Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 27 de outubro de 2000 Páx. 14.638

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 17 de outubro de 2000 pola que se regula o procedemento de obtención das certificacións profesionais para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 210/2000, do 21 de xullo, regula as certificacións profesionais para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo, sendo indispensable dotalo dunha regulación xeral de carácter administrativo que recolla os diversos aspectos técnicos e de formación, que permitan un adecuado desenvolvemento delas e da actividade derivada.

A extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo é unha actividade con presencia significativa no litoral de Galicia, afectando a especies como a navalla, o ourizo, as algas, os vermes mariños e algunha outra especie que producen rendas importantes para os pescadores que a eles se dedican.

A especificidade da dedicación destes pescadores a esta actividade, tanto no que se refire á súa exclusiva dedicación á pesca con esta única modalidade como en alternacia con outras modalidades de pesca, aconsella adapta-la formación destes profesionais á actividade que realizan e non incluír outras que non figuran na súa perspectiva vital, centrándose naquelas técnicas que vaian utilizar, nas normas de seguridade que deben aplicar e nos coñecementos de pesca que afecten o seu traballo.

Por outra parte, o risco que leva consigo a práctica de inmersión e o desenvolvemento dos traballos, fan que a normativa se oriente a minimizar este, tendo en conta, en primeiro lugar, a seguridade do recolector, polo que se establecen as condicións de saúde do aspirante que deben manterse ó longo da súa vida profesinal, para o cal ademais do exame médico e de avaliación psicolóxica iniciais se fai necesario establece-las correspondentes revisións periódicas.

Por outra parte, a posibilidade que estas técnicas ofrecen para a explotación dos recursos e o risco de sobreexplotación que leva consigo, obriga a incluír nos programas formativos temas de pesca responsable e xestión dos recursos que posibiliten unha explotación sostible dos ditos recursos.

Unha vez que o citado decreto determina que a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura desenvolverá o seu contido, preténdese con esta orde establecer todo o corpo normativo necesario para a obtención das certificacións profesionais.

Polo exposto e na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Capítulo I

Obxecto

Artigo 1º

A obtención das certificacións profesionais para a extracción de recursos mariños con técnicas de

mergullo creadas polo Decreto 210/2000, do 21 de xullo, realizarase consonte o establecido na presente orde.

Capítulo II

Das certificacións e a súa obtención

Artigo 2º

As certificacións profesionais para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo que poden obterse en Galicia son:

1. Recolector en apnea.

2. Recolector submarino.

Artigo 3º

Para obter unha certificación profesional para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo os aspirantes deberán inscribirse e realizar un curso de formación, superando á súa terminación unha proba de coñecementos ante un tribunal designado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura nos termos establecidos na presente orde.

Artigo 4º

Consonte co establecido no Decreto 210/2000, do 21 de xullo, para poder optar a unha certificación profesional para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo é necesario reunir condicións físicas acordes coas características da actividade, polo que para o acceso ó curso o aspirante deberá reuni-los seguintes requisitos:

1. Ter cumpridos 18 anos de idade. No caso de aspirar á de recolector en apnea, ter 16 anos cumpridos e posuír autorización do pai, nai ou titor acreditada documentalmente.

2. Te-la ensinanza académica obrigatoria.

3. Supera-lo exame médico de aptitude para o mergullo segundo o establecido no anexo IX da orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 23 de abril de 1999 (DOG nº 90, do 12 de maio).

4. Supera-las probas físicas que se determinan no seu contido e mínimos no anexo III.

Artigo 5º

Os aspirantes a unha certificación profesional para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo, están obrigados a asistir ó curso de formación, sendo necesaria a realización da totalidade das prácticas e a asistencia de alomenos o 80% das horas de formación teórica para acceder á proba de avaliación final.

Artigo 6º

A programación xeral, contidos teóricos e prácticos dos cursos de formación para cada unha das certificacións son as establecidas no anexo IV.

Artigo 7º

A proba de coñecementos final do curso e a avaliación de aptitude será realizada por un tribunal designado pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, de acordo co Decreto 428/1993, do 17 de decembro, que estará formado por tres docentes, un dos cales actuará en calidade de presidente e outro de secretario, e polo mergullador instructor profesional director do curso.

Capítulo III

Das acreditación persoais do recolector

Artigo 8º

Os aspirantes que superasen a avaliación co resultado de aptitude poderán solicita-la súa acreditación.

Artigo 9º

As acreditacións de recolector en apnea e de recolector submarino, serán emitidas pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a través do seu Negociado de Titulacións Náutico-Pesqueiras e rexistradas no Rexistro de Titulacións Náutico-Pesqueiras existente.

Artigo 10º

As acreditacións de recolector en apnea e de recolector submarino emitiranse en formato tarxeta de PVC e corresponderanse co modelo e características que se establecen no anexo II.

As tarxetas serán renovadas cada 5 anos, debendo achegarse para a dita renovación certificado médico de aptitude para o mergullo segundo o establecido no anexo IX da orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 23 de abril de 1999 (DOG nº 90, do 12 de maio).

Artigo 11º

Os interesados que, despois de supera-las probas de aptitude desexen que se lles emita a correspondente acreditación, deberán solicitalo por escrito acompañando a seguinte documentación:

1. Solicitude debidamente cuberta segundo o modelo do anexo I.

2. 1 fotografía recente de tamaño carné, co nome escrito ó dorso.

3. Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

4. Xustificante de pagamento das correspondentes taxas.

5. Certificado médico de aptitude para o mergullo segundo o establecido no anexo IX da orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 23 de abril de 1999 (DOG nº 90, do 12 de maio), sempre que teña transcorrido máis dun ano desde a superación da proba de aptitude.

Artigo 12º

En caso de extravío, roubo ou destrucción física da tarxeta poderá expedirse un duplicado que man

terá a data de caducidade que correspondera ó orixinal. Na nova tarxeta emitida para substituí-la orixinal farase constar que é duplicado do orixinal.

Artigo 13º

A renovación das acreditacións de recolector en apnea e de recolector submarino será solicitada polos interesados no último trimestre da súa vixencia.

Artigo 14º

A renovación e emisión do duplicado será realizada por solicitude do interesado que achegará a documentación indicada no artigo 10º.

Capítulo IV

Da realización dos cursos

Artigo 15º

Os cursos para a obtención das certificacións profesionais para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo serán dirixidos e impartidos por un mergullador instructor profesional coa colaboración do persoal necesario. As dotacións mínimas de persoas e a súa titulación así como o número máximo de alumnos por curso axustarase ó disposto no anexo V.

Artigo 16º

Correspóndelle ó mergullador instructor profesional, como responsable do curso, adopta-las medidas necesarias para un correcto aproveitamento das ensinanzas e para garantir en cada momento o necesario nivel de seguridade ó participantes. Dirixirá e coordinará as prácticas, asegurándose que se conta co material necesario para a súa realización nas debidas condicións de seguridade, e elaborará un procedemento de actuación de emerxencia e un dispositivo de evacuación para poder poñer en práctica en caso de accidente.

Disposición adicional

Única.-A práctica por un pescador profesional de inmersións para recolectar ou extraer recursos mariños realizarase de acordo co establecido nas Normas de seguridade para o exercicio de actividades subacuáticas establecidas por orde do Ministerio de Fomento do 14 de outubro de 1997 (BOE nº 280, do 22 de novembro).

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación na Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para a publicación daquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2000.

P.D. (Orde 17-12-1997,

DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

ANEXO II

Modelos e características das acreditacións de recolector a mergullo.

As certificacións de mergullo profesional responderán ó modelo que corresponda coas seguintes características:

Material: PVC (cloruro de vinilo) laminado ou equivalente.

Tamaño: 85,69 mm longo por 53,98 mm de largo.

Grosor: 0,76 mm.

Suxeitas ás normas ISO 7810 y 7811.

Fotografía: integrada por dixitalización a cor.

Anverso: fondo azul (Pantone Process Cyan 2) e branco; impresión en negro.

Reverso: fondo branco con escudo de Galicia en azul; impresión en negro.

ANEXO III

Probas físicas que deben supera-los aspirantes a unha certificación profesional para a extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo para inscribirse nos cursos de formación.

As probas que deben supera-los aspirantes son:

1. Recolector en apnea.

Probas específicas:

Supera-las seguintes probas físicas en piscina ou augas superficiais (menos de 2 m).

1. Facer unha apnea de 1 minuto.

2. Nadar 400 metros braza.

2. Recolector submarino.

Probas específicas:

Supera-las seguintes probas físicas en piscina.

1. Nadar estilo libre de forma continuada 100 m.

Esta proba realizarase en piscina con bañador e anteollos de piscina unicamente.

Estarán exentos de efectua-las probas físicas de acceso ó curso de recolector submarino aqueles candidatos que xa estean en posesión do título de recolector en apnea.

2. Supera-lo test de compresión e tolerancia ó osíxeno hiperbárico.

-5 minutos a 50 m.c.a. en cámara hiperbárica respirando aire.

-30 minutos a 18 m.c.a. respirando osíxeno medicinal.

ANEXO IV

Programas de formación para cada certificación.

O programa de formación de cada certificación axustarase ó seguinte deseño curricular:

1. Recolector en apnea.

Obxectivo xeral.

Realizar traballos de extracción e recursos mariños de maneira segura, competente e responsable ata

unha profundidade de 10 metros, utilizando exclusivamente técnicas de mergullo en apnea.

Obxectivos específicos.

-Coñece-los parámetros físicos elementais que rexen o mergullo en apnea.

-Coñecer e utilizar con seguridade o equipo de mergullo en apnea.

-Coñecer e realiza-los procedementos laborais e especialmente os de seguridade.

-Traballar en equipo.

-Coñece-los accidentes máis comúns nesta actividade e a súa prevención.

-Realizar primeiros auxilios.

-Realizar procedementos de emerxencia e evacuación.

-Desenvolver unha conciencia responsable ante os recursos mariños.

Contidos.

Teóricos:

1. Física aplicada ó mergullo en apnea.

-A presión.

-Lei de Boyle-Mariotte. Aplicación práctica.

2. O equipo de protección individual para a práctica do mergullo en apnea.

-A máscara.

-O tubo respiratorio.

-O traxe, escarpíns, etc.

-O cinto de lastre.

-As aletas.

-O coitelo.

-As luvas.

-A boia.

3. Técnicas de inmersión en apnea.

-Preparación previa á inmersión.

-O descenso: técnicas de inmersión, golpe de ril, etc.

-Manobras máis frecuentes de compensación dos oídos.

-A navegación baixo a auga, en apnea.

-O ascenso. Precaucións e seguridade.

-A inmersión en parellas.

4. Anatomía e fisioloxía humana elemental.

-O sistema respiratorio.

-O sistema circulatorio.

5. Fisiopatoloxía da inmersión en apnea.

-Barotraumas.

-Accidentes biofísicos.

-Accidentes debidos á fauna mariña.

-Accidentes laborais motivados por axentes externos.

6. Primeiros auxilios.

-Técnicas de rescate do accidentado.

-Técnicas de reanimación cardiopulmonar.

-Procedementos de emerxencia e evacuación.

-Hemorraxias.

-Actuación ante un proceso alérxico motivado pola fauna mariña.

-A caixa de urxencias.

7. Procedementos de traballo. Seguridade e saúde laboral.

-Normas de seguridade para a práctica de actividades subacuáticas de aplicación.

-O xefe do equipo.

-Equipos de protección individual en terra, a bordo e baixo a auga.

-Planificación do traballo. O traballo en equipo.

-A embarcación de apoio. Funcións.

-Sinalización das zonas de traballo.

-Elaboración do plan de emerxencias e de evacuación.

-As comunicacións.

-Normas elementais para a prevención da saúde e de hixiene persoal.

8. A extracción de recursos responsable.

-Os recursos pesqueiros. A pesca responsable. Aplicacións á actividade dos mariscadores en apnea.

-Breves referencias da bioloxía das especies que se van extraer.

-Normativa marítimo-pesqueira autonómica aplicable.

Prácticos:

1. En terra.

-Mantemento e reparación elemental do equipo.

-Técnicas correctas de respiración e de preparación para a apnea.

-Técnicas de reanimación cardiopulmonar.

2. En piscina ou augas confinadas (profundidade menor de 2 m).

-Equiparse correctamente.

-Técnicas de entrada na auga.

-Técnica correcta de aleteo.

-Navegación en superficie:

-Boca abaixo co tubo respiratorio e máscara.

-De costas.

-Boca abaixo co tubo e sen máscara.

-Técnicas de inmersión: o golpe de ril.

-Navegación baixo a auga.

-Remolque do compañeiro.

-Coloca-la máscara baixo a auga.

-Técnicas de relaxación baixo a auga.

-Percorridos crecentes.

3. No mar (en profundidades crecentes ata 10 m).

-Percorridos en superficie.

-Realización dunha simulación dun procedemento de recuperación, rescate e evacuación dun mergullador en apnea accidentado.

-Realización de traballos de extracción (simulación), a profundidades crecentes, en parellas, aplicando tódolos coñecementos adquiridos.

Normas para a realización de prácticas.

1. En piscina ou augas confinadas (profundidade menor de 2 metros) o número mínimo de xornadas de prácticas será de 6. Soamente se poderá realizar unha diaria.

2. No mar, o número mínimo de xornadas de prácticas será de 6. Soamente se poderá realizar unha diaria.

3. Os alumnos deben totalizar unha distancia total mínima en percorridos en superficie non inferior a 10 quilómetros no transcurso do curso.

4. Os alumnos deben totalizar, como mínimo, 12 horas de traballo efectivo no mar, simulando traballos de extracción. Será realizado en profundidades crecentes.

Carga horaria do curso: 50 horas lectivas (15 teóricas e 35 prácticas).

2. Recolector submarino.

Obxectivo xeral:

Traballar na recolección subacuática de recursos pesqueiros de forma segura, competente e responsable ata unha profundidade de 12 metros utilizando como gas respirable o aire, con equipos de subministración desde a superficie.

Obxectivos específicos:

-Ter un nivel de formación teórica e práctica suficiente para comprender e efectua-los cálculos para a realización de inmersións seguras. Traballar en equipo.

-Coñece-los accidentes máis comúns desta actividade e a súa prevención. Realizar primeiros auxilios básicos.

-Te-la acuaticidade adecuada e manexar con seguridade o equipo básico mínimo de mergullo con subministración desde a superficie.

-Desenvolver unha conciencia responsable ante os recursos pesqueiros.

Contidos.

Teóricos:

1. Lexislación (3 horas).

-As normas de seguridade para a práctica das actividades subacuáticas.

-As titulacións e cualificacións e as súas competencias.

-Normativa sobre hixiene e prevención de riscos laborais.

2. Física aplicada ó mergullo con aire (4 horas).

-Os parámetros físicos elementais que rexen no mergullo con aire comprimido. Flotabilidade. Principio de Arquímedes.

-A presión. Lei xeral dos gases. Lei de Charles.

-Lei de Boyle-Mariotte. Aplicación práctica.

-Leis de Dalton e Henry. Concepto e aplicación práctica.

3. Fisioloxía aplicada ó mergullo con aire (4 horas).

-Sistema respiratorio.

-Sistema circulatorio.

-Oído e seos.

-Efectos da presión da presión sobre o corpo humano.

-Accidentes derivados da práctica do mergullo con aire.

-Xerais. No descenso. No fondo. No ascenso.

4. Primeiros auxilios (4 horas).

-Recoñecemento dos síntomas dun accidente de mergullo. Parada cardiorrespiratoria e técnicas de reanimación.

-Feridas, hemorraxias, fracturas, queimaduras, electrocución, asfixia e edema pulmonar, hipo e hipertemia.

-Traslado do accidentado.

5. Técnicas de mergullo (4 horas).

-Manexo e interpretación de táboas de mergullo.

-Manexo do equipo básico de inmersión de subministración desde a superficie.

-Comunicación e sinais entre mergulladores.

6. Planificación e organización do traballo subacuático (1 hora).

-Composición, funcións e responsabilidades dos membros integrantes dun equipo de traballo subacuático.

-Elaboración dun plan de emerxencia e evacuación.

7. A extracción de recursos responsable (9 horas).

-Os recursos pesqueiros. A pesca responsable. Aplicación á actividade dos recolectores subacuáticos.

-O marisqueo como actividade económica.

-Xeneralidades sobre o medio mariño.

-Especies mariñas de interese marisqueiro. O ourizo. A navalla e o longueirón.

-Evolución dun banco natural: a explotación racional do recurso. Os plans de explotación.

-O PERMEX e a Lei de infraccións en materia de protección de recursos.

-A organización. Concepto de organización no ámbito do marisqueo. Vantaxes. Obxectivos.

-As confrarías de pescadores. A condición de socio. Dereitos e obrigas. Os órganos rectores das confrarías. As agrupacións de mariscadores.

-Órganos da Comunidade Autónoma. A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

-A comercialización.

-Fiscalidade: o imposto sobre o valor engadido (IVE) e o imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

-O sistema español de Seguridade Social: réximes. O réxime especial dos traballadores do mar (REM). As prestacións. Os convenios especiais.

Prácticos:

1. A piscina ou augas confinadas (ata 2 m) (10 horas).

En tres sesións.

-Adaptación ó traxe seco. Outros tipos de traxes.

-Natación por superficie con traxe seco, aletas, anteollos, tubo, cinto de lastre. Ídem con outros tipos de traxe.

-Ensamblaxe do equipo básico de mergullo con subministración desde a superficie:

-Subministración principal.

-Subministración de emerxencia.

-Cadro de distribución.

-Comunicacións con fíos portátiles.

-Máscara facial e demanda lixeira.

-Botella de emerxencia do mergullador.

-Umbilical de mergullo.

-Equipo persoal do mergullador.

-Practica-los roles do grupo de traballo.

-Xefe de equipo: listas de comprobación, manipulación e control do cadro de distribución.

-Axudante de mergullo: equipa e desequipa o mergullador. Controla os umbilicais.

-Mergullador de emerxencia: simulación de situaciones de emerxencia.

-Mergullador:

-Entradas á auga.

-Prácticas de comunicacións: orais e por tiróns.

-Prácticas de flotabilidade.

-Natación con aletas e sen elas.

-Prácticas de emerxencia.

-Corte de subministración de aire.

-Simulación de aboiamento.

-Enredo de umbilicais.

-Anegamento da máscara facial.

2. Prácticas en augas libres (subministración desde a superficie).

Realizaranse alomenos 6 sesións nas que cada alumno deberá permanecer baixo a auga un mínimo de 50 minutos en cada unha delas, efectuándose en profundidades crecentes entre 4 e 12 m.

-Prácticas de emerxencia.

-Prácticas de aboiamento con traxe seco.

-Corte de subministración de aire.

-Enredo de umbilicais.

-Anegamento da máscara facial.

-Comunicacións superficie-mergullador-superficie e entre mergulladores.

Nota: non se poderán simultanear sesións de mar e de piscina no mesmo día. Non se efectuará máis dunha sesión de mar ou piscina no mesmo día.

Carga horaria do curso: 60 horas lectivas (25 teóricas e 35 prácticas).

ANEXO V

Mínimos necesarios de persoal e titulación para imparti-los cursos de certificación profesionais para a extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo.

Nº máximo de alumnos por curso.

-Recolector en apnea: 20 alumnos.

-Recolector submarino: 12 alumnos.

Persoal mínimo necesario por curso.

1. Recolector en apnea.

-1 mergullador instructor profesional.

-1 mergullador profesional de 2ª clase.

-1 licenciado en medicina e cirurxía inscrito no censo establecido na orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 23 de abril de 1999 (DOG nº 90, do 12 de maio).

2. Recolector submarino.

-1 mergullador instructor profesional.

-2 mergulladores profesionais de 2ª clase.

-1 biólogo cun curso de formación de formadores para a formación de mariscadores da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

-1 licenciado en medicina e cirurxía inscrito no censo establecido na orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 23 de abril de 1999 (DOG nº 90, do 12 de maio).