Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 27 de setembro de 2016 Páx. 44095

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 126/2016, do 8 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade da avenida Elena Quiroga a prol do Concello do Barco de Valdeorras.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello do Barco de Valdeorras solicita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade da avenida Elena Quiroga, cunha lonxitude de 0,4 km ao seu paso polo concello.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da avenida Elena Quiroga de lonxitude 0,4 km, a cal actúa como variante da N-536 ao seu paso polo núcleo de Viloira. Está delimitada entre a ponte de San Fernando, a estrada autonómica OU-121 e un cemiterio.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello do Barco de Valdeorras:

– Avenida Elena Quiroga cunha lonxitude de 0,4 km.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello do Barco de Valdeorras deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello do Barco de Valdeorras, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda