Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 4 de maio de 2016 Páx. 16562

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Resolución do 18 de marzo de 2016 pola que se convocan para o ano 2016 as subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

BDNS (Identif.): 304910.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As comunidades de propietarios/as e as agrupacións de comunidades de propietarios/as, legalmente constituídas, así como as persoas propietarias únicas de edificios de carácter predominantemente residencial.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, para a anualidade 2016.

2. Estas subvencións están destinadas a cubrir parte dos gastos dos honorarios profesionais derivados da emisión dun informe de avaliación dos edificios que inclúa a análise das condicións de accesibilidade, eficiencia enerxética e do seu estado de conservación.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios están aprobadas pola Orde do 9 de marzo de 2015, publicada no Diario Oficial de Galicia núm.163, do 6 de abril.

Cuarto. Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, por importe de 600.000 €.

2. A axuda consistirá nunha cantidade máxima de 20 euros por cada unha das vivendas das que conste o edificio e unha cantidade máxima de 20 euros por cada 100 m2 de superficie útil de local, sen que en ningún caso se poida superar a cantidade de 500 euros, nin o 50 % do custo do informe de avaliación do edificio, excluído o IVE correspondente.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2016

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda