán ser de dúas alturas como máximo e deberán contar coas debidas medidas de seguridade para evitar caídas.

7. Os mobles de liteiras non poderán superar as dúas alturas. A distancia entre liteiras ou camas será de, polo menos, 0,80 metros, e estarán distribuídas de xeito que exista un corredor de saída de, polo menos, 1 metro de largo.

En ningún caso poderán colocarse liteiras emparelladas nin de dúas prazas.

8. A capacidade de cada cuarto deberá estar indicada na súa entrada.

Artigo 19. Servizos hixiénicos

1. Os servizos hixiénicos, que poderán ser individuais ou colectivos, deberán dispor dunha ventilación suficiente, directa ou asistida, con renovación do aire. As paredes, chans e teitos estarán revestidos de materiais de fácil limpeza.

2. Os chans serán de material antiescorregadizo. Deberán contar como mínimo con lavabos, duchas e inodoros, espellos e estantes ou perchas que permitan a disposición adecuada dos efectos persoais, así como biombos nas duchas. Así mesmo, poñerase á disposición de cada hóspede unha toalla de baño.

Ao lado de cada lavabo existirá unha toma de corrente.

As duchas e lavabos disporán de auga corrente quente e fría a todas as horas.

3. Con independencia de que os servizos hixiénicos se atopen ou non dentro das habitacións, estes contarán, polo menos, coas seguintes pezas: prato de ducha, lavabo e inodoro.

4. Nos servizos colectivos existirá unha separación de chan a teito entre a zona dos inodoros e as duchas e pode existir comunicación entre ambas as zonas a través dunha porta con peche.

As portas de acceso aos servizos estarán dotadas dun sistema que permita o peche por elas mesmas ou sistema que impida a visión ao seu interior.

Artigo 20. Servizo de comedor

1. Os albergues poderán prestar ou non o servizo de comedor (almorzos, xantares e ceas).

2. A prestación do servizo de comedor terá lugar dentro do horario sinalado pola dirección do establecemento que, en todo caso, comprenderá un período mínimo de dúas horas e media para o xantar e a cea, e de tres horas para o almorzo.

3. Os establecementos que oferten servizo de comedor poderán prestalo contando con comedor no albergue, que terá unha superficie mínima de 1,5 metros cadrados por praza e, en todo caso, un mínimo de 15 metros cadrados, ou, se for o caso, a través de restaurante, segundo se establece no artigo 22.

Nos albergues que conten cun número de prazas inferior a oito poderá prestarse o servizo de comedor na sala de estar regulada no artigo 21.

4. No caso de albergues que oferten o servizo de comedor, as cociñas estarán dotadas dos elementos necesarios para a conservación e tratamento de alimentos, e deberá dispor dos elementos necesarios en proporción á capacidade máxima do aloxamento.

5. As cociñas disporán de ventilación ao exterior directa ou asistida e tamén de aparellos para a renovación do aire e a extracción de fumes.

Os chans e as paredes estarán revestidos de materiais non porosos e de fácil limpeza.

Artigo 21. Sala de estar

Os albergues contarán cunha sala de estar dotada de mobiliario adecuado e suficiente para o uso a que se destine, cunha superficie de 1 metro cadrado por praza para albergues de segunda categoría e de 1,5 metros cadrados para albergues de primeira categoría, e a mínima exixida será de 15 metros cadrados.

Os albergues que non dispoñan de cociña para uso propio das persoas usuarias turísticas deberán contar na sala de estar, para a utilización polas persoas usuarias turísticas, cun frigorífico, un microondas e un vertedeiro por cada 50 prazas ou fraccións.

Artigo 22. Servizos de restauración

Se no mesmo edificio estiver autorizada a actividade turística de restaurante a nome do titular do albergue turístico, a área do comedor do restaurante poderá ser considerada como comedor do albergue. Para o caso de que sexa preciso compartir determinados espazos comúns do albergue turístico, non se prexudicarán os dereitos da clientela do aloxamento e do restaurante.

Sección 2ª. Criterios de clasificación para os albergues turísticos
de primeira e segunda categoría

Artigo 23. Cuartos

1. A superficie útil mínima do cuarto individual, excluíndo do cómputo a superficie ocupada polos servizos hixiénicos, será de 7 metros cadrados, no caso de albergues turísticos de primeira categoría, e de 6 metros cadrados nos albergues turísticos de segunda categoría.

2. A superficie útil mínima do cuarto dobre, excluíndo do cómputo a superficie ocupada polos servizos hixiénicos, será de 12 metros cadrados, no caso de albergues turísticos de primeira categoría, e de 10 metros cadrados nos albergues turísticos de segunda categoría.

3. Nas habitacións de capacidade múltiple dos albergues turísticos de primeira categoría, a superficie útil mínima por praza en liteira será de 4 metros cadrados, e por praza en cama individual de 4,5 metros cadrados. No caso dos albergues turísticos de segunda categoría, esta será de 3 metros cadrados por praza en liteira e de 3,5 metros cadrados por praza en cama individual.

4. Os albergues turísticos de primeira e segunda categoría deberán contar con enchufes individuais por praza.

Artigo 24. Cambio de lenzaría

1. Nos albergues turísticos de primeira categoría o cambio de lenzaría dos cuartos deberá realizarse, como mínimo, unha vez cada tres días e, no caso dos albergues turísticos de segunda categoría, unha vez cada catro días.

2. O cambio de lenzaría de baño realizarase como mínimo cada dous días nos albergues turísticos de primeira categoría e cada tres días nos albergues turísticos de segunda categoría.

Artigo 25. Servizos hixiénicos

A instalación de servizos hixiénicos de uso colectivo deberá manter a proporción mínima dun por cada 8 prazas ou fracción nos albergues turísticos de primeira categoría e dun por cada 10 prazas ou fracción nos albergues turísticos de segunda categoría, excluíndo para o citado cómputo as prazas que dispoñan de servizos hixiénicos de uso exclusivo. En todo caso, todos os albergues turísticos contarán cun mínimo de dous servizos hixiénicos de uso colectivo, nos cales deberá establecerse separación por sexos.

Artigo 26. Servizo de cociña

Os albergues turísticos de primeira categoría disporán dunha cociña para o uso das persoas usuarias turísticas, que estará equipada con vaixela, mesados, vertedeiros con billas de auga corrente, armarios ou aparadores, escorredoiro de vaixelas, frigorífico e forno ou microondas, así como lugar dispoñible para usar fogóns propios, e ás cales lles será de aplicación o disposto no artigo 20.5.

Artigo 27. Ascensores

Os albergues turísticos de primeira categoría deberán instalar ascensor no caso de contar con planta baixa máis dúas plantas e, no caso dos albergues turísticos de segunda categoría, deberán instalalo a partir da planta baixa máis tres plantas.

Artigo 28. Outros servizos nos albergues turísticos de primeira categoría

Os albergues turísticos de primeira categoría deberán contar cos seguintes servizos:

– PC con conexión á internet á disposición das persoas usuarias turísticas, na zona de recepción da clientela, excepto que tecnicamente non sexa posible.

– Cociña á disposición da clientela.

Sección 3ª. Albergues de peregrinos do Camiño de Santiago

Artigo 29. Albergues de peregrinos do Camiño de Santiago

1. Constitúen unha categoría especial de albergue turístico os albergues de peregrinos do Camiño de Santiago, que deberán cumprir os requisitos mínimos establecidos no decreto para os albergues turísticos de segunda categoría.

2. Corresponde á Dirección da Axencia Turismo de Galicia o recoñecemento desta condición aos albergues que, estando situados nunha área de 3 km arredor do Camiño de Santiago, estean xestionados por entidades sen ánimo de lucro e reúnan como elementos esenciais no desenvolvemento da súa actividade a función hospitalaria ao/á peregrino/a.

3. O/as titulares dos albergues de peregrinos/as do Camiño de Santiago, para obteren o recoñecemento desta categoría, deberán presentar ante a Axencia Turismo de Galicia unha declaración responsable segundo o modelo normalizado previsto no anexo III. A forma de presentación desta declaración responsable efectuarase nos termos previstos no artigo 30.

CAPÍTULO V
Réxime para o exercicio da actividade

Artigo 30. Forma de presentación das solicitudes, comunicacións e declaracións responsables e documentación

1. As solicitudes, comunicacións e declaracións responsables reguladas neste decreto deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes, comunicacións e declaracións responsables será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes, comunicacións e declaracións responsables en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa interesada ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa interesada desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 31. Informe potestativo previo

1. As empresas turísticas que proxecten a apertura, construción ou modificación dun albergue turístico, antes de iniciaren calquera tipo de actuación ou trámite ante o concello correspondente, poderán solicitar da Axencia Turismo de Galicia un informe relativo ao cumprimento dos requisitos mínimos de infraestrutura e servizos, empregando o modelo normalizado que figura no anexo II desta norma.

2. O órgano competente para a emisión deste será a Área Provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento ou se prevexa que vaia radicar, que deberá emitilo no prazo máximo de dous meses, con expresa inclusión do pronunciamento correspondente á clasificación solicitada. A validez do informe será dun ano sempre que permaneza en vigor a normativa turística respecto da cal se emite informe.

3. En ningún caso este informe será suficiente para a clasificación do establecemento e debe contar coa correspondente clasificación turística prevista neste decreto.

4. Coa solicitude de informe previa xuntarase unha memoria que describa e xustifique os requisitos recollidos neste decreto referidos ás infraestruturas e servizos mínimos, así como planos acoutados a escala da distribución de plantas e de sección.

Artigo 32. Inicio da actividade

1. O/a empresario/a turístico/a que pretenda desenvolver a actividade de aloxamento turístico na modalidade de albergue turístico regulada neste decreto deberá presentar ante a Área Provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento unha declaración responsable na cal manifeste o cumprimento dos requisitos previstos na normativa turística para a clasificación pretendida e o compromiso de mantelos durante o tempo de vixencia da actividade, mediante o modelo normalizado previsto no anexo III.

En todo caso, esta declaración responsable referirase expresamente á tenza da documentación que se establece no artigo 34.1.

2. Esta declaración presentarase, logo de pagamento das correspondentes taxas, de conformidade co disposto no artigo 14.1.b) da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Coa declaración responsable xuntarase:

a) Proxecto técnico legalmente exixible, asinado por persoal técnico competente, que serviu de base para a presentación da correspondente comunicación previa ou, se for o caso, solicitude de licenza de obra ante o concello en que radique o albergue turístico.

b) Solicitude de dispensa, se é o caso, e documentación acreditativa para o efecto.

c) Acreditación do pagamento das taxas correspondentes.

4. A presentación da declaración responsable, nas condicións previstas neste decreto, habilita para o desenvolvemento da actividade turística en que se autoclasificou a persoa interesada desde o día da súa presentación, sen prexuízo do cumprimento das demais obrigas exixidas noutras normas que lles resulten de aplicación.

5. Esta habilitación para o desenvolvemento da actividade turística non exime o/a empresario/a turístico/a do deber de obter as autorizacións, permisos, licenzas e/ou informes que establezan as distintas normativas sectoriais e municipais que lle son de aplicación.

6. Se a declaración responsable contén algunha deficiencia ou omisión, de carácter esencial, nos datos ou manifestacións, ou non se achega a documentación exixida neste decreto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de 10 días, emende a falta, con indicación de que, se así non o fixer, se procederá nos termos previstos no artigo 35.2 do decreto.

Artigo 33. Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Atendendo á declaración responsable debidamente efectuada conforme as previsións deste decreto, a Área Provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento inscribirá de oficio o establecemento no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante REAT) e emitirá un documento que acredite tal inscrición, salvo que se tivesen omitido datos ou documentos de carácter esencial ou se deduza da declaración que non reúne os requisitos previstos neste decreto para a clasificación solicitada.

2. A citada inscrición notificarase á persoa interesada no prazo máximo de 15 días desde que a declaración responsable tivese entrada no Rexistro da Área Provincial correspondente da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 34. Actuación administrativa de comprobación

A Área Provincial da Axencia correspondente efectuará as comprobacións, controis e inspeccións necesarias relativas á veracidade dos datos declarados, ao cumprimento dos requisitos establecidos na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, e neste decreto, e á tenza e validez formal da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da personalidade xurídica da persoa interesada.

b) Título ou contrato que probe a libre dispoñibilidade, por parte da persoa titular do establecemento onde se exerce a actividade. Se a titularidade corresponde a unha persoa xurídica, escritura de constitución da sociedade e poderes da persoa interesada para o caso de que non se deduza claramente da escritura social.

c) Seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos das persoas usuarias do establecemento por danos corporais, danos materiais e os prexuízos económicos causados que deriven do desenvolvemento da súa actividade.

d) Comunicación previa de inicio de actividade presentada ante o concello en que radique o establecemento e, se é o caso, comunicación previa ou licenza de obras.

Artigo 35. Resolución

1. A Área Provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento, unha vez tramitado o oportuno expediente e previa audiencia á persoa titular do albergue turístico, elevarao xunto co seu informe á Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que ditará a resolución que corresponda. No caso de ditarse resolución de conformidade co declarado, recollerá expresamente a categoría e demais condicións do establecemento, segundo a declaración responsable presentada pola persoa interesada.

2. A comprobación polos órganos competentes da inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, dos datos declarados, así como a falta de presentación da declaración responsable, a non dispoñibilidade da documentación preceptiva ou o incumprimento dos requisitos que resulten de aplicación, determinarán a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade desde o momento en que se tivese constancia de tales feitos, en consonancia co disposto no artigo 106 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, e sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar.

A Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará, logo de audiencia á persoa interesada, a oportuna resolución que declare a inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, dos datos declarados, así como a falta de dispoñibilidade da documentación preceptiva ou o incumprimento dos requisitos que resulten de aplicación, e acordará a baixa do albergue turístico, así como a cancelación da inscrición do mesmo no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a resolución determinará expresamente a imposibilidade de presentar unha nova declaración responsable co mesmo obxecto durante o prazo que, de xeito motivado, se estableza na devandita resolución, que, como mínimo, será de dous meses e, como máximo, de seis meses, e poderá determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento previo ao exercicio da actividade.

3. Para os efectos do establecido no número anterior, considerase de carácter esencial aquela inexactitude, falsidade ou omisión en calquera dato, manifestación ou documento incorporado á declaración responsable que afecte a clasificación turística en canto á categoría, así como os seguros e documentación complementaria que, se for o caso, sexan exixibles segundo o disposto neste decreto.

4. A devandita resolución ditarase e notificarase no prazo máximo de tres meses, contados desde a entrada da documentación completa prevista neste artigo, no Rexistro da Área Provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento.

Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, entenderase que os datos do establecemento recollidos na declaración responsable presentada se axustan aos requisitos exixidos na normativa vixente.

Artigo 36. Dispensa

1. Con carácter excepcional, logo de solicitude da persoa interesada, que deberá constar na declaración responsable de inicio da actividade, a Dirección da Axencia Turismo de Galicia poderá, en atención ás especiais circunstancias que se poidan dar, ponderadas en conxunto as condicións exixidas aos albergues e o número e calidade dos servizos ofrecidos, e logo do informe técnico da inspección turística, dispensar, mediante resolución motivada, os albergues turísticos, dos requisitos relativos:

a) Ás superficies mínimas exixidas para cada categoría no artigo 23, sempre que, respectando a normativa específica sobre a materia, non supoña máis dun 10 % da superficie mínima exixida a cada categoría.

b) Superficie mínima exixida para a sala de estar, sempre que se respecte o mínimo de 15 metros cadrados e non supoña máis dun 10 % da superficie exixida.

c) Ao ascensor sempre que persoal técnico competente ou a Administración competente xustifiquen a imposibilidade técnica da súa instalación.

2. Así mesmo, os establecementos instalados en edificios que, na súa totalidade ou en parte, se achen protexidos polos seus valores arquitectónicos, históricos ou artísticos, ou situados en espazos naturais, poderán ser dispensados, nos termos establecidos no número 1, de calquera outro requisito establecido como obrigatorio neste decreto, cando persoal técnico competente ou a Administración competente xustifiquen a imposibilidade de cumprilo debido ás condicións técnicas ou estruturais das edificacións ou limitacións ambientais.

3. A resolución sobre a dispensa solicitada ditarase e notificarase no prazo de dous meses contados desde que a declaración responsable en que conste teña entrada no Rexistro da Área Provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento.

Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

4. Os albergues turísticos recoñecidos coa categoría de albergue de peregrinos do Camiño de Santiago poderán ser dispensados nos termos establecidos no número 1 e de calquera outro requisito establecido como obrigatorio neste decreto, cando persoal técnico competente ou a Administración competente xustifiquen a imposibilidade de cumprilo debido ás condicións técnicas, estruturais ou de calquera outra índole das edificacións ou limitacións ambientais e así sexa apreciado pola Administración turística de Galicia.

En todo caso, será necesario que a superficie útil a que se refire o artigo 23.3 sexa, como mínimo, de 2 metros cadrados por praza en liteira e de 2,5 metros cadrados por praza en cama individual.

Artigo 37. Cambios e reformas substanciais

1. Son cambios ou reformas substanciais os que afectan a categoría ou capacidade e calquera outra que afecte as condicións ou requisitos conforme os cales se outorgou a clasificación turística.

2. A realización de calquera cambio ou reforma substancial require a presentación ante a Axencia Turismo de Galicia da correspondente declaración responsable, segundo o modelo normalizado previsto no anexo IV, na cal farán constar que dispoñen da documentación xustificativa dos devanditos cambios.

Esta declaración presentarase, logo do pagamento das correspondentes taxas, de conformidade co disposto no artigo 14.1.b) da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunto á declaración responsable, achegarase:

a) O proxecto previsto no artigo 32.3, se é o caso.

b) Solicitude de dispensa, se é o caso, e documentación acreditativa para o efecto.

c) Acreditación do pagamento das taxas correspondentes.

3. A declaración dirixirase á Área Provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento, que anotará no REAT as modificacións realizadas e, se é o caso, a nova clasificación.

4. A Área Provincial da Axencia realizará as comprobacións, controis e inspeccións necesarios relativos á veracidade dos datos declarados e á tenza da documentación que se declara.

No caso de comprobarse a inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial dos datos declarados, así como a falta de presentación da declaración responsable dos cambios ou reformas substanciais levadas a cabo, procederase segundo dispón o artigo 35.

5. Unha vez instruído o correspondente expediente e feitas as comprobacións oportunas procederá, logo de audiencia da persoa titular do albergue turístico, a elevalo, xunto co seu informe, á Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que ditará a resolución que corresponda.

6. O expediente resolverase no prazo de tres meses, contados desde a entrada da documentación completa prevista neste artigo, no Rexistro da Área Provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o albergue turístico.

Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase que os datos do establecemento recollidos na declaración responsable presentada se axustan aos requisitos exixidos na normativa vixente.

Artigo 38. Cambios non substanciais e cesamento da actividade

1. Os cambios de titularidade, cambios na escritura social e aqueles outros que non supoñan reformas substanciais, así como os cesamentos de actividade, requirirán da súa comunicación á área da Axencia da provincia en que se sitúe o establecemento.

2. A comunicación efectuarase mediante modelo normalizado, previsto no anexo V, no prazo máximo de 10 días desde que se tivesen producido.

3. A comunicación dos cambios non substanciais e do cesamento da actividade elevarase, xunto cun informe, á dirección competente por razón da materia da Axencia Turismo de Galicia, que procederá á anotación no REAT dos cambios producidos ou do cesamento da actividade.

Artigo 39. Baixa de oficio e modificación da clasificación

1. Para o caso de que non se comunicase o cesamento da actividade, procederase á baixa de oficio e correspondente cancelación da inscrición no REAT dos establecementos regulados neste decreto, logo da instrución do oportuno procedemento pola Área Provincial da Axencia Turismo de Galicia na cal radique o establecemento, no cal se dará audiencia ás persoas interesadas. Neste caso poderase incoar o correspondente expediente sancionador.

