Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Luns, 02 de decembro de 1996 Páx. 10.851

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 419/1996, do 21 de novembro, polo que se aproba a modificación do escudo heráldico do Concello de Marín (Pontevedra).

O Concello de Marín (Pontevedra) considerou conveniente modifica-lo seu escudo heráldico e fundamentou a súa pretensión no desexo de incorporar como timbre deste a coroa real pechada en sustitución da mural actualmente en uso. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico para a aprobación da devandita modificación.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-la modificación do escudo heráldico do Concello de Marín (Pontevedra), que quedará organizado do seguinte xeito: Partido. Primeiro: de ouro (amarelo), piñeiro arrincado da súa cor con dous osos do mesmo deitados ó tronco;

segundo: de gules (vermello), ponte defendida de ouro; entado en punta de azur (azul), coa áncora de ouro. Bordura xeral de azur coa lenda IN MARE FORTUNA NOSTRA en letras de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, vinteún de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

8855