Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 1 de decembro de 2016 Páx. 53299

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática en desenvolvemento do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia.

O plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia foi establecido polo Decreto 179/2015, do 29 de outubro, en desenvolvemento do Real decreto 630/2010, do 14 de maio, regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Arte Dramática establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

O dito plan de estudos regula a estrutura das ensinanzas, así como as condicións de acceso, matrícula, organización e avaliación, en consonancia co disposto no Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores.

Así mesmo, o citado plan de estudos prevé o recoñecemento e transferencia de créditos nas ensinanzas superiores de Arte Dramática, e o Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, sobre recoñecemento de estudos no ámbito da educación superior, establece o réxime de recoñecemento de ensinanzas entre as diferentes ensinanzas que constitúen a educación superior.

En consecuencia, procede establecer os procedementos que desenvolvan o previsto no citado Decreto 179/2015, do 29 de outubro, co obxecto dunha correcta organización académica nos centros que imparten estas ensinanzas.

De conformidade co exposto, e de acordo coa disposición derradeira primeira do citado Decreto 179/2015, do 29 de outubro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática en desenvolvemento do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A presente orde será de aplicación nos centros públicos e privados autorizados do ámbito territorial de competencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos que se impartan as ensinanzas superiores de Arte Dramática, en calquera das súas especialidades.

CAPÍTULO II
Acceso e admisión

Artigo 3. Requisitos xerais para o acceso

1. De acordo co establecido no artigo 5.1 do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes ao título superior de Arte Dramática, en calquera das súas especialidades, requirirá estar en posesión do título de bacharelato, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 55.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De acordo co establecido no artigo 5.2 do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, para os maiores de dezaoito anos de idade que non cumpran os requisitos xerais para o acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática, a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores convocará, polo menos unha vez ao ano, a proba establecida no artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Para a realización desta proba que substitúe o requisito de titulación, será necesario cumprir, ou ter cumpridos, os dezaoito anos no ano no que se realice esta.

Artigo 4. Proba específica de acceso

1. A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática terá como finalidade valorar a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas.

2. A superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática faculta, unicamente, para matricularse no ano académico e na especialidade para o que a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado nos que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

3. O resultado da avaliación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática expresarase en termos numéricos nunha escala do 0 ao 10, con dous decimais, resultado da media aritmética das cualificacións emitidas polos membros do tribunal correspondente. Considerarase a proba superada para as cualificacións iguais ou superiores a cinco.

Artigo 5. Características da proba específica de acceso

A proba de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática será realizada por especialidades. Constará dunha única proba que comprenderá diferentes exercicios, referidos á especialidade pola que opten os aspirantes.

a) Na especialidade de dirección escénica e dramaturxia consistirá, como mínimo, nun traballo escrito que implicará o desenvolvemento dunha proposta escénica, nun exercicio breve de dirección de grupos, na escrita dun texto breve a partir dunha situación dramática, e nunha entrevista persoal.

b) Na especialidade de escenografía, consistirá, como mínimo, na realización dun debuxo do natural e dun deseño escenográfico a partir dos motivos que en cada caso se propoñan, e nunha entrevista persoal.

c) Na especialidade de interpretación consistirá, como mínimo, en dúas sesións de traballo cunha duración non superior a catro horas cada unha nas que se realizarán diferentes actividades expresivas propias da especialidade, e nunha entrevista persoal.

O tribunal encargado da organización, realización e cualificación da proba específica de acceso poñerá en coñecemento dos/das aspirantes o contido e a duración da entrevista persoal establecida nas letras a), b) e c deste artigo e os criterios de cualificación desta.

Artigo 6. Proba que substitúe o requisito de titulación

1. As persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos, non cumpran os requisitos xerais de titulación, deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A superación da dita proba, que substitúe o requisito de titulación, terá validez permanente para o acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática en todo o Estado.

2. O resultado da avaliación da proba a que se refire o punto anterior expresarase en termos de apto/a ou non apto/a.

3. A superación da dita proba será condición indispensable para concorrer á proba específica de acceso sinalada no artigo 4.

4. A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores determinará a estrutura e contidos da probas que substitúe o requisito de titulación.

Artigo 7. Convocatoria de probas de acceso

1. A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores convocará, cando menos unha vez ao ano, a proba específica e a proba de acceso que substitúe o requisito de titulación.

2. A proba ordinaria realizarase nos meses de xuño e/ou xullo, e a extraordinaria, de ser o caso, no mes de setembro.

3. Para a organización, realización, avaliación e cualificación da proba específica de acceso, tanto para os centros sustentados con fondos públicos como para os centros privados autorizados, constituirase un tribunal, por especialidade, nomeado pola dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, integrado, cando menos, por cinco membros, en número impar en calquera caso, dos corpos de catedráticos/as de música e artes escénicas ou de profesores/as de música e artes escénicas, con destino no centro, e de entre os seus integrantes un/ha presidente/a e un/ha secretario/a.

Artigo 8. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, os/as aspirantes ao acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Arte Dramática que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás ditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Arte Dramática, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Artigo 9. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

De acordo co establecido nos artigos 34 e 36.d) da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia no que se imparta algunha das especialidades das ensinanzas superiores de Arte Dramática, reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, e que reúna os requisitos académicos establecidos.

CAPÍTULO III
Matrícula, promoción e permanencia

Artigo 10. Matrícula

1. O alumnado só poderá realizar matrícula con carácter presencial nas ensinanzas superiores de Arte Dramática, en calquera das súas especialidades.

2. A matrícula no primeiro curso das ensinanzas superiores de Arte Dramática será de curso completo. Excepcionalmente, a dirección do centro poderá autorizar a matrícula para o primeiro curso dun mínimo de trinta créditos ECTS, sempre por causas xustificadas como compatibilidade laboral, enfermidade grave, conciliación familiar ou outras análogas.

3. Para o segundo, terceiro e cuarto curso das ensinanzas superiores de Arte Dramática, o alumnado poderá formalizar matrícula, sempre cun mínimo de trinta créditos ECTS, ata un máximo de setenta e cinco. Para estes efectos, non se terán en conta os créditos das disciplinas nas que o alumnado teña solicitado recoñecemento de créditos.

4. O alumnado deberá matricularse, obrigatoriamente, naquelas disciplinas que teñan o carácter de formación básica, e naquelas disciplinas que non teñan superadas, de ser o caso, no curso académico anterior, sen prexuízo do cumprimento dos criterios de promoción establecidos nesta orde.

5. Habilitarase un período extraordinario de matrícula ao remate do primeiro cuadrimestre, que será determinado polos centros, para o efecto de que se poida matricular o alumnado que teña superado disciplinas pendentes ao longo do primeiro cuadrimestre.

6. O alumnado matricularase no traballo fin de estudos (TFE) ao comezo do ano académico correspondente, e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria respectivamente, para a superación desta disciplina. A avaliación e cualificación correspondente á convocatoria ordinaria realizarase ao remate do segundo cuadrimestre de cada ano académico, e a correspondente á convocatoria extraordinaria realizarase no mes de xullo. De ser o caso, o alumnado que non supere ou non presente o Traballo Fin de Estudos (TFE) no curso escolar en que finaliza os estudos, terá dereito a utilizar as convocatorias correspondentes durante o primeiro cuadrimestre do seguinte ano académico.

7. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a matrícula no Traballo Fin de Estudos (TFE) ao alumnado con disciplinas pendentes, sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 15.

Artigo 11. Renuncia de matrícula

1. O alumnado das ensinanzas superiores de Arte Dramática poderá renunciar á matricula unicamente da totalidade das disciplinas nas que se atope matriculado. A dita renuncia realizarase por escrito dirixida á dirección do centro e presentada con rexistro de entrada na secretaría deste, e suporá a perda da condición de alumno/a do dito centro partir do día seguinte ao da súa presentación.

2. A perda da condición de alumno/a por renuncia á totalidade da matrícula implicará a perda da praza obtida no centro, debendo concorrer a un novo proceso de admisión para continuar os seus estudos no mesmo ou diferente centro da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A perda da condición de alumno/a do centro pola renuncia á matrícula na totalidade das disciplinas nas que se atope matriculado/a non implicará a devolución dos prezos públicos aboados.

Artigo 12. Promoción

1. O alumnado das ensinanzas superiores de Arte Dramática disporá, con carácter xeral, de catro convocatorias para a superación das diferentes disciplinas integradas nestes estudos, agás no Traballo Fin de Estudos (TFE), no que soamente disporá de dúas convocatorias.

2. As convocatorias establecidas no punto anterior computaranse de xeito sucesivo e entenderanse esgotadas tanto no caso de que o alumnado non supere a disciplina como no caso de que non se presente ás probas programadas para a dita convocatoria.

3. O alumnado que esgotase as convocatorias establecidas no punto anterior, sen superar a disciplina correspondente, poderá solicitar por escrito, ante a dirección do centro no que estea matriculado, unha convocatoria adicional, de carácter extraordinario, por circunstancias especiais que deberá alegar e xustificar documentalmente, sen que se poida alegar como circunstancia especial a falta de rendemento académico.

4. O prazo para a presentación da solicitude sinalada no punto anterior abranguerá os cinco días lectivos seguintes á data de comunicación da cualificación da derradeira convocatoria.

5. A dirección do centro, unha vez recibida a solicitude de convocatoria sinalada no punto anterior, poderá solicitar un informe da xefatura do departamento da especialidade correspondente, no que consten cantas circunstancias se consideren relevantes para a resolución da solicitude, sen que entre estas poida figurar a falta de rendemento académico do/da alumno/a solicitante, resolvendo nun prazo non superior a dez días hábiles.

6. O alumnado que obteña autorización dunha convocatoria adicional deberá facer uso dela na convocatoria inmediatamente seguinte ao da data na que fose concedida, sen prexuízo da solicitude da anulación de convocatoria establecida na presente orde, da que o alumnado poida facer uso.

7. O alumnado poderá solicitar a anulación dunha convocatoria nunha ou varias disciplinas por causa xustificada e acreditada documentalmente, mediante escrito dirixido á dirección do centro, ata dez días lectivos antes da sesión de avaliación correspondente á convocatoria, sen que entre as ditas causas poida figurar a falta de rendemento académico. A dirección do centro, logo do informe da xefatura de estudos, resolverá o que proceda, nos cinco días lectivos seguintes ao da presentación da solicitude.

8. A presentación dunha solicitude de anulación de convocatoria fóra do prazo establecido no punto anterior só poderá ser admitida por causa de accidente ou enfermidade do/da solicitante, ou causa de forza maior, que será, en calquera caso, xustificada documentalmente, e valorada pola dirección do centro.

9. A concesión de anulación de convocatoria pola dirección do centro implicará que a dita convocatoria se considere como non consumida polo/a solicitante, sen prexuízo dos criterios da permanencia nas ensinanzas superiores de Arte Dramática establecidos nesta orde. Na acta de cualificación correspondente figurará a anotación AC (anulación de convocatoria).

10. A solicitude e obtención dunha convocatoria adicional ou dunha anulación de convocatoria por parte do alumnado non afectará ao dereito de asistencia ás actividades lectivas periódicas programadas na disciplina correspondente.

11. Contra a decisión da dirección do centro en relación á non concesión de convocatoria adicional ou de anulación de convocatoria, o alumnado poderá, no prazo de cinco días, interpor recurso de alzada perante a xefatura territorial correspondente, que resolverá segundo proceda.

Artigo 13. Permanencia

Non se poderá realizar matrícula na mesma especialidade durante máis de oito anos académicos nun centro oficial dependente da consellería competente en materia de educación da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das convocatorias adicionais ou anulacións de convocatoria que lle foran concedidas. Para estes efectos, computaranse todos os anos académicos nos que o alumnado teña realizado matrícula, con independencia da eventual renuncia a esta, do número de disciplinas nas que se teña matriculado e do número de créditos ECTS asociados a estas.

CAPÍTULO IV
Recoñecemento de créditos ECTS

Artigo 14. Criterios xerais para o recoñecemento de créditos ECTS nas ensinanzas superiores de Arte Dramática

1. Para o recoñecemento e transferencia de créditos haberá que aterse ao disposto no artigo 10 do Decreto 179/2015, do 29 de outubro.

2. O recoñecemento de créditos efectuarase, en todo caso, tendo en conta a adecuación dos contidos e competencias asociados ás disciplinas cursadas polo/a estudante e para os previstos no plan de estudos do centro de destino.

3. O recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina das ensinanzas superiores de Arte Dramática suporá a aceptación dos créditos obtidos noutras ensinanzas superiores para os efectos da obtención do título superior de Arte Dramática na especialidade que corresponda.

4. O dito recoñecemento suporá a validación ou exención de cursar a(s) disciplina(s) correspondente(s), para os efectos da obtención do título superior de Arte Dramática na especialidade que corresponda.

5. No caso do recoñecemento parcial dos créditos ECTS asociados a unha determinada disciplina das ensinanzas superiores de Arte Dramática, para a superación da totalidade desta o alumnado deberá cursar e superar a parte da programación docente desa disciplina que lle sinale o/a profesor/a correspondente, e a cualificación da disciplina recoñecida parcialmente será a resultante da media aritmética entre a cualificación obtida e a cualificación que o alumnado obteña na parte non recoñecida da disciplina.

6. A experiencia laboral e profesional acreditada polo alumnado das ensinanzas superiores de Arte Dramática poderá ser tamén obxecto de recoñecemento en forma de créditos ECTS, que se computarán para os efectos da obtención dun título oficial, sempre que a dita competencia estea relacionada coas competencias asociadas ao dito título. Os créditos ECTS recoñecidos pola experiencia laboral e profesional acreditada polo alumnado non poderá ser superior ao 15 por cento do total de créditos ECTS do plan de ensinanzas en que o/a alumno/a estea matriculado/a. O recoñecemento destes créditos ECTS non implicará cualificación destes polo que non computarán para os efectos de ponderación da cualificación media do expediente académico do alumnado. Os créditos ECTS recoñecidos pola experiencia profesional e laboral quedarán asociados ás materias optativas, segundo as distintas especialidades.

7. En ningún caso serán obxecto de recoñecemento os créditos ECTS asociados ao traballo de fin de estudos, ou a mestrados.

8. Nas disciplinas nas que se recoñeza a totalidade dos créditos ECTS asociados a estas, computarase a cualificación obtida no centro de procedencia.

9. No caso do recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina por ter cursado máis dunha disciplina, a cualificación da disciplina obxecto de recoñecemento será a resultante da media aritmética das cualificacións nas disciplinas consideradas para o recoñecemento.

10. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado nas que a cualificación sexa literal e numérica, respectarase a cualificación numérica.

11. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado nas que a cualificación sexa unicamente literal, considerarase a cualificación numérica segundo a seguinte equivalencia:

a) Aprobado/suficiente: 5,5.

b) Ben: 6,5.

c) Notable: 8,0.

d) Sobresaliente/matrícula de honra: 9,5.

12. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado nas que non exista cualificación, ou ben figuren como exento/a, validada, recoñecida ou adaptada, na disciplina cuxos créditos ECTS asociados se recoñezan non existirá cualificación, figurando como REC (recoñecida), e non computará para os efectos de ponderación da cualificación media do expediente académico do alumnado.

Artigo 15. Criterios específicos para o recoñecemento de créditos ECTS en función dos estudos cursados e superados

1. Estudos cursados en ensinanzas oficiais, en centros de ensinanzas artísticas superiores ou noutro centro do Espazo Europeo da Educación Superior. Con carácter xeral, os créditos obtidos polo alumnado das ensinanzas superiores de Arte Dramática, en ensinanzas oficiais, en centros de ensinanzas artísticas superiores ou noutro centro do Espazo Europeo da Educación Superior, poderán ser obxecto de recoñecemento tendo en conta a concordancia entre competencias, contidos e número de créditos ECTS asociados ás disciplinas cursadas e ás competencias, aos contidos e ao número de créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas no plan de estudos que o alumnado se atope cursando.

2. Estudos cursados e superados noutra especialidade das mesmas ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática. Ao alumnado que acceda a unha nova especialidade das ensinanzas superiores de Arte Dramática recoñeceráselle a totalidade dos créditos ECTS obtidos asociados ás disciplinas con carácter de formación básica que estea cursando, sendo de aplicación para o resto das disciplinas os criterios xerais recollidos nesta orde.

3. Estudos cursados e superados en ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, segundo plans de estudos previos, e declarados equivalentes para todos os efectos á licenciatura universitaria. Ao alumnado que acceda ás ensinanzas superiores de Arte Dramática, tendo iniciado ou rematado as ensinanzas superiores de Arte Dramática cursadas segundo plans de estudos anteriores declarados equivalentes, seranlle recoñecidos a totalidade dos créditos ECTS correspondentes ás materias de formación básica, sendo de aplicación para o resto das disciplinas os criterios xerais recollidos nesta orde. Ao alumnado que acceda ás ensinanzas superiores de Arte Dramática, tendo iniciado ou rematado os estudos superiores de Arte Dramática cursados segundo plans de estudos anteriores establecidos polas administracións educativas doutras comunidades autónomas, seranlle recoñecidos os créditos ECTS asociados ás diferentes disciplinas que cursan, segundo o disposto no artigo 14 desta orde.

4. Estudos cursados e superados en titulacións universitarias segundo plans de estudos anteriores ao establecemento do Espazo Europeo da Educación Superior. Ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Arte Dramática e estea en posesión dun título universitario oficial, ou teña cursado e superado períodos formativos conducentes a titulacións universitarias oficiais dentro do Estado español, segundo plans de estudos regulados con anterioridade ao establecemento do Espazo Europeo de Educación Superior, poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Arte Dramática que cursan, de acordo co establecido no artigo 14 desta orde.

5. Recoñecemento de créditos ECTS pola participación do alumnado en actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación. De acordo co establecido no número cinco do Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Arte Dramática poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados a unha disciplina de carácter optativo pola súa participación en actividades en actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación, ata un máximo de seis créditos ECTS no total do plan de estudos, sempre que a natureza da actividade se relacione directamente coas competencias transversais, xerais ou específicas do título.

6. Estudos cursados e superados en titulacións universitarias de grao. O alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Arte Dramática poderá obter o recoñecemento de créditos ECTS asociados ás disciplinas que os integran, por ter superado períodos de estudo conducentes a titulacións oficiais españolas de ensinanzas universitarias, sempre que se acrediten en créditos ECTS. Ao alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Arte Dramática e estea en posesión dun título de grao universitario, integrado nunha rama de coñecemento directamente relacionada coas ensinanzas superiores de Arte Dramática, segundo o establecido no anexo 2.a) do Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, seralles recoñecido un mínimo de 36 créditos ECTS asociados ás disciplinas que integran as ensinanzas que cursa, segundo o establecido no anexo 1 do citado Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro.

7. Estudos cursados e superados conducentes ao título de técnico/a superior de Artes Plásticas e Deseño, de Formación Profesional ou de Ensinanzas Deportivas. Ao alumnado de ensinanzas superiores de Arte Dramática que estea en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño, de Formación Profesional ou de Ensinanzas Deportivas, ou titulacións declaradas equivalentes, poderanlle ser recoñecidos créditos ECTS segundo o disposto no artigo 14 desta orde.

Artigo 16. Límites ao recoñecemento de créditos ECTS nas ensinanzas superiores de Arte Dramática

1. O procedemento de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas das ensinanzas superiores de Arte Dramática en ningún caso comportará a obtención do título superior de Arte Dramática.

2. En ningún caso poderán ser obxecto de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas das ensinanzas superiores de Arte Dramática:

a) Os traballos de fin de grao de ensinanzas universitarias.

b) Os traballos de fin de estudos das ensinanzas artísticas superiores.

3. Os estudos recoñecidos non poderán superar o sesenta por cento dos créditos ECTS do plan de estudos que cursa o alumnado.

4. Cando o recoñecemento de créditos ECTS se solicite para cursar estudos que conduzan á obtención dun título que permita o acceso a unha profesión regulada, deberá comprobarse que os estudos alegados responden ás condicións exixidas aos currículos e plans de estudos cuxa superación garantirá a cualificación profesional necesaria.

Artigo 17. Órgano competente na resolución de recoñecemento de créditos ECTS nas ensinanzas superiores de Arte Dramática

Ao abeiro do disposto no artigo 10 do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, o órgano competente para a resolución das solicitudes de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia é a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, que poderá estar asesorada por unha comisión específica, integrada por inspectores de educación e/ou docentes dos corpos de catedráticos/as ou de profesores/as de música e artes escénicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18. Procedemento para o recoñecemento de créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Arte Dramática

1. Solicitude, prazos e documentación acreditativa.

a) O alumnado poderá solicitar o recoñecemento total ou parcial dos créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nas ensinanzas superiores de Arte Dramática no centro no que estea cursando os ditos estudos. A solicitude deberá realizarse no momento da formalización da matrícula, segundo o modelo de solicitude que se estableza para tal fin.

b) Xunto coa solicitude, o alumnado achegará a seguinte documentación:

1º. Unha certificación académica oficial dos estudos cursados que sustentan a solicitude de recoñecemento de créditos.

2º. No caso de que os estudos superados polo alumnado solicitante fosen cursados segundo plans de estudos establecidos por outras administracións educativas autonómicas do Estado español, polas universidades, ou por autoridades educativas doutros estados, o alumnado achegará os programas oficiais seguidos nas disciplinas ou módulos que sustentan a solicitude, visados polos centros oficiais nos que se teñen superado.

c) Rematado o prazo de matrícula, a dirección do centro remitirá á dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, nun prazo non superior a dez días, todas as solicitudes presentadas xunto coa documentación relativa a estas e, de ser o caso, os informes correspondentes.

2. Resolución, prazos e notificación.

A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores resolverá e notificará aos centros, sobre as solicitudes de recoñecemento de créditos ECTS recibidas no prazo máximo de tres meses contado a partir do día seguinte ao de entrada das solicitudes na devandita dirección xeral.

Artigo 19. Matrícula do alumnado nas disciplinas nas que se lle recoñecen créditos ECTS asociados

O alumnado ao que se teña recoñecido a totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina poderá ampliar a súa matrícula noutras disciplinas que sumen o mesmo ou inferior número de créditos ECTS asociados que os recoñecidos, sen prexuízo do cumprimento do establecido con carácter xeral na presente orde en canto a matrícula e promoción.

Artigo 20. Consignación dos créditos ECTS no expediente académico do alumnado

As disciplinas das ensinanzas superiores de Arte Dramática nas que o alumnado obteña o recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados, figurarán no seu expediente coa cualificación numérica que corresponda segundo o establecido na presente orde, seguida da notación REC (recoñecida).

CAPÍTULO V
Mobilidade académica do alumnado

Artigo 21. Ámbitos de aplicación

De acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, o crédito ECTS como medida do haber académico do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia, garante a súa mobilidade académica entre centros de ensinanzas artísticas superiores da propia comunidade autónoma, entre centros de ensinanzas artísticas superiores doutras comunidades autónomas do Estado español e entre centros de ensinanzas artísticas superiores no Espazo Europeo da Educación Superior.

Artigo 22. Traslados de expediente entre centros de ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Os traslados de expediente, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán suxeitos á existencia de prazas vacantes no centro de destino, sendo competente o consello escolar de cada centro para resolver a súa admisión de acordo cos criterios que se establezan, e non estarán suxeitos ao proceso de recoñecemento de créditos ECTS.

2. A solicitude de traslado de expediente presentarase por escrito, dirixida á dirección do centro de acollida, achegando certificación do expediente académico do alumnado solicitante, antes dos quince días naturais anteriores ao sinalado como comezo do curso segundo o calendario escolar. No caso de ser admitida a solicitude de traslado, a dirección do centro de acollida solicitará ao centro de orixe do alumnado o traslado de canta documentación integre o seu expediente académico.

3. No caso de que o traslado de expediente se produza unha vez iniciado o curso académico, a dirección do centro de acollida solicitará ao centro de orixe, informe completo das cualificacións obtidas polo alumnado solicitante ata o momento do traslado.

4. O alumnado trasladado que teña iniciada nunha disciplina de carácter optativo no centro de orixe, que non figure no plan de estudos do centro de destino, deberá elixir entre as optativas ofertadas polo centro de destino, segundo o establecido nesta orde.

Artigo 23. Mobilidade académica no Espazo Europeo da Educación Superior

1. Os traslados de expediente do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Arte Dramática nun centro oficial dependente doutra Administración educativa do Estado español ou nun centro oficial de ensinanzas artísticas superiores integrado no Espazo Europeo da Educación Superior, estarán suxeitos á existencia de prazas vacantes no centro de destino, e será competente o consello escolar de cada centro para resolver a súa admisión de acordo cos criterios que esta estableza, e estarán suxeitos ao proceso de recoñecemento de créditos ECTS, establecidos no capítulo IV desta orde.

2. A solicitude de traslado de expediente presentarase por escrito, segundo o modelo que se estableza para tal fin, dirixida á dirección do centro de acollida, antes dos quince días naturais anteriores ao sinalado como comezo do curso segundo o calendario escolar, achegando para iso certificación académica dos estudos cursados en que conste a norma que establece o plan de estudos cursado e as cualificacións obtidas, en idioma castelán.

3. No caso de que o traslado de expediente se produza unha vez iniciado o curso académico, será competencia da dirección do centro a valoración e admisión da solicitude, e deberá achegar o/a interesado/a informe completo das súas cualificacións ata o momento do traslado.

4. No caso de alumnado que supere estudos parciais como resultado da súa participación nun programa de intercambio, o recoñecemento dos estudos cursados no país de destino por créditos ECTS corresponderalle á dirección do centro no que estea matriculado, ao abeiro do acordo establecido previamente entre os dous centros no marco da normativa europea de educación superior.

CAPÍTULO VI
Planificación académica

Artigo 24. Planificación académica anual

A planificación académica anual en cada centro axustarase ao disposto no plan de estudos recollido no Decreto 179/2015, do 29 de outubro, atendendo ao calendario oficial establecido para cada ano académico, e ás normas de organización e funcionamento das escolas superiores de Arte Dramática.

Artigo 25. Guías docentes

1. A guía docente xeral é o documento de carácter público no que se especifican os aspectos básicos de cada unha das disciplinas que integran o plan de estudos:

a) Identificación da materia e da disciplina.

b) Obxectivos.

c) Competencias.

d) Contidos.

e) Metodoloxías, actividades e temporalización.

f) Sistema de avaliación.

2. As guías docentes, tanto das disciplinas con carácter de Formación básica (FB), como as de carácter Obrigatoria de especialidade (OE) e as de carácter de Optativas (Op.) con igual denominación, serán únicas para cada especialidade das ensinanzas superiores de Arte Dramática, con independencia do centro, público ou privado, no que se impartan.

3. As guías docentes axustaranse ao modelo establecido polo sistema de calidade implantado no centro educativo.

Artigo 26. Programación anual das disciplinas

A programación anual de cada disciplina basearase no establecido na guía docente da disciplina correspondente e axustarase ao modelo establecido polo sistema de calidade implantado no centro.

A programación da disciplina recollerá para cada ano académico, ademais dos puntos establecidos con carácter xeral na correspondente guía didáctica:

a) Identificación completa e contextualización.

b) Docente responsable.

c) Organización dos contidos propios e temporalización da docencia destes.

d) Procedemento e instrumentos de avaliación ordinaria e extraordinaria. Sistema de cualificación e sistema de recuperación.

e) Metodoloxía, materiais e recursos didácticos e actividades complementarias.

f) Criterios e pautas para o alumnado con necesidades educativas especiais.

A programación de cada disciplina formará parte da programación xeral anual, e será accesible ao alumnado polo medio que determine a dirección do centro.

Artigo 27. Disciplinas optativas

1. As disciplinas de carácter optativo serán ofertadas polos centros, atendendo aos requirimentos de formación específica do alumnado en relación coas necesidades detectadas no mercado laboral da especialidade correspondente, ás necesidades de actualización derivadas da evolución das tecnoloxías da información e a comunicación, ás necesidades impostas pola evolución da normativa relacionada coa profesión correspondente, ou as necesidades relacionadas coa incorporación de novas técnicas ou procedementos na materia propia da especialidade.

2. O catálogo de disciplinas optativas nas ensinanzas superiores de Arte Dramática é o que figura no anexo a esta orde.

3. Ademais das disciplinas optativas indicadas no punto anterior, os centros poderán solicitar á dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores a correspondente autorización para incluír novas disciplinas optativas, achegando xunto coa solicitude unha memoria xustificativa da necesidade da súa incorporación, a correspondente guía docente e a programación da disciplina. Non se poderán impartir disciplinas optativas con menos de sete alumnos/as, agás situacións académicas excepcionais, que requirirán dunha autorización especial por parte do servizo de inspección educativa. A incorporación dunha disciplina á oferta dos centros manterase polo menos durante dous anos académicos consecutivos.

Artigo 28. Sistema de xestión calidade

1. Para os efectos do establecido no artigo 2.3 do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, no ámbito das súas competencias, establecerá cantas normas considere oportunas para o desenvolvemento dos sistemas de garantía interna e externa da calidade dos centros de ensinanzas artísticas superiores, que incluirán a supervisión a través dos servizos de inspección educativa, e a avaliación e o seguimento do plan de estudos por parte da axencia para a calidade que se determine.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, cada centro superior establecerá un sistema de garantía interna da calidade coa finalidade de potenciar a mellora das súas actividades docentes e de xestión, que seguirá as normativas establecidas pola administración educativa en relación cos procesos de xestión e auditorías de calidade.

CAPÍTULO VII
Avaliación e cualificación do alumnado

Artigo 29. Características xerais da avaliación

1. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado será continua e diferenciada por disciplinas, considerando os contidos, as competencias e os criterios de avaliación establecidos no currículo de cada unha das súas especialidades e cursos.

2. A avaliación será realizada polo profesor ou profesora de cada disciplina, en sesión de avaliación coordinada polo/a titor/a de cada curso.

3. As disciplinas con carácter progresivo son aquelas que na súa denominación inclúen números romanos. Igualmente, se consideran disciplinas progresivas as que figuran no anexo desta orde.

Artigo 30. Convocatorias

En cada curso académico o alumnado disporá de dúas convocatorias: unha convocatoria de carácter ordinario e unha convocatoria de carácter extraordinario, que se farán públicas para o alumnado coa suficiente antelación.

Artigo 31. Sistema de cualificación

1. Os resultados da avaliación de cada disciplina expresaranse en termos de cualificación numérica nunha escala de 0 a 10, con expresión dun decimal, engadíndolle a correspondente cualificación cualitativa segundo a seguinte correlación:

a) 0 - 4,9: suspenso/a (SS).

b) 5,0 - 6,9: aprobado/a (AP).

c) 7,0 - 8,9: notable (NT).

d) 9,0 - 10: sobresaliente (SB).

Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes. Cando o alumnado deba ser avaliado unicamente a través da realización dunha proba, e non se presente á súa realización, a cualificación será a de «non presentado/a» (NP).

2. Cualificación media do expediente académico do alumnado.

Segundo o disposto no artigo 5.3 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, a media do expediente académico de cada alumno/a será o resultado da aplicación da seguinte fórmula: suma dos créditos obtidos polo/a alumno/a multiplicados cada un deles polo valor das cualificacións que correspondan e dividida polo número de créditos ECTS totais obtidos polo/a alumno/a.

3. Matrícula de honra.

A mención de matrícula de honra poderá ser outorgada aos/ás estudantes que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9,0. O seu número non poderá exceder do cinco por cento dos/das estudantes matriculados/as nunha disciplina no correspondente curso académico, agás que o número de estudantes matriculados/as sexa inferior a 20, en cuxo caso se poderá conceder unha soa matrícula de honra.

4. Nota media da promoción.

Para os efectos do cálculo da nota media da promoción, haberá que aterse ao disposto no punto terceiro da Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do protocolo de colaboración subscrito entre a consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos.

Artigo 32. Reclamación contra as cualificacións

1. Co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento sexa avaliado conforme criterios obxectivos, o interesado ou interesada poderá reclamar ante a dirección do centro, nun prazo de 2 días, contados a partir do día seguinte ao da comunicación da cualificación, contra as seguintes cualificacións:

a) Probas de acceso.

b) Probas finais ordinarias e extraordinarias.

c) Traballo Fin de Estudos (TFE).

2. A reclamación poderana presentar cando consideren que a cualificación se outorgou sen a obxectividade requirida debido a:

a) Inadecuación da proba proposta ou dos instrumentos de avaliación aplicados en relación cos obxectivos e contidos da disciplina.

b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos na programación didáctica.

3. No suposto de reclamación contra as cualificacións finais, o director ou directora do centro someteraa ao departamento correspondente. Logo de recibido o informe do departamento, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da recepción desta.

4. No suposto de reclamación contra as cualificacións das probas de acceso e do TFE, o director ou directora do centro someteraa ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da recepción desta. Para as probas de acceso, o prazo será de dous días.

5. Contra a resolución do director ou directora do centro, o/a interesado/a poderá presentar recurso de alzada perante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial poñerá fin á vía administrativa.

Artigo 33. Premios extraordinarios

1. Os centros poderán outorgar, un único premio extraordinario por especialidade e itinerario, de ser o caso, ao finalizar o cuarto curso destas ensinanzas.

2. Para optar ao dito premio será requisito indispensable ter obtivo a cualificación media de 8,5 no último curso, incluída a cualificación do Traballo Fin de Estudos (TFE), e exclusivamente na convocatoria ordinaria.

3. No suposto de que haxa máis dun/ha candidato/a que cumpra os requisitos para a obtención do premio extraordinario, aplicaranse os seguintes criterios:

a) Maior cualificación media do cuarto curso.

b) Maior cualificación no TFE.

c) Maior cualificación media de todo o expediente.

4. Para os efectos do cálculo da nota media, tanto se a mesma se refire a un curso como se se refire a todo o expediente académico do alumnado, haberá que aterse ao disposto no artigo 31.2 desta orde.

Artigo 34. Documentos de avaliación

A documentación de avaliación deberase axustar aos modelos e procesos de calidade que a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores determine.

CAPÍTULO VIII
Traballo de Fin de Estudos (TFE)

Artigo 35. Aspectos xerais do TFE

1. O alumnado do TFE deberá propoñerlle ao departamento da especialidade que estea cursando, nos prazos que para cada curso escolar se determinen desde a Comisión de Coordinación Pedagóxica, e achegando a documentación necesaria, o traballo ou tema concreto que pretende desenvolver. O departamento, vistas as propostas do alumnado, proporá a xefatura de estudos a asignación de titor/a, e determinará a idoneidade do proxecto presentado en función dos requisitos exixibles. De non considerarse idónea a proposta formulada, o/a alumno/a deberá aceptar os cambios propostos polo/a titor/a, ou formular unha nova proposta, no prazo sinalado polo departamento.

2. Durante a realización do TFE, o alumnado poderá dispoñer dos espazos, instalacións e medios precisos existentes no centro, coa tutela do/a docente que exerza a función de titor/a, e en horario e calendario que a xefatura de estudos determine.

3. Como parte integrante do TFE, o alumnado presentará unha memoria xustificativa do traballo realizado, que deberá conter un resumo desta nun idioma estranxeiro.

4. A presentación e defensa do TFE poderá ser recollido en soporte dixital. En calquera caso, as gravacións obtidas quedarán perfectamente identificadas, catalogadas e arquivadas para os efectos de atender calquera reclamación.

Artigo 36. Desenvolvemento do TFE

Mentres o perfil profesional dos titulados superiores en Arte Dramática nas tres especialidades, segundo se recolle no Real decreto 630/2010 e o Decreto 179/2015, establece que se trata de artistas creadores capacitados igualmente para o exercicio da investigación e a docencia, o TFE poderá ter as seguintes orientacións:

1. Especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia. Elaboración e posterior presentación e defensa, diante dun tribunal, dun traballo práctico de carácter escénico, coa correspondente memoria, que permita unha demostración empírica de ter adquirido as competencias transversais, xerais e específicas da titulación e do itinerario. A duración e características deste establecerase en función dos criterios elaborados polo departamento e tendo en conta os medios dispoñibles no centro.

2. Especialidade Escenografía. Elaboración e posterior presentación e defensa, diante dun tribunal, dun proxecto escenográfico, coa correspondente memoria, que permita unha demostración empírica de ter adquirido as competencias transversais, xerais e específicas da titulación e do itinerario. As características deste establecerase en función dos criterios elaborados polo departamento e tendo en conta os medios dispoñibles no centro.

3. Especialidade de Interpretación. Elaboración e posterior presentación e defensa, diante dun tribunal, dun traballo práctico de carácter escénico, coa correspondente memoria, que permita unha demostración empírica de ter adquirido as competencias transversais, xerais e específicas da titulación e do itinerario. A duración e características deste establecerase en función dos criterios elaborados polo departamento, e tendo en conta os medios dispoñibles no centro.

4. Atendendo ao perfil académico propio de cada alumno/a, e sempre que medie unha solicitude debidamente xustificada, a Comisión de Coordinación Pedagóxica poderá autorizar a elaboración de traballos de investigación ou cunha orientación pedagóxica. No caso dun TFE cunha orientación investigadora, este debe estar relacionado disciplinas de formación básica ou obrigatorias cursadas polo/a alumno/a ao longo dos seus estudos, e deberá ter unha extensión mínima de cen páxinas. No caso dun TFE cunha orientación pedagóxica, o traballo abordará cuestións teóricas, metodolóxicas ou prácticas vinculadas coa educación teatral ou desenvolverá propostas e/ou materiais didácticos específicos para acadar finalidades e obxectivos propios de calquera modalidade de educación teatral, e deberá ter unha extensión mínima de cen páxinas. A supervisión e tutela destes traballos poderá asignarse ao profesorado de todo o centro, con independencia do departamento ao que estean adscritos.

Artigo 37. Organización, supervisión, tutela e cualificación

1. Para a organización, avaliación e cualificación do TFE, constituirase un tribunal integrado, preferentemente, por docentes da especialidade correspondente, nomeado pola dirección do centro, por proposta da xefatura de estudos deste, que estará integrado, cando menos, por un/ha presidente/a, un/ha secretario/a e un/ha vogal. Así mesmo, a dirección do centro nomeará un tribunal suplente. Sempre que a dispoñibilidade do profesorado do centro o permita, as/os docentes que desempeñen a tutela do alumnado no TFE non poderán formar parte do tribunal cualificador deste.

2. A Comisión de Coordinación Pedagóxica establecerá os criterios para o desenvolvemento do TFE en cada curso escolar, que se integrará no plan anual, e que conterá, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Prazo(s), condicións e documentación precisa para a presentación e defensa das propostas de traballo por parte do alumnado, calendario e horario de defensa das propostas.

b) Asignación de titor/a do TFE a cada alumno/a, e horario semanal de atención por parte do/a titor/a, segundo dispoñibilidade do profesorado.

c) Calendario de realización, prazo e forma de entrega do TFE, calendario e horario de exposición e defensa destes.

3. O alumnado do TFE contará coa tutela dun/ha profesor/a titor/a da especialidade, asignado pola xefatura de estudos, por proposta da xefatura do departamento correspondente, tendo en conta a dispoñibilidade horaria do profesorado.

4. Previamente, en data que determine o tribunal cualificador do TFE, o/a titor/a do alumnado que presente o TFE para a súa avaliación e cualificación, deberá achegar informe individualizado para cada alumno/a tutelado/a, en relación co desenvolvemento do proxecto e cantas outras circunstancias consideren significativas ou relevantes para a correcta avaliación do TFE.

5. A cualificación do TFE será a media aritmética das cualificacións emitidas polos/as integrantes do tribunal presentes na sesión de cualificación. Cando entre as puntuacións outorgadas exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima e calcularase a puntuación media entre as cualificacións restantes. No caso de empate entre cualificacións máximas ou mínimas, unicamente será excluída unha delas.

6. A cualificación no TFE expresarase en termos numéricos segundo a escala de 0 a 10 cun decimal. No caso de que a cualificación obtida polo alumnado resulte con máis de dous decimais, redondearase aos dous decimais por exceso. Á cualificación numérica engadiráselle a cualificación cualitativa segundo a relación establecida no artigo 31.1 desta orde. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes. A acta incluirá un informe do tribunal elaborado para tales efectos.

CAPÍTULO IX
As prácticas externas (PE)

Artigo 38. Características e modalidades das PE

1. As prácticas académicas externas constitúen unha actividade de natureza formativa e carácter práctico que o alumnado pode realizar, baixo a supervisión do centro no que cursa os estudos, tendo como obxectivo aplicar e complementar os coñecementos acadados na súa formación académica, favorecer a adquisición das competencias propias da súa especialidade, preparar para o exercicio de actividades profesionais, facilitar a súa empregabilidade e fomentar a súa capacidade de emprendemento.

2. As PE poderanse realizar en entidades colaboradoras, tales coma empresas, institucións, entidades públicas ou privadas de ámbito nacional ou internacional. Dado o carácter formativo das PE, da súa realización non se derivarán, en ningún caso, obrigas propias dunha relación laboral, nin suporá para o alumnado en prácticas a prestación laboral propia dun posto de traballo.

3. As prácticas extracurriculares son aquelas que o alumnado poderá realizar con carácter voluntario durante o seu período de formación e que non forman parte do plan de estudos, e serán consideradas no Suplemento europeo ao título (SET) segundo o establecido nesta orde.

Artigo 39. Programación das PE

Unha vez recibida a solicitude do alumnado, e logo da asignación dun profesor/a titor/a por parte da dirección oído o departamento correspondente, a programación na que se concretará a realización das PE deberá fixar os obxectivos formativos e as actividades que se vaian desenvolver. Os obxectivos estableceranse considerando as competencias xerais, transversais e específicas da titulación e da especialidade, e os contidos definiranse de xeito que aseguren a relación directa das competencias a acadar nos estudos cursados. En calquera caso, procurarase que a programación se conforme seguindo os principios de inclusión, igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal.

Artigo 40. Realización, duración e horarios das PE

1. As PE desenvolveranse no ámbito profesional da especialidade correspondente. O alumnado redactará e entregará ao/á seu/súa titor/a académico/a unha memoria final segundo o formato disposto polo centro, ao remate das prácticas, na que deberá figurar, entre outros, os seguintes aspectos:

a) Datos persoais do alumno/a.

b) Datos da entidade na que realizou as PE e lugar de localización.

c) Descrición concreta e detallada das tarefas, traballos desenvolvidos e departamentos da entidade aos cales estivo asignado/a, temporalización, circunstancias, calendario e horario destas.

d) Valoración das tarefas desenvolvidas segundo os seguintes parámetros: adecuación das tarefas aos coñecementos e competencias acadadas na súa formación académica e grao de inmersión do alumno/a nos procesos produtivos e laborais da institución ou empresa.

e) Valoración dos problemas formulados e o procedemento seguido para a súa resolución.

f) Identificación das achegas que, en materia de aprendizaxe, supuxeron as prácticas realizadas.

g) Valoración da titoría efectiva desenvolvida polo/a responsable das PE por parte da entidade, e suxestións de mellora.

2. As PE serán realizadas en horarios establecidos de acordo coas súas características e as dispoñibilidades da entidade colaboradora. Procurarase que os horarios sexan compatibles coa actividade académica formativa e de representación e participación desenvolvida polo alumnado no centro en que cursa as ensinanzas superiores de Arte Dramática.

Artigo 41. Organización das PE

1. Os centros en que o alumnado cursa as ensinanzas superiores de Arte Dramática e as entidades colaboradoras na realización das PE asinarán un acordo de colaboración no que constarán, cando menos, os seguintes datos:

a) Nome, razón social da empresa ou institución na que se realizarán as prácticas externas, e persoa responsable da realización das PE por parte da empresa ou institución.

b) Centro, dirección e localidade na que terán lugar.

c) Datas de comezo e remate das PE, e a súa duración en horas.

d) Número de horas diarias de dedicación ou xornada e horario(s) asignado(s).

e) Programación das actividades e competencias que se van desenvolver.

f) Horario e calendario individualizado para cada alumno/a e definición das tarefas en que o alumnado terá que participar.

g) Modelo de informe de valoración da actividade desenvolta polo alumnado na realización das PE, que se van formalizar polo/a responsable das PE por parte da empresa ou institución.

2. Avaliación e cualificación das PE curriculares.

As PE serán avaliadas e cualificadas polo/a titor/a correspondente tendo en conta o informe individualizado sobre cada alumno/a redactado polo/a responsable da empresa ou institución en que o/a alumno/a teña realizadas as PE. A cualificación das PE expresarase en termos numéricos nunha escala do 0 ao 10, con expresión dun decimal.

No caso de que, por causa debidamente xustificada, o alumnado que está realizando as PE interrompa a súa realización, o tempo efectivo de realización seralle computado sempre que se reincorpore á súa realización, no mesmo ou diferente ano académico.

Cando o alumnado realice as PE noutro centro de ensinanzas artísticas superiores integrado no Espazo Europeo da Educación Superior, conforme un programa de mobilidade do alumnado, a realización, organización e cualificación das PE realizarase conforme o establecido no dito programa de mobilidade.

Artigo 42. Prácticas extracurriculares

As prácticas extracurriculares poderán ser obxecto de recoñecemento de créditos, segundo o procedemento establecido no capítulo IV desta orde, que se corresponderán cos asignados ás materias optativas por un máximo de 9 créditos ECTS.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os artigos e disposicións da Orde do 30 de setembro de 2010 pola que estableceu o plan das ensinanzas artísticas superiores de grao en Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia que non foran derrogados polo Decreto 179/2015, do 29 de outubro. Igualmente, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Quedan autorizados/as os/as titulares das direccións xerais de Centros e Recursos Humanos e de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todos os actos e medidas que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Relación de disciplinas de contidos progresivo nas ensinanzas
superiores de Arte Dramática
(implica que non se poden matricular nunha disciplina
se non teñen aprobadas as anteriores)

1º curso

2º curso

3º curso

4º curso

Con carácter xeral todas aquelas que na súa denominación inclúan números romanos para establecer o seu carácter progresivo.

Especialidade de Interpretación

Interpretación I, II

Interpretación II, III

Interpretación V, VI

Sistemas de interpretación I, II

Obradoiro de interpretación I, II

Traballo Fin de Estudos

Especialidade de Dirección Escénica/Dramaturxia

Dirección de actores/ actrices

Prácticas de escenificación

Prácticas de dirección de escena

Obradoiro de escenificación I e II

Traballo Fin de Estudos

Dramaturxia I

Escrita dramática I

Escrita dramática II

Escrita dramática III

Escrita dramática IV

Dramaturxia II

Escrita dramática V

Escrita dramática VI

Dramaturxia III

Dramaturxia IV

Obradoiro de dramaturxia I e II

Traballo Fin de Estudos

Especialidade de Escenografía

Espazo escénico I

Espazo escénico II

Espazo escénico III

Espazo escénico IV

Obradoiro de escenografía I

Obradoiro de escenografía I e II

Traballo Fin de Estudos

Materias optativas

Materia

Área de coñecemento

ECTS

Dirección e xestión de espazos escénicos I

Produción e xestión

3

Dirección e xestión de espazos escénicos II

Produción e xestión

3

Dirección de proxectos escénicos I

Produción e xestión

3

Dirección de proxectos escénicos II

Produción e xestión

3

Espazo sonoro I

Escenificación

3

Espazo sonoro II

Escenificación

3

Iniciación á dirección de escena I

Escenificación

3

Iniciación á dirección de escena II

Escenificación

3

Iniciación á dirección de actores I

Dirección de actores

3

Iniciación á dirección de actores II

Dirección de actores

3

Deseño de espectáculos multidisciplinarios I

Deseño de escenografía

3

Deseño de espectáculos multidisciplinarios II

Deseño de escenografía

3

Deseño do personaxe I

Deseño do personaxe

3

Deseño do personaxe II

Deseño do personaxe

3

Deseño gráfico para espectáculos I

Técnicas de representación

3

Deseño gráfico para espectáculos II

Técnicas de representación

3

Iniciación ao deseño escénico I

Espazo escénico

3

Iniciación ao deseño escénico II

Espazo escénico

3

Esgrima I

Movemento

3

Esgrima II

Movemento

3

Técnica corporal I

Movemento

3

Técnica corporal II

Movemento

3

Adestramento corporal I

Movemento

3

Adestramento corporal II

Movemento

3

Iniciación á expresión corporal I

Movemento

3

Iniciación á expresión corporal II

Movemento

3

Iniciación á expresión xestual I

Movemento

3

Iniciación á expresión xestual II

Movemento

3

Iniciación á coreografía I

Danza

3

Iniciación á coreografía II

Danza

3

Canto coral I

Música e canto

3

Canto coral II

Música e canto

3

Dobraxe I

Voz

3

Dobraxe II

Voz

3

Técnicas de expresión oral I

Voz

3

Técnicas de expresión oral II

Voz

3

Adestramento vocal I

Voz

3

Adestramento vocal II

Voz

3

Retórica e oratoria I

Voz

3

Retórica e oratoria II

Voz

3

Iniciación á escrita dramática I

Dramaturxia

3

Iniciación á escrita dramática II

Dramaturxia

3

Elaboración de repertorios I

Dramaturxia

3

Elaboración de repertorios II

Dramaturxia

3

Iniciación á interpretación I

Sistemas de interpretación

3

Iniciación á interpretación II

Sistemas de interpretación

3

Iniciación á comedia da arte I

Sistemas de interpretación

3

Iniciación á comedia da arte II

Sistemas de interpretación

3

Iniciación ao teatro xestual I

Sistemas de interpretación

3

Iniciación ao teatro xestual II

Sistemas de interpretación

3

Iniciación ao teatro musical I

Sistemas de interpretación

3

Iniciación ao teatro musical II

Sistemas de interpretación

3

Iniciación ao teatro de obxectos I

Sistemas de interpretación

3

Iniciación ao teatro de obxectos II

Sistemas de interpretación

3

Historia do cinema I

Teoría e historia da arte

3

Historia do cinema II

Teoría e historia da arte

3

Estética teatral I

Estética

3

Estética teatral II

Estética

3

Dinámica de grupos I

Pedagoxía

3

Dinámica de grupos II

Pedagoxía

3

Sistemas de xestión de calidade I

Pedagoxía

3

Sistemas de xestión de calidade II

Pedagoxía

3

Iniciación á pedagoxía teatral I

Pedagoxía

3

Iniciación á pedagoxía teatral II

Pedagoxía

3

Teatro social e comunitario I

Pedagoxía

3

Teatro social e comunitario II

Pedagoxía

3

Socioloxía do teatro I

Teorías do espectáculo e da comunicación

3

Socioloxía do teatro II

Teorías do espectáculo e da comunicación

3

Semiótica teatral I

Teorías do espectáculo e da comunicación

3

Semiótica teatral II

Teorías do espectáculo e da comunicación

3

Antropoloxía teatral I

Teorías do espectáculo e da comunicación

3

Antropoloxía teatral II

Teorías do espectáculo e da comunicación

3

Análise de espectáculos I

Historia das artes do espectáculo

3

Análise de espectáculos II

Historia das artes do espectáculo

3

Tendencias escénicas nos séculos XX e XXI (I)

Historia das artes do espectáculo

3

Tendencias escénicas nos séculos XX e XXI (II)

Historia das artes do espectáculo

3

Historia do teatro galego I

Historia das artes do espectáculo

3

Historia do teatro galego II

Historia das artes do espectáculo

3

Curso de literatura dramática contemporánea I

Historia e teoría da literatura dramática

3

Curso de literatura dramática contemporánea II

Historia e teoría da literatura dramática

3

Literatura dramática en lingua galega I

Historia e teoría da literatura dramática

3

Literatura dramática en lingua galega II

Historia e teoría da literatura dramática

3