Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 22 de abril de 2013 Páx. 12367

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 16 de abril de 2013 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas para fillas/os do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2013/14.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 3.e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, e no artigo 3.i) garantir o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6.2.c.1. que se atenderán, se apoiarán e se protexerán as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle á Dirección Xeral de Familia e Inclusión o exercicio das políticas de apoio á familia e á infancia.

No marco das políticas sociais de apoio á familia e á infancia, a Xunta de Galicia, en atención ás necesidades derivadas das responsabilidades familiares do persoal ao servizo da Administración autonómica e ás demandas manifestadas, neste sentido, polas organizacións sindicais que o representan, pon á disposición do seu persoal a escola infantil 0-3 de Vite en Santiago de Compostela, a escola infantil 0-3 A Estrela do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo e a escola infantil 0-3 do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, para a atención das/os súas/seus fillas/os de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

Por todo o exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas para fillas e fillos do persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia na escola infantil 0-3 de Vite da cidade de Santiago de Compostela, para fillas/os do persoal do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo na escola infantil 0-3 A Estrela de Vigo e para fillas/os do persoal do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, na escola infantil 0-3 situada no propio complexo administrativo, dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, tanto no relativo ás solicitudes de novo ingreso e de reserva de praza como á cobertura de vacantes que poidan producirse ao longo do curso 2013/14.

Artigo 2. Requisitos

Para a cobertura destas prazas establécense como requisitos:

– Ser filla/o do persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia, do persoal do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo ou do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, ou estar acollida/o legalmente por algunha/algún delas/es.

– Que a/o nena/o xa nacese no momento de presentación da solicitude.

– Ter como mínimo 3 meses de idade na data de ingreso e non ter cumpridos os 3 anos antes do 31 de decembro de 2013.

Artigo 3. Servizos e horarios

1. O tipo de atención dos centros desagregarase en dúas opcións: atención educativa con comedor e atención educativa sen comedor. As/os usuarias/os que opten polo servizo de atención educativa sen comedor ateranse aos horarios establecidos polo centro para estes efectos.

A opción de servizos elixida farase constar nos impresos de solicitude de novo ingreso ou renovación de praza e deberá manterse durante todo o curso salvo circunstancias sobrevidas, debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

2. A permanencia das/os nenas/os no centro será con carácter xeral dun máximo de 8 horas diarias, coincidentes co horario laboral da persoa solicitante, agás causas excepcionais e convenientemente xustificadas que serán valoraradas pola comisión de baremación a que se refire o artigo 8 desta orde.

3. O curso dará comezo o día 5 de setembro. Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 24 e 31 de decembro.

As/os usuarias/os poderán asistir ao centro un máximo de 11 meses dentro do período comprendido entre setembro de 2013 e agosto de 2014.

En casos excepcionais e debidamente xustificados pódese admitir a asistencia da/o nena/o aos 12 meses. En tales circunstancias deberase formular unha solicitude cunha antelación mínima dun mes, que será autorizada pola Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo, no caso da escolas infantís 0-3 do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo e do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra e pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, no caso da escola infantil 0-3 de Vite.

A escola infantil de Vite abrirá os días 23, 26 e 27 de decembro de 2013, os días 14, 15 e 16 de abril e durante o mes agosto de 2014, no caso de ter unha demanda igual ou superior a 15 nenas/os. Neste caso, o peche diario realizarase ás 17.00 horas.

A apertura da escola infantil 0-