Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 22 de marzo de 2012 Páx. 10000

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de marzo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a colaboración titorizada en diversos centros bibliotecarios.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia exerce, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafo 18, a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, competencia recollida na Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas e o seu posterior desenvolvemento regulamentario. Consonte esta responsabilidade, a consellería é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica dos responsables destas. Por iso, a través da súa Secretaría Xeral de Cultura, vén ocupándose mediante cursos de formación da instrución tanto básica como de perfeccionamento dos futuros bibliotecarios da Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta formación, esencialmente teórica, non podería ser nunca completa se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan non só a formación nas diversas áreas destes centros, senón tamén contacto diario e directo dos beneficiarios, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca, debidamente guiados por persoas con coñecementos e experiencia abondos, como medio de promoción profesional.

Por esta razón, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, realiza un plan de preparación de profesionais para a Rede de Bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación mediante a colaboración titoriada en diversos centros dependentes desta.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

1. Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, bolsas de formación en biblioteconomía mediante colaboración titorizada na organización e descrición de fondos e actividades de biblioteconomía en bibliotecas. As bolsas serán adxudicadas como medio de aprendizaxe das tarefas técnicas que se realizan nas bibliotecas de Galicia.

2. Os bolseiros realizarán as súas prácticas nos centros aos que sexan destinados e serán coordinados e dirixidos pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela. A relación de centros en que deberán realizar as prácticas publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

3. A formación comprenderá unha parte teórica, que suporá o 15% do total da bolsa e será impartida por persoal técnico bibliotecario.

Artigo 2. Número, duración e importe das bolsas.

1. O número de prazas convocadas será de trinta e tres, que se adxudicarán mediante a aplicación do baremo indicado no artigo 6 desta convocatoria.

2. A bolsa terá unha duración total de 8 meses, contados desde a data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e poderá ser prorrogada dependendo do informe favorable do responsable titorial e mais da existencia de crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento.

3. Financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.20.432.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, por un importe total de douscentos trinta e oito mil setecentos noventa con sesenta e catro euros (238.790,64 €).

4. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse 9.110,64 €, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por continxencias comúns e profesionais.

5. O importe individualizado de cada bolsa será de 870 € brutos mensuais.

6. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no caso de que as bolsas concedidas non cubrisen a totalidade do crédito asignado, pode realizar unha nova convocatoria pública, nos mesmos ou en diferentes termos desta.

Artigo 3. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios os solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

– Titulación universitaria de diplomatura en Biblioteconomía e Documentación, ou licenciatura en Biblioteconomía, Documentación, Historia, Filoloxía ou Humanidades.

– Non percibir outra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

– Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.

– Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2.º e 3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán achegar, para estes efectos, unha declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no referido artigo.

Artigo 4. Obrigas dos bolseiros.

As persoas seleccionadas, logo de aceptaren as bolsas, seralles de aplicación o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, así mesmo, quedarán obrigadas a:

– Incorporarse aos centros aos que sexan destinadas dentro dos dez (10) días naturais seguintes ao da notificación da resolución definitiva.

– Asistir aos centros onde resulten destinadas, de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación teórica e práctica.

– Presentar antes do primeiro pagamento unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

– Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

– Cumprir o compromiso de formación durante todo o período para o cal se lle concedeu a bolsa.

Artigo 5. Presentación das solicitudes, documentación e prazos.

1. As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo a esta orde, na oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, nas súas delegacións provinciais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Documentación que cómpre achegar:

Os solicitantes, ademais da solicitude, deberán xuntar a documentación seguinte:

– O anexo cuberto.

– Fotocopia do DNI, NIF, NIE ou equivalente, orixinal ou debidamente compulsado ou cotexado. O solicitante poderá autorizar á Secretaría Xeral de Cultura o acceso de oficio aos datos de verificación da súa identidade, de acordo co establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos, tal e como se establece na solicitude. Neste caso, a fotocopia de identidade non será exixida.

– Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, ou, no caso de o ter, un compromiso expreso de renunciar con anterioridade ao momento da incorporación ao centro ao que sexa destinado.

– Fotocopia do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

– Fotocopia dos documentos que acrediten os méritos alegados.

– Declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2.º e 10.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Se as solicitudes non reuniran os requisitos sinalados, os solicitantes serán requiridos para que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se lles concederá un prazo de dez (10) días hábiles, contados desde a recepción do escrito de requirimento correspondente.

Artigo 6. Instrución, avaliación e criterios de valoración.

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas levaraa a cabo o secretario xeral de Cultura.

O órgano competente para a instrución realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. As solicitudes serán analizadas e valoradas por unha comisión presidida polo subdirector xeral de Bibliotecas e composta polo xefe do Servizo do Sistema de Bibliotecas, o director dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia e un funcionario ou laboral, que actuará como secretario.

3. Esta comisión avaliará consonte aos seguintes criterios:

– Doutoramento en biblioteconomía ou documentación: 1 punto.

– Expediente: puntuarase en función do número de materias estudadas relacionadas especificamente con bibliotecas ou centros de documentación e da puntuación obtida en cada unha delas. Máximo: 15 puntos.

– Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

d) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos por curso, ata o máximo de 0,75 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

– Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas impartidos por outros organismos: valoraranse segundo a súa duración cos criterios establecidos no punto anterior, ata un máximo de 0,75 puntos.

– Impartición de cursos de bibliotecas, ata 1,50 puntos, en función das horas impartidas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,75 puntos por curso, ata o máximo de 1,50 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata o máximo de 1,50 puntos.

– Asistencia a congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,10 puntos por congreso, ata un máximo de 0,75 puntos.

– Presentación de comunicacións en congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 1,25 puntos.

– Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,25 puntos por publicación, ata o máximo de 1,5 puntos. O mesmo mérito valorarase unha soa vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

– Cursos de galego:

Iniciación: 2,5 puntos.

Perfeccionamento: 3,5 puntos.

Ata o máximo de 3,5 puntos.

O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que se fará pública, para os efectos de notificación aos interesados, no portal da Rede de Bibliotecas (www.rbgalicia.xunta.es), nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nas súas xefaturas territoriais. Concederase un prazo de dez (10) días para presentar alegacións. Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar o solicitante ou solicitantes para os cales se propón a concesión da bolsa, especificando a puntuación total obtida na valoración dos méritos.

Artigo 7. Resolución.

1. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e ditarase no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución. O acordo farase público no portal da Rede de Bibliotecas de Galicia (www.rbgalicia.xunta.es), nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas provinciais e segundo o establecido no artigo 15.1 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia nun prazo que non deberá exceder en ningún caso os dous meses tras o remate do período de presentación de instancias. En todo caso, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá superar os nove meses.

A resolución deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas, poderanse designar ademais aos adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se puidese formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia.

2. No suposto de que non recaese ningunha resolución expresa dentro do prazo previsto para resolver, o sentido do silencio será negativo.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

De non se incorporaren no prazo que se determine para o efecto na resolución da concesión sen causa suficiente, ou de demostrar falsidade ou non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada, o secretario xeral de Cultura poderá propoñer o seguinte ou seguintes candidatos, por orde de puntuación, e quedará sen efecto o nomeamento das persoas que se atopen nalgunha destas situacións.

4. Unha vez outorgadas as bolsas, a Secretaría Xeral de Cultura poderá solicitarlles aos seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán entregar nun prazo non superior aos dez (10) días.

5. De acordo co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 16/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, segundo autorización do solicitante que figure na convocatoria correspondente.

7. A resolución de adxudicación ponlle fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da citada Lei 30/1992, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data de notificación desta aos interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da data de notificación.

8. Unha vez rematado o período de percepción da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación presentada.

Artigo 8. Pagamento das bolsas.

1. O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación, e repartirase en oito (8) mensualidades, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, logo da certificación da Secretaría Xeral de Cultura de que a persoa beneficiaria realizou, de conformidade coas actividades que son obxecto da bolsa.

2. Aos beneficiarios das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao seu pagamento.

Artigo 9. Renuncias, revogación e reintegro das cantidades.

1. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o gozo desta, deberá ser comunicada polo menos con sete días de antelación á data na que solicite sexa aceptada a súa renuncia. Esta dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Secretaría Xeral de Cultura a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Réxime xurídico.

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei anterior. Con carácter supletorio será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado por Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 11. Carácter das bolsas.

Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos desta conforme estas bases, sen ningún outro vencello laboral ou administrativo.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file