A resolución dos procedementos de baixa de oficio por non comunicar o cesamento da actividade corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia.

2. As clasificacións comprobadas poderán ser modificadas pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia cando se incumprisen ou desaparecesen as circunstancias que as motivaron ou sobreviñesen outras que xustifiquen a súa reclasificación ou denegación.

3. A modificación de oficio de grupo ou categoría dos establecementos que deixen de cumprir cos requisitos que se tiveron en conta no momento de concederlle a preceptiva clasificación turística efectuaraa a Dirección da Axencia, despois da tramitación do oportuno procedemento pola súa área provincial correspondente, en que se dará audiencia á persoa interesada.

4. No caso de producirse a modificación de oficio da clasificación dun albergue turístico, a persoa interesada non poderá presentar unha nova declaración responsable no prazo que se estableza na resolución que acorde a modificación, que, como mínimo, será de dous meses e, como máximo, de seis meses.

CAPÍTULO VI
Réxime sancionador

Artigo 40. Infraccións e sancións

O incumprimento do disposto neste decreto pola persoa titular dos albergues turísticos dará lugar ás sancións que, se for o caso, correspondan, conforme a Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación das solicitudes, declaracións responsables e comunicacións reguladas neste decreto, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, declaracións responsables e comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado «Rexistros» cuxo obxecto é xestionar os procedementos regulados neste decreto, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta axencia mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo electrónico: secretaria.turismo@xunta.es

Disposición adicional segunda. Modelos normalizados e modificación de formularios

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia terá á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos procedementos regulados no decreto máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados aos procedementos previstos neste decreto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio dos expedientes

Os expedientes en curso na data de entrada en vigor deste decreto tramitaranse e resolveranse conforme as disposicións vixentes no momento da súa iniciación.

Para estes efectos consideraranse expedientes en curso aqueles proxectos redactados por técnico competente e que xa fosen presentados ante calquera outra Administración ou entidade para os efectos de obter as preceptivas licenzas ou de presentar comunicacións ou declaracións responsables, de conformidade coa normativa que resulte de aplicación. En todo caso, establécese o prazo dun ano para levar a cabo os devanditos proxectos e presentar a declaración responsable para o inicio de actividade de establecemento hoteleiro regulada neste decreto. Se, transcorrido o prazo dun ano, non se ten presentada a citada declaración, serán de aplicación as prescricións establecidas neste decreto.

Disposición transitoria segunda. Réxime aplicable aos albergues turísticos clasificados.

Os albergues turísticos que, con anterioridade á entrada en vigor desta norma, así como os mencionados na anterior disposición, estivesen autorizados nalgunha categoría, serán reclasificados de oficio no prazo de 2 anos, despois da audiencia á persoa interesada, nas seguintes categorías: os albergues turísticos de tres estrelas clasificaranse en albergues turísticos de primeira categoría e os de dúas e unha estrela clasificaranse en albergues turísticos de segunda categoría.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 267/1999, do 30 de setembro, polo que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros, en todo aquilo que regule os albergues turísticos, e as normas que o desenvolvan.

2. Queda derrogado o Decreto 66/2001, do 22 de marzo, polo que se determina a documentación relativa á xustificación do cumprimento da normativa de accesibilidade e de prevención e protección contra incendios que deberán presentar as persoas interesadas nos procedementos de autorizacións turísticas, no relativo aos albergues turísticos.

3. Queda derrogada a Orde do 10 de maio de 2010 pola que se aproban e se dá publicidade aos modelos oficiais de declaración responsable e comunicación previa relativos a actividades de servizos turísticos, en relación co modelo de declaración responsable para os albergues turísticos.

4. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo e modificación de anexos

1. Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de turismo para o desenvolvemento das disposicións contidas neste decreto, no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

2. Habilítase a persoa titular da consellaría competente en materia de turismo para a modificación dos anexos I, II, III, IV e V.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de abril de dous mil dezaseis

O presidente
P.S. (Decreto 44/2016)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Modelos de placas distintivas a que fai referencia o artigo 14 do decreto

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file