Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 18 de setembro de 2012 Páx. 36491

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2012, de delegación de competencias do consello de dirección na persoa titular da dirección do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

O artigo 4 do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), establece que os órganos de goberno do instituto son o Consello de Dirección, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Dirección, e precisa a continuación as funcións que lle corresponden a cada órgano.

Polo que atinxe ao consello de dirección, o artigo 6.d) do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, atribúelle a este órgano a competencia sobre todas as cuestións relacionadas coa organización, o funcionamento e as operacións que ten que realizar o Ingacal.

No entanto, a actividade do Ingacal require en ocasións, a celebración de contratos laborais temporais para o desenvolvemento de proxectos de investigación, que requiren maior axilidade na súa tramitación e aconsellan a delegación desta facultade do consello de dirección, acordo que foi adoptado por unanimidade dos membros presentes do consello na reunión do día 29 de xuño de 2012.

Na normativa orgánica do Instituto, a facultade do consello de dirección para delegar as funcións que ten atribuídas na persoa titular da dirección do Ingacal recóllese no propio artigo 6.d) do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, asi como no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de febreiro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo que, facendo uso da facultade conferida,

DISPOÑO:

Primeiro. Delegar na persoa titular da dirección do Instituto Galego da Calidade Alimentaria a facultade do consello de dirección prevista no artigo 6.d) do Decreto 259/2006, para autorizar a contratación de persoal temporal por obra ou servizo con cargo a proxectos e servizos de I+D+i.

Segundo. As resolucións que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo consello de dirección do Ingacal.

O exercicio das competencias delegadas axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de febreiro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Terceiro. En calquera momento, o consello de dirección do Ingacal poderá revogar o exercicio das competencias delegadas por esta resolución ou revogalas para o coñecemento dun asunto concreto.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2012

Rosa M. Quintana Carballo
Presidenta do Instituto Galego da Calidade Alimentaria