Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2012 Páx. 23556

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de xuño de 2012 pola que se fai pública a minoración do importe existente para a concesión de axudas destinadas á programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao exercicio 2012, convocadas pola Orde do 30 de decembro de 2011.

No Diario Oficial de Galicia nº 6, do 10 de xaneiro, publicouse a Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao exercicio de 2012.

A aprobación por parte do Consello de Ministros do Goberno de España, na súa reunión do día 30 de marzo, do proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2012, supón a plasmación dun importante esforzo no control do gasto co fin de reducir o déficit público e acadar o obxectivo de estabilidade orzamentaria, cun axuste de 27.300 millóns de euros.

Este importante axuste supón unha redución media de case o 17 por cento na capacidade de gasto dos ministerios e, no caso de políticas activas de emprego, implica a redución de 1.557 millóns de euros para este exercicio no conxunto do Estado, tanto para o Servizo Público de Emprego estatal como para os autonómicos.

A orde de convocatoria en materia de formación citada, competencia da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, ditouse e publicouse coa correspondente autorización do gasto con base nos créditos contidos na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, de acordo coas previsións de fondos finalistas facilitadas polo Servizo Público de Emprego estatal.

Unha vez aprobada pola Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, na súa reunión do día 24 de maio de 2012, a distribución de fondos en materia laboral dos orzamentos xerais do Estado para a súa xestión polas comunidades autónomas no ano 2012 e, en concreto, para Galicia, en materia de medidas de políticas activas de emprego, procede realizar o correspondente e necesario axuste nas diferentes partidas destinadas ao financiamento destas medidas, de conformidade coas normas e previsións da Estratexia española de emprego 2012-2014, aprobada polo Real decreto 1542/2011, do 31 de outubro, e do Plan anual de política de emprego para 2012.

Por todo o anterior, e en coherencia cos principios da política orzamentaria, que implican o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, procede neste momento efectuar medidas de reaxuste dos créditos financiados con fondos finalistas de emprego autorizados para o financiamento de subvencións e modificar a Orde do 30 de decembro de 2011. Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Minórase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2011 nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias:

Aplicac.

Cód. prox.

Importe (€)

12.05.323A.440.0

2012 00617

200.000,00

12.05.323A.460.1

2012 00617

2.372.658,00

12.05.323A.471.0

2012 00617

6.721.505,64

12.05.323A.481.0

2012 00617

6.359.701,74

Segundo. Esta modificación non afecta os prazos establecidos na Orde do 30 de decembro de 2011 para a presentación de solicitudes nin tampouco afecta o resto do articulado da devandita orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar