Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2012 Páx. 23558

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 4 de xuño de 2012 pola que se convocan para 2012 as axudas en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para a mellora da súa produción, comercialización e formación.

O sector de planta ornamental e da flor en Galicia ten unha importante potencialidade polas súas condicións agroclimáticas e constitúe unha fonte de xeración de renda e de emprego no eido rural. Non obstante, presenta importantes debilidades canto á concentración da oferta, instalacións e infraestruturas de produción e de comercialización, certa estacionalidade na produción, así como circuítos comerciais pouco desenvolvidos para atender as necesidades do mercado.

Os investimentos encamiñados a mellorar o nivel tecnolóxico e de mecanización das explotacións, así como á calidade dos produtos obtidos, son imprescindibles para elevar a eficiencia do sistema produtivo e, por tanto, a posición competitiva das empresas do sector.

Unha adecuada promoción dos produtos é tamén fundamental para manter a competitividade.

O Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, establece as bases reguladoras para o recoñecemento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e para as medidas de apoio á súa constitución e funcionamento.

A través da Orde do 7 de maio de 2010, da Consellería do Medio Rural (DOG nº 93 do 19 de maio), desenvólvese un réxime de axudas para sufragar os custos xerados na constitución dunha agrupación de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura, así como os gastos do seu funcionamento por un período de cinco anos desde o recoñecemento da agrupación de produtores.

O Real decreto 202/2010, do 1 de marzo (BOE nº 65, do 16 de marzo), modificado polo Real decreto 863/2010, do 2 de xullo (BOE nº 161, do 3 de xullo), establece as bases reguladoras para a concesión de axudas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para mellorar a produción, a comercialización e a formación no sector de planta ornamental.

De acordo coas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C 319/01), as axudas aos investimentos en explotacións agrarias para fomentar a produción de produtos de calidade e para formación deberán axustarse ao establecido no Regulamento (CE) nº 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas.

Así mesmo, as axudas para transformación e comercialización deben cumprir algúns requisitos dos establecidos no Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (regulamento xeral de exención por categorías).

O preámbulo e o artigo 17 do Real decreto 202/2010, do 1 de marzo, atribúe ás diferentes comunidades autónomas en cuxo territorio estea a sede social da agrupación de produtores a xestión e pagamento destas axudas.

Mediante a Orde do 5 de xullo de 2010 (DOG nº 132, do 13 de xullo), a Consellería do Medio Rural establece as bases reguladoras de concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva destinadas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura, para mellora da súa produción, comercialización e formación.

A través da presente disposición procédese a realizar a convocatoria destas axudas para o ano 2012.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Convocatoria para o ano 2012:

Artigo 1. Convocatoria

Por esta orde convócanse para o ano 2012 as axudas en réxime de concorrencia competitiva destinadas ás agrupacións de produtores e plantas vivas da floricultura para a mellora da súa produción, comercialización e formación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas bases previstas na Orde do 5 de xullo de 2010 (DOG nº 132, do 13 de xullo).

Artigo 2. Condicións e finalidade

1. Os solicitantes destas axudas deberán cumprir os requisitos e os compromisos establecidos nas bases reguladoras da Orde do 5 de xullo de 2010 (DOG nº 132, do 13 de xullo).

2. Estas axudas teñen por finalidade mellorar a competitividade dos sectores de planta ornamental e da flor na Comunidade Autónoma de Galicia, apoiando a execución de accións comúns entre os socios das agrupacións de produtores recoñecidas, para mellorar a eficacia do sistema produtivo, a calidade e a comercialización das súas producións, así como a súa formación.

Artigo 3. Solicitudes, xestión e xustificación

1. As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2012 formularanse conforme os modelos que se xuntan nesta orde.

2. Os beneficiarios, os conceptos subvencionables e contía económica, a documentación, procedemento de xestión e xustificación das axudas serán os establecidos con carácter xeral na Orde do 5 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras destinadas ás agrupación de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para a mellora da súa produción, comercialización e formación.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes dirixiranse a conselleira do Medio Rural e do Mar. Presentaranse preferentemente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia nos servizos centrais, ou do xeito previsto no artigo 10 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro (DOG nº 196, do 13 de outubro), de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

As solicitudes poderán tamén presentarse telematicamente. Os solicitantes poderán presentar a solicitude, coa documentación necesaria, transmitíndoa por vía telemática ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante a citada sinatura electrónica avanzada, no enderezo da internet https://sede.xunta.es. Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lle poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento. O representante legal da entidade que formule a presentación telemática deberá posuír o devandito certificado dixital.

2. As solicitudes de subvención presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 5. Financiamento das axudas

As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos fondos transferidos polo MARM, de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria e conforme o establecido no artigo 86 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.712C 770.3 e código de proxecto 2010-01257, cunha dotación de 15.000,00 euros para o ano 2012.

Poderase proceder a incrementar a cantidade fixada anteriormente, de acordo co establecido no punto 2 do artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Publicación e tratamento de datos

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas ou entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición adicional segunda. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento executivo, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file