Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 2 de abril de 2013 Páx. 9612

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de marzo de 2013 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2013 e se procede á súa convocatoria.

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do lecer e o tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro, a Consellería de Traballo e Benestar inclúe entre os seus obxectivos o de favorecer a participación da xuventude en actividades deste tipo, e para iso convoca, unha vez máis, a Campaña de verán 2013.

A través da oferta da devandita campaña ofrécese a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre de verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional a través das actividades que se realizan noutras comunidades autónomas de España.

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pretende satisfacer as necesidades da xuventude galega na ocupación do seu tempo de lecer.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Para facilitar que a xuventude galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade, a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, oferta a programación de actividades que se detalla no anexo I desta orde.

As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo tanto en Galicia como nas comunidades autónomas de España, en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto.

2. A información sobre a convocatoria desta campaña, así como de cada actividade e instalación xuvenil onde se desenvolverá, atoparase detallada na páxina web www.xuventude.net. Ademais, as persoas interesadas poden solicitar folletos informativos da convocatoria na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, nos servizos e oficinas locais de Xuventude das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, nas oficinas e puntos de información xuvenil da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil e nas oficinas de información administrativa e atención ao cidadán.

3. Co fin de lograr a efectiva difusión desta campaña para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir a transparencia, a eficacia e a eficiencia na organización e xestión pública (artigo 2.b da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega), de proporcionar e difundir información constante, veraz, obxectiva e clara sobre a actuación do sector público (2.c), recolleranse experiencias e mesmo fotografías das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como en páxinas web da Consellería de Traballo e Benestar.

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes.

Artigo 2. Servizos ofertados

1. A participación na oferta da Campaña de verán 2013 realizarase a través de inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás). As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:

a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación do/a mozo/a.

b) Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.

c) Manutención en réxime de pensión completa.

d) O material necesario para a actividade.

e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso.

f) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

g) Nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.

2. A incorporación aos campamentos e albergues de Galicia será por conta da persoa interesada o día de inicio da quenda correspondente, entre as 16.00 e as 19.00 horas. Non se admitirá ningún/ningunha participante despois deste límite.

Nas actividades que se leven a cabo noutras comunidades autónomas, será por conta da persoa interesada o traslado desde o seu domicilio ata Santiago de Compostela, ou o lugar que se sinale como punto de saída, tanto o día de ida para a actividade como o día de chegada desta.

No suposto de abandono da actividade ou expulsión do/a participante, será responsabilidade dos pais/nais ou titores/as legais o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.

Artigo 3. Participantes

1. Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria os/as mozos/as nacidos/as no ano sinalado no anexo I para cada actividade.

2. En canto á idade mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2013, cómpre destacar o seguinte:

– Os/as nacidos/as no ano 1995 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.

– Os/as nacidos/as no ano 2004 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.

3. O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión da solicitude.

4. Ningún/ningunha participante poderá ser admitido/a en máis dun campamento por ano.

Artigo 4. Persoas con discapacidade e menores procedentes de centros de menores

Co obxecto de acadar unha adecuada distribución de prazas nos campamentos de integración organizados pola Xunta de Galicia, aqueles/as mozos e mozas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán participar neste programa a través da convocatoria que realiza todos os anos a Secretaría Xeral de Política Social-Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, polo que non poderán presentar solicitudes de participación no sorteo da campaña de verán.

No caso de incumprimento do disposto no punto anterior, os/as rapaces/rapazas non serán aceptados/as o día de incorporación ao campamento.

As solicitudes relativas a mozos e mozas procedentes de centros de menores serán canalizadas a través da Subdirección Xeral de Familia e Menores, polo que non serán admitidas aquelas solicitudes que non veñan por esta vía.

Artigo 5. Tipos de solicitude

1. A solicitude pode ser individual ou múltiple.

a) Solicitude individual:

As persoas que queiran presentar solicitude individual de prazas deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo II desta orde (procedemento BS303A).

b) Solicitude múltiple:

No caso das persoas que cumpran os requisitos que se sinalan no parágrafo seguinte desta alínea e queiran presentar unha solicitude múltiple, deberán empregar o formulario que se incorpora como anexo III da orde (procedemento BS303F).

A solicitude múltiple admitirase para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás. Equipararanse a estes supostos os/as menores en situación de acollemento familiar. Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que pidan a mesma instalación e quenda. Todas as persoas interesadas que figuren nunha mesma instancia deben cumprir os requisitos de idade exixidos para as instalacións e quendas solicitadas.

O incumprimento do disposto no parágrafo anterior por unha das persoas participantes suporá a exclusión de todas as que figuren nesa mesma solicitude.

Estas solicitudes teñen efecto durante o sorteo para a adxudicación da praza e para xerar as listas de espera, pero no momento das adxudicacións desde a lista de espera xa se teñen en conta como individuais.

2. Presentación de solicitudes.

A presentación da solicitude poderá facerse, a elección do/a solicitante, por vía electrónica ou por vía escrita:

a) Vía electrónica:

De acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes e unha vez aprobada, por Orde do 15 de setembro de 2011, a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na Sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es. No caso de solicitude individual presentarán electronicamente o formulario de solicitude do anexo II (procedemento BS303A) e no caso de solicitude múltiple presentarán o formulario de solicitude do anexo III (procedemento BS303F).

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

b) Vía escrita:

As solicitudes deberán facerse no impreso que corresponda, anexo II (procedemento BS303A) no caso de solicitude individual, ou anexo III (procedemento BS303F) no caso de solicitude múltiple, que se poderán obter na guía de procedementos e servizos, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos, ou na sede electrónica, no enderezo https://sede.xunta.es

A dita solicitude e mais a documentación requirida dirixirase á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e poderá presentarse no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, sito no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en San Lázaro, en Santiago de Compostela, nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se a solicitude se presenta por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de Correos correspondente se faga constar o selo e a data antes de proceder ao seu envío postal.

3. Formalización da solicitude.

Os impresos de solicitude deben ser cubertos de acordo coas seguintes normas:

a) Cada mozo/a só poderá cubrir unha solicitude e elixirá, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas ou actividades (cada quenda ou actividade vai identificada cun código no anexo I desta orde).

b) Os datos do/a solicitante deben ser os do/a mozo/a que opta a participar nas actividades. No caso de solicitudes múltiples deberán cubrirse os datos de todos os/as irmáns/irmás que soliciten a súa participación.

c) As solicitudes deberanas asinar os/as pais/nais ou titores/as dos/as menores solicitantes.

d) Se o/a solicitante é galego non residente en Galicia, na súa solicitude debe figurar, para as comunicacións, un enderezo nesta comunidade autónoma.

e) A duplicidade dunha solicitude dará lugar á inadmisión de ambas, quedando o/a solicitante fóra do sorteo.

Transcorrido un mes desde a publicación da orde, a persoa interesada deberá comprobar a recepción da súa solicitude na páxina web www.xuventude.net, así como os posibles erros de mecanización que se cometesen co obxecto de proceder á súa corrección. Nesa páxina aparecerá un enlace para consultar os datos das solicitudes. Para ter acceso a estes deberase incluír o número do DNI do/a pai/nai ou titor/a que cubriu a instancia, así como a data de caducidade dese DNI. Se as persoas interesadas atopan algún erro nos datos da solicitude ou non a atopan, deben chamar a calquera dos números de teléfono da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que aparecen no anexo V. A comunicación dos erros deberá efectuarse, como data límite, ata tres días antes do sinalado para a realización do sorteo. Unha vez transcorrido ese día, contra os erros ou omisións de solicitudes non procederá reclamación ningunha.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Artigo 6. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Adxudicación de prazas

A adxudicación das prazas realizarase da seguinte forma:

1. Por adxudicación directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles.

2. Por sorteo, por medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles.

Neste caso o sorteo realizarase, ante notario/a, nos 45 días seguintes á data de publicación da orde. O día concreto de realización do sorteo anunciarase na páxina web de Xuventude, www.xuventude.net, e terá lugar ás 12.00 horas dese día na sala de prensa da Consellería de Traballo e Benestar, sita na terceira planta das dependencias da devandita consellería no Edificio Administrativo de San Lázaro en Santiago de Compostela.

Mediante este sorteo cubriranse as prazas nas distintas actividades que especifica o anexo I desta orde.

Así mesmo, dará lugar a unha lista de espera para cada unha das actividades, colocando a cada participante unicamente nunha lista de espera para un campamento concreto, de entre os que solicitou entre as cinco opcións. O número de reservas en cada actividade será do 50 % das prazas convocadas.

3. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado fará público o resultado do sorteo, incluídas as listas de espera, e confeccionará a correspondente lista de admitidos/as para cada quenda e actividade.

O resultado do sorteo publicarase na páxina web www.xuventude.net, onde se exporá a lista de admitidos/as a partir do día seguinte ao do sorteo. Para estes efectos, a presentación da solicitude implica a autorización para a publicación dos datos da persoa solicitante.

Artigo 8. Documentación

Os/as participantes seleccionados/as deberán presentar no prazo de 15 días naturais contado desde o seguinte ao da realización do sorteo, na xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde se vai desenvolver a actividade, ou na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no caso das actividades que se realicen fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, a seguinte documentación:

– Xustificación de pagamento.

– Fotocopia do DNI ou da folla correspondente do libro de familia, no caso de que o/a pai/nai ou representante legal do/a menor interesado/a non autorice expresamente a comprobación de datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade.

– Fotocopia do documento de afiliación á Seguridade Social ou seguro médico privado.

– Cuestionario médico sanitario (anexo IV).

– Declaración responsable de que sabe nadar.

Artigo 9. Adxudicación de prazas ás listas de espera

1. As vacantes que se produzan por non presentar a documentación, por presentala fóra do prazo establecido ou por renunciar á praza obtida no sorteo serán ofrecidas na fase de reservas aos/ás solicitantes que figuran nas listas de espera correspondentes. No caso de que se produzan baixas, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou o Servizo de Xuventude correspondente contactarán, seguindo a orde de lista, cos/coas suplentes mediante chamada telefónica. A apertura da fase de reservas publicarase na páxina web de Xuventude, www.xuventude.net, cunha antelación mínima de cinco días. Realizaranse 3 chamadas entre as 9.00 e as 14.00 horas que quedarán rexistradas para a súa constancia. De non contactar coa persoa interesada, esta será dada de baixa e chamarase á seguinte na lista de espera. Unha vez recibida a comunicación e aceptada a praza ofrecida deberán presentar a documentación sinalada no artigo 8 nun prazo de 48 horas.

2. No caso de non presentar a mencionada documentación no prazo indicado a praza ofreceráselle á seguinte persoa da lista de espera.

Artigo 10. Adxudicación das prazas de resultas

1. As prazas vacantes que non se cubrisen polos procedementos de adxudicación establecidos nos artigos 7 e 9 desta orde serán ofertadas na fase de resultas. Estas prazas estarán expostas na páxina web www.xuventude.net, onde se anunciará a apertura da fase de resultas cunha antelación mínima de cinco días.

Para estes efectos, poderá solicitar as prazas vacantes toda persoa que cumpra os requisitos do ano de nacemento ao que se fai mención no artigo 3 desta orde e tendo en conta o disposto no artigo 3.4.

2. Para solicitar as prazas de resultas a persoa interesada poderá efectuar a oportuna reserva da praza, no caso de que existan vacantes, por teléfono a través de calquera Servizo de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais ou da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Cada persoa só poderá facer a reserva, como máximo, de catro prazas para catro participantes.

A reserva de prazas poderase efectuar das 9.00 ás 14.00 horas, en días laborables agás os sábados.

3. Unha vez efectuada a reserva de praza a persoa interesada disporá dun prazo máximo de 48 horas para presentar a documentación relacionada no artigo 8.

Esta documentación poderá presentala en calquera das oficinas anteriormente relacionadas. No caso contrario, perderá o dereito á praza reservada.

4. No anexo V indícanse os enderezos e teléfonos das oficinas administrativas a través das que pode efectuar a oportuna reserva de praza, para os efectos do disposto neste artigo.

Artigo 11. Prezos

1. Os prezos de aplicación para cada actividade e quenda aparecen detallados no anexo I desta orde, de acordo co sinalado na orde pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á xuventude da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2013.

2. Os membros de familia que teñan o título de numerosa terán un desconto do 50 % sobre os prezos que aparecen detallados no anexo I desta orde.

3. As persoas usuarias do Carné Xove gozarán dun desconto do 25 % sobre os prezos que aparecen detallados no anexo I desta orde.

4. Os descontos citados nos dous puntos anteriores en ningún caso serán acumulables.

Para os efectos da aplicación destes descontos, as persoas solicitantes deberán indicar na súa solicitude, marcando o recadro correspondente do formulario, se teñen ou non o título de familia numerosa ou o Carné Xove, para a súa posterior comprobación pola Administración.

Artigo 12. Obrigas dos/as adxudicatarios/as

Os/as adxudicatarios/as das prazas están obrigados/as:

1. A incorporarse á actividade e regresar polos medios e nos prazos establecidos.

2. A non abandonar a actividade sen o permiso da persoa responsable. En todo caso, o abandono da actividade antes da súa finalización requirirá a comparecencia dos/as pais/nais ou titores/as, e será responsabilidade destes/as o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que por tal causa se ocasionen, tal e como se especifica no artigo 2.2.

3. A respectar as normas establecidas polos equipos de animación, as normas de réxime interior das respectivas instalacións e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia.

4. A praza é intransferible.

Artigo 13. Devolucións de cotas

1. Se unha vez obtida a praza e aboado o prezo correspondente a persoa interesada non puidese asistir á actividade, só terá dereito á devolución deste no caso de que comunique a renuncia á praza por escrito e solicite a devolución da cantidade aboada polo menos vinte días naturais antes do inicio da actividade, ou cando, por causas non imputables á persoa interesada, non se preste o servizo ou a Administración anule a actividade.

No caso de renuncia a unha praza concedida e posterior solicitude e adxudicación doutra na fase de resultas, se a renuncia á primeira praza non se comunicou coa antelación de vinte días antes sinalada, terá que aboarse o importe íntegro da segunda praza, sen que se compense co prezo aboado pola primeira.

2. Todas aquelas solicitudes de devolución de cota que non sexan presentadas, tal e como se reflicte no punto anterior, polo menos vinte días naturais antes do inicio da actividade, serán denegadas independentemente da causa xustificativa que se alegue na respectiva solicitude de devolución de cota.

3. Para estes efectos as persoas interesadas dispoñen dun modelo normalizado de solicitude de devolución de cota de participación anexo a esta orde (anexo VI), que se poderá obter na guía de procedementos e servizos, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos, ou na sede electrónica, no enderezo https://sede.xunta.es

4. A solicitude deberá dirixirse ao/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde se vai desenvolver a actividade, ou á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no caso das actividades que se desenvolvan fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, que serán os órganos encargados de resolver en cada caso.

Artigo 14. Protección de datos

De acordo co artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, informámolo/a de que os datos recollidos nos diferentes anexos desta orde resultan necesarios para a adxudicación de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2013. Os datos facilitados considéranse exactos e postos ao día, ademais de pertinentes e axeitados e serán incorporados a un ficheiro do que é responsable a Consellería de Traballo e Benestar coa finalidade de xestión da actividade. O/a titular dos datos consente expresamente a súa comunicación a organizacións ou persoas directamente relacionadas co/coa responsable do ficheiro e a súa publicación nos termos contidos nesta orde. Non haberá máis cesións de datos agás a outras administracións públicas que exerzan as mesmas competencias ou no caso de que unha lei o previse. A persoa interesada pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante o centro directivo competente en materia de xuventude no enderezo Edificio Administrativo San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou no correo electrónico lopd.xuventude@xunta.es

Cando o/a solicitante facilite datos dun terceiro, aínda que se trate de menores de idade, sempre que sexan maiores de 14 anos, será o/a encargado/a de informar do contido desta cláusula o/a titular dos datos e con carácter previo á súa inclusión no devandito ficheiro, no caso de menores deberá expresalo nunha linguaxe facilmente comprensible para estes.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I
Campamentos de verán 2013

Instalación xuvenil

Actividade

Data

Ano nacemento

Importe praza

Código

Alb. Xuv. Mariña Española

A miña primeira aventura

1-8.7

03-04

113 €

150001

11-18.7

03-04

113 €

150002

21-28.7

03-04

113 €

150003

1-8.8

03-04

113 €

150004

Deporte e recreación

11-18.8

01-02

113 €

150005

Alb. Xuv. Gandarío

Conecta con Galicia

1-12.7

95-96-97-98

222 €

150006

Conecta con Galicia

15-26.7

95-96-97-98

222 €

150022

Actividades no mar

1-12.7

98-99

232 €

150007

Actividades no mar

17-28.7

98-99

232 €

150008

Vela e táboa

17-28.7

95-96-97

232 €

150009

Actividades no mar

2-13.8

99-00

232 €

150010

Vela e táboa

2-13.8

95-96-97

232 €

150011

Actividades no mar

18-29.8

98-99

232 €

150012

Vela e táboa

18-29.8

95-96-97

232 €

150013

Camp. Xuv. Furelos

En bicicleta pola natureza

1-12.7

98-99

207 €

150014

17-28.7

95-96-97

207 €

150015

2-13.8

99-00

207 €

150016

Camp. Xuv. Virxe de Loreto

Natureza xunto ao mar

1-12.7

98-99

207 €

150017

17-28.7

98-99

207 €

150018

2-13.8

95-96-97

207 €

150019

Camp. Xuv. Espiñeira

Campamento de teatro

1-12.7

01-02

176 €

150020

17-28.7

01-02

176 €

150021

Alb. Xuv. Area

Actividades no mar: vela,
windsurf e wake board

1-12.7

98-99

232 €

270001

17-28.7

97-98

232 €

270002

2-13.8

98-99

232 €

270003

18-29.8

98-99

232 €

270004

Alb. Xuv. Benigno Quiroga

Xogando no encoro. A nosa primeira aventura

1-8.7

02-03-04

113 €

270005

11-18.7

02-03-04

113 €

270006

21-28.7

02-03-04

113 €

270007

1-8.8

02-03-04

113 €

270008

Camp. Xuv. A Devesa

Multiaventura: ambiente e mar

1-12.7

99-00

176 €

270009

Acampada ao carón do mar

1-12.7

01-02

176 €

270010

DevesAventura

17-28.7

99-00

176 €

270011

Campamento Sinte Galicia

17-28.7

01-02

176 €

270012

Unha viaxe a través do tempo

2-13.8

01-02

176 €

270013

Sons da devesa

2-13.8

01-02

176 €

270014

Cam. Xuv. Os Chacotes

Multiaventura nos Chacotes

17-28.7

98-99

176 €

270015

Aventura-T

2-13.8

99-00

176 €

270016

Camp. Xuv. P. de Xacinto

Teatro e aventura na natureza

1-12.7

02-03-04

176 €

320001

Teatro e aventura na natureza

17-28.7

99-00

176 €

320002

Aventura e deporte

2-13.8

98-99

176 €

320003

Centro de educación ambiental Equal (Coles)

Campamento Equal

1-8.7

02-03-04

113 €

320004

Alb. X. Vilar de Ordelles (Esgos)

Achégate á Ribeira Sacra. Lánzate á aventura

11-18.7

99-00-01-02

113 €

320005

Estación de Manzaneda

Manzaneda alta montaña

1-8.8

97-98-99

113 €

320006

Alb. Xuv. As Sinas

Actividades no mar: vela, táboa, piragüismo, kaiak-polo e aula natureza mariña

1-12.7

98-99

232 €

360001

17-28.7

98-99

232 €

360002

2-13.8

98-99

232 €

360003

18-29.8

95-96-97

232 €

360004

Camp. Xuv. Pontemaril

A miña primeira aventura

1-8.7

02-03-04

101 €

360005

11-18.7

02-03-04

101 €

360006

21-28.7

02-03-04

101 €

360007

Aventura na natureza

1-12.7

01-02

176 €

360008

17-28.7

99-00

176 €

360009

2-13.8

99-00

176 €

360010

Camp. Xuv. Illa de Ons

Aventura na illa

1-8.7

00-01

101 €

360011

11-18.7

01-02

101 €

360012

21-28.7

00

101 €

360013

1-8.8

01-02

101 €

360014

Campamentos noutras comunidades autónomas. Ano 2013 campaña de verán

Comunidade autónoma

Instalación xuvenil

Modalidade

Ano
nacemento

Data

Prezo

Código

Araba

Albergue Catedral de Vitoria-Gasteiz

Colonia de rock

96-97

1-12.7

293 €

500001

Albergue Xuv. Barría

Gaia-Comic

95-96-97

1-12.7

293 €

500002

Alb. Xuv. Barría

Multiaventura

98-99

1-11.8

274 €

500003

Isla de Zuhatza

Náutica

97-98-99

1-11.8

283 €

500004

Extremadura

Camp. X. Emperador Carlos V
(Jerte)

Deporte e ocio en Jerte

98-99

3-14.8

247 €

500005

Castilla y León

Alb. Xuv. Navarredonda de Gredos

Multiaventura e aire libre

99-00

1-12.8

293 €

500006

La Rioja

Alb. Xuv. Ezcaray

Multiaventura

98-99

1-12.7

293 €

500007

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

– Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Consellería de Traballo e Benestar.

Enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 3º andar, 15781 Santiago de Compostela.

Teléfonos: 881 99 90 25/881 99 91 94/981 95 71 15/981 54 48 38/981 54 48 51/981 54 48 40.

– Xefatura Territorial da Coruña. Consellería de Traballo e Benestar. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Enderezo: CC Elviña. Rúa Salvador de Madariaga, 9, 1º, 15008 A Coruña.

Teléfonos: 881 88 12 40/881 88 12 41/881 88 12 43/881 88 12 44.

– Xefatura Territorial de Lugo. Consellería de Traballo e Benestar. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Enderezo: Rolda da Muralla, 70, 27001 Lugo.

Teléfonos: 982 29 42 24/982 29 42 51/982 29 49 23.

– Xefatura Territorial de Ourense. Consellería de Traballo e Benestar. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Enderezo: avenida Habana, 81, baixo, 32004 Ourense.

Teléfonos: 988 38 61 20/988 38 61 16/988 38 61 15/988 38 61 18.

– Xefatura Territorial de Vigo. Consellería de Traballo e Benestar. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Enderezo: Rúa Concepción Arenal, 8, 1º andar, 36201 Vigo.

Teléfonos: 986 81 70 78/986 81 77 81/986 81 76 56.

missing image file