Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2017 Páx. 34458

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 2 de xuño de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sanxenxo (Pontevedra).

O Concello de Sanxenxo remite a modificación puntual número 5 do PXOM de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

A modificación puntual foi aprobada provisionalmente o día 18.2.2016 polo que de acordo á disposición transitoria segunda da Lei 2/2016 poderá continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva, a teor das normas procedimentais e determinacións dispostas na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada, redactada polo servizos técnicos e xurídicos municipais; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Sanxenxo conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 27.2.2003 (BOP do 20.3.2003, DOG do 19.3.2003).

O ámbito obxecto da MP está clasificado polo PXOM de Sanxenxo como solo urbano non consolidado, polígono de execución integral PEI-18.

2. Mediante sentenza do 14.6.2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulouse a ordenación prevista para o polígono PEI-18; sendo ratificada e ampliada pola ditada o 20.10.2011 polo Tribunal Supremo (recurso 5819/2007) por «corresponderlle o carácter de solo urbano consolidado».

3. Consta decisión do 9.4.2014 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de non sometemento a avaliación ambiental estratéxica.

4. En data 26.11.2014 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emite informe previo á aprobación provisional, no que se sinalan diversas cuestións.

5. Consta informe técnico municipal do 30.12.2014 en resposta a ese informe; e informe xurídico do 20.5.2015.

6. A modificación puntual apróbase inicialmente polo Concello Pleno do 17.7.2015, expoñéndose ao público, xunto co convenio, polo prazo de dous meses, con notificación individualizada aos propietarios dos terreos e publicación no Diario de Pontevedra e no Faro de Vigo do 12.8.2015, e no DOG do 20.8.2015. Deuse trámite de audiencia aos concellos limítrofes do Grove, Poio e Meaño.

Consta unha alegación de Pedro Alberto Padín Solla, contestada en informe do 14.1.2016.

7. O Concello Pleno do 18.2.2016 aproba provisionalmente a MP número 5.

8. O Concello achega con data do 23.3.2016 o documento de aprobación provisional do 18.2.2016 da MP número 5 do Concello de Sanxenxo. O día 29.4.2016 requiriuse documentación ao Concello de Sanxenxo ao abeiro do artigo 85.7 da LOUG.

9. Constan informes favorables da Axencia Galega de Infraestruturas, do 15.3.2016; da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 21.2.2017; do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, día 21.06.2016; de Augas de Galicia, do 28.10.2016; do Instituto de Estudos do Territorio, do 22.7.2016; da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do Magrama, do 31.8.2016; e da Subdelegación do Goberno, do 13.7.2016. Consta solicitado informe do Consello Autonómico para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras o día 30.5.2016, sen obterse contestación transcorrido o prazo legalmente previsto.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxecto da MP é recoñecer a condición de solo urbano consolidado do ámbito incluído no polígono PEI-18 de solo urbano non consolidado do PXOM vixente, adaptándoo ao contido das sentenzas ditadas sinaladas anteriormente.

Establécese a ordenación detallada do ámbito completando a clasificación asignada coa definición de determinacións propias desta clase de solo: cualifícase a maior parte do ámbito coa Ordenanza 2 do PXOM vixente (edificación entre medianeiras en mazá pechada) e unha pequena parte coa Ordenanza 1 (edificación en zonas de casco antigo), delimitando áreas de ocupación pola edificación e áreas con usos de zonas verdes privadas; xéranse espazos públicos; sinálanse aliñacións e rasantes; e mellórase a ordenación urbanística actual, desconxestionando o ámbito e mellorando o tránsito circulatorio no ámbito no que se empraza.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG para calquera modificación do PXOM veñen xustificadas na obriga de adaptación do PXOM ás sentenzas ditadas, proporcionándolle ao ámbito unha ordenación que complete a trama urbana.

2. Respecto do informe previo á aprobación inicial do 26.11.2014 e do requirimento de documentación do 29.4.2016 da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, dáse resposta a todas as cuestións prantexadas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; e no artigo 10.1.b) do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3.4 e coas disposicións adicional décima e transitoria segundo do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 5 do PXOM do Concello de Sanxenxo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no apartado II anterior.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio