Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2012 Páx. 1283

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establecen os aspectos básicos do currículo do módulo formativo de carácter xeral do segundo curso dos programas de cualificación profesional inicial de formación complementaria de acceso a ciclos.

A Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece, no seu artigo 8.3.d), que o currículo do módulo formativo de carácter xeral de segundo curso formación complementaria de acceso a ciclos se establecerá por medio de resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento dos aspectos básicos do currículo do módulo formativo de carácter xeral de segundo curso dos programas de cualificación profesional inicial de formación complementaria de acceso a ciclos.

Segundo. Competencias básicas.

1. O currículo dos módulos formativos de carácter xeral e dos módulos formativos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria das ensinanzas dos programas de cualificación profesional inicial oriéntase ao logro das competencias básicas, imprescindibles para a realización persoal, para exercer a cidadanía activa, para incorporarse á vida social e laboral dun xeito satisfactorio e ser quen de desenvolver unha aprendizaxe permanente ao longo da vida.

2. Non obstante, o alumnado dos programas de cualificación profesional inicial que supere os módulos específicos profesionais e os módulos formativos de carácter xeral terá acceso aos ciclos formativos de grao medio e á cualificación necesaria para o desempeño da actividade profesional correspondente. Xa que logo, pódense extraer das competencias básicas aquelas que se consideran necesarias para cursar con éxito un ciclo formativo de grao medio.

Terceiro. Competencias básicas relacionadas co acceso aos ciclos formativos de grao medio.

1. As competencias básicas que se terán especialmente como referencia para posibilitar cursar con éxito un ciclo formativo de grao medio son as seguintes:

– Tratamento da información e competencia dixital.

– Competencia en comunicación lingüística.

– Competencia matemática.

– Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico.

– Competencia social e cidadá.

2. No anexo I desta resolución establécense as descricións e os resultados de aprendizaxe referidos ás competencias básicas que se indican no punto anterior que terá que lograr o alumnado dos programas de cualificación profesional inicial que supere os módulos específicos profesionais e os módulos formativos de carácter xeral.

Cuarto. Modulo de formación complementaria de acceso a ciclos.

1. A Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece, no seu artigo 8.3.d), que o módulo de formación complementaria de acceso a ciclos contribúe, en combinación cos outros tres módulos formativos de carácter xeral de segundo curso, a completar as competencias básicas necesarias para cursar con éxito un ciclo formativo de grao medio.

2. O profesorado responsable da impartición deste módulo seleccionará os contidos e os criterios de avaliación, ou parte deles, correspondentes ao currículo dos módulos formativos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria dos programas de cualificación profesional inicial, para que xunto cos outros tres módulos formativos de carácter xeral de segundo curso lle permitan ao alumnado completar as competencias básicas cos resultados de aprendizaxe que se establecen no anexo I desta resolución.

Quinto. Profesorado.

1. Consonte o establecido no artigo 13.3 da citada Orde do 13 de xullo de 2011, a docencia do módulo de formación complementaria de acceso a ciclos correspóndelle ao profesorado do corpo de catedráticos e catedráticas de ensino secundario e do corpo de profesorado de ensino secundario, das especialidades seguintes: lingua e literatura galega, lingua castelá e literatura, linguas estranxeiras, xeografía e historia, tecnoloxía, matemáticas, bioloxía e xeoloxía, e física e química. No caso de centros de titularidade privada, correspóndelle ao profesorado habilitado para impartir as ditas materias.

2. Este módulo poderá ser impartido por un único profesor ou profesora ou por varios para facilitar a súa impartición en combinación coa impartición dos outros tres módulos formativos de carácter xeral de segundo curso: competencia comunicativa e dixital II, sociedade e cidadanía II, e científico-matemático II.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO I
Competencias básicas relacionadas co acceso aos ciclos formativos de grao medio

1. Tratamento da información e competencia dixital.

Esta competencia consiste en dispor de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información, e para transformala en coñecemento. A competencia dixital significa, así mesmo, comunicar a información e os coñecementos adquiridos. Esta competencia permite resolver problemas, traballar en ámbitos colaborativos e xerar producións responsables e creativas.

O tratamento da información e a competencia dixital implican ser unha persoa autónoma, eficaz, responsable, crítica e reflexiva ao seleccionar, tratar e utilizar a información e as súas fontes, así como as distintas ferramentas tecnolóxicas; ter unha actitude crítica e reflexiva na valoración da información dispoñible, contrastándoa cando é necesario, e respectar as normas de conduta acordadas socialmente para regular o uso da información e as súas fontes nos distintos soportes.

Resultados de aprendizaxe.

– RA1.1. Realiza as operacións básicas de manexo dun computador e os seus periféricos, seguindo instrucións recibidas.

– RA1.2. Utiliza adecuadamente a terminoloxía relacionada coas TIC.

– RA1.3. Describe e utiliza as utilidades que proporciona internet para realizar buscas e obter información.

– RA1.4. Describe e utiliza as funcións principais dun procesador de textos e executa tarefas simples e elementais, seguindo instrucións recibidas.

– RA1.5. Describe e utiliza as funcións principais dunha folla de cálculo e executa tarefas simples e elementais, seguindo instrucións recibidas.

– RA1.6. Instala, desinstala e actualiza programas nun sistema operativo seguindo instrucións especificadas na guía detallada.

2. Competencia en comunicación lingüística.

2.1. Lingua galega e lingua castelá.

Esta competencia refírese ao uso da linguaxe:

– Como instrumento para a comunicación oral e escrita:

– Ler e escribir; conversar, dialogar, expresar e interpretar pensamentos, emocións, vivencias, opinións e creacións.

– Para a representación, interpretación e comprensión da realidade:

– Adaptar a comunicación ao contexto; buscar, recompilar, procesar e comunicar información; coñecer as regras do sistema da lingua; xerar hipóteses, ideas, supostos e interrogantes.

– Para a construción e a comunicación do coñecemento:

– Comprender os textos; estruturar o coñecemento e dar coherencia e cohesión ao discurso e ás propias accións e tarefas; manexar diversas fontes de información.

– Para a organización e autorregulación do pensamento, as emocións e a conduta:

– Adoptar decisións, convivir, eliminar estereotipos e expresións sexistas; formar un xuízo crítico e ético; usar a comunicación para resolver conflitos; aceptar opinións distintas á propia.

É a competencia básica fundamental en calquera proceso de aprendizaxe, xa que non hai coñecemento nin disciplina que non requira dela. Persegue a adquisición de habilidades e destrezas para a comunicación oral e escrita de tipo lingüístico (pronuncia, entoación, léxico, estruturación gramatical, ritmo e fluidez), e tamén discursivos (selección e ordenación de ideas, coherencia, etc.) e estratéxicos co uso de estratexias non verbais.

Resultados de aprendizaxe.

– RA2.1. Identifica a idea xeral, a intención comunicativa, o tema e as ideas principais e secundarias en textos sinxelos (tanto orais como escritos) dos ámbitos social e académico, para lle permitir o acceso ao coñecemento.

– RA2.2. Exprésase oralmente e por escrito con corrección, con claridade e con orde, adecuándose sempre ao contexto comunicativo, para explicar feitos, ideas e emocións.

– RA2.3. Elabora esquemas ou resumos distinguindo as ideas principais das secundarias, para sintetizar textos sinxelos do ámbito académico e dos medios de comunicación.

2.2. Linguas estranxeiras.

Esta competencia refírese á utilización da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita. A competencia en lingua estranxeira está relacionada coas destrezas discursivas que teñen lugar en ámbitos diversos como o das relacións persoais, o ámbito educativo, o académico, o público ou o dos medios de comunicación. O seu coñecemento contribúe á formación do alumnado desde unha perspectiva integral en canto que favorece o respecto, o interese e a comunicación con falantes doutras linguas, desenvolve a conciencia intercultural e é un vehículo para a comprensión de temas e problemas globais.

Resultados de aprendizaxe.

– RA2.4. Elabora, coa axuda do dicionario, textos escritos sinxelos e breves, escollendo adecuadamente o léxico e as estruturas gramaticais básicas.

– RA2.5. Identifica a idea xeral e os detalles salientables de mensaxes orais emitidas con claridade.

– RA2.6. Identifica a idea xeral de textos escritos sinxelos sobre temas coñecidos e próximos á experiencia do alumnado.

– RA2.7. Exprésase oralmente de xeito intelixible para solicitar a colaboración do interlocutor coa finalidade de asegurar a comprensión e o mantemento da comunicación.

– RA2.8. Le textos sinxelos de xeito autónomo con finalidades diversas.

3. Competencia matemática.

A competencia matemática consiste na habilidade para utilizar e relacionar os números, as súas operacións básicas, os símbolos e as formas de expresión e razoamento matemático, tanto para producir e interpretar distintos tipos de información, como para resolver problemas relacionados coa vida cotiá e co mundo laboral.

Forma parte da competencia matemática a habilidade para interpretar e expresar con claridade e precisión informacións, datos e argumentacións. Así mesmo, esta competencia implica o coñecemento e manexo dos elementos matemáticos básicos (distintos tipos de números, medidas, símbolos, elementos xeométricos, etc.) e a posta en práctica de procesos de razoamento que levan á solución dos problemas ou á obtención de información. Estes procesos permiten aplicar esa información a unha maior variedade de situacións e contextos, seguir cadeas argumentais identificando as ideas fundamentais, e estimar e axuizar a lóxica e a validez de argumentacións e informacións.

En consecuencia, a competencia matemática supón a habilidade para seguir determinados procesos de pensamento (como a indución e a dedución, entre outros) e aplicar algúns algoritmos de cálculo para identificar a validez dos razoamentos e valorar o grao de certeza asociado aos resultados derivados dos razoamentos válidos.

Resultados de aprendizaxe.

– RA3.1. Formula e resolve problemas suscitados na vida cotiá en que interveñan porcentaxes e taxas ou en que se precise a formulación e a resolución de ecuacións de primeiro grao sinxelas.

– RA3.2. Utiliza os tipos de números (naturais, fraccionarios e enteiros) e as operacións básicas con eles para resolver problemas relacionados coa vida diaria.

– RA3.3. Calcula magnitudes para resolver problemas suscitados na vida real, e utiliza e transforma as unidades de medida (de lonxitude, superficie, volume, tempo, forza, traballo, etc.).

– RA3.4. Interpreta gráficos sinxelos, traducindo a palabras os datos numéricos representados neles (climogramas, evolución de produción ou prezos, pirámides de poboación, etc.) e representa gráficos sinxelos a partir de datos numéricos.

– RA3.5. Obtén e interpreta os parámetros estatísticos máis usuais (frecuencia, media, moda, mediana, etc.) en series de datos tomados de situacións da vida cotiá.

– RA3.6. Recoñece na vida diaria situacións e fenómenos asociados ao azar.

4. Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico.

A competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico ten un papel esencial na habilidade para interactuar co mundo físico, tanto nos seus aspectos naturais como nos xerados pola acción humana, posibilitando a comprensión de sucesos, a predición de consecuencias e a actividade dirixida á mellora e á preservación das condicións de vida propia, das demais persoas e do resto dos seres vivos. Esta competencia implica non só un mellor coñecemento de cada unha das ciencias da natureza e un coñecemento acerca da propia ciencia, senón tamén do uso que se fai dese coñecemento para identificar cuestións ás cales pode dar resposta a investigación científica, adquirir novos coñecementos, explicar fenómenos naturais e extraer conclusións baseadas en probas sobre temas relacionados coas ciencias.

Comporta, xa que logo, a aplicación dos procesos que caracterizan as ciencias e o método de investigación científica, e require a comprensión dos trazos característicos da ciencia, entendida como un xeito do coñecemento e indagación humana, o seu carácter tentativo e creativo, e determinada polas actitudes da persoa cara ás ciencias e á súa disposición por implicarse en cuestións ou temas científicos.

Resultados de aprendizaxe.

– RA4.1. Identifica, coñece e valora positivamente hábitos saudables de hixiene, saúde e alimentación como medio para reducir desequilibrios e tensións da vida cotiá.

– RA4.2. Recoñece os fenómenos fundamentais que afectan o medio físico: o clima e os seus elementos; os fenómenos xeolóxicos como terremotos, erupcións volcánicas, etc.; e a degradación do ambiente como froito da acción humana.

– RA4.3. Recoñece e clasifica as fontes de enerxía, valorando a eficiencia enerxética e a utilización responsable dos recursos como modo de contribuír ao futuro sustentable.

– RA4.4. Xustifica a importancia da diversidade de plantas e animais para a estabilidade da biosfera.

– RA4.5. Identifica e diferencia os trazos distintivos do coñecemento científico, analizando como se chega á formulación e ás propostas de resolución dos problemas, para o diferenciar doutras formas de pensamento humano.

– RA4.6. Identifica e describe feitos que amosen a Terra como un planeta en continuo cambio: erosión, cambios climáticos, erupcións volcánicas, terremotos, etc.

5. Competencia social e cidadá.

Esta competencia fai posible comprender a realidade social en que se vive, cooperar, convivir e exercer a cidadanía democrática nunha sociedade plural, así como comprometerse a contribuír á súa mellora. Integra coñecementos diversos e habilidades complexas que permiten participar, tomar decisións, elixir como comportarse en determinadas situacións e responsabilizarse das eleccións persoais adoptadas. Globalmente supón utilizar, para desenvolverse socialmente, o coñecemento sobre a evolución e a organización das sociedades, e sobre os trazos e valores do sistema democrático, así como utilizar o xuízo moral tanto para elixir e tomar decisións como para exercer activa e responsablemente os dereitos e os deberes da cidadanía.

Resultados de aprendizaxe.

– RA5.1. Sabe traballar en equipo e é quen de expresar as súas opinións de xeito asertivo e razoado no contexto de diferentes formas de participación, que debe coñecer e nas cales debe saber desenvolverse baixo os principios básicos da Declaración universal dos dereitos humanos.

– RA5.2. Describe a organización social, política e territorial do seu ámbito máis próximo (local) e máis afastado (autonómico, estatal e comunitario), e sitúa no tempo os acontecementos históricos máis salientables e representativos.

– RA5.3. Fai uso de diferentes fontes e ferramentas de busca para obter e relacionar información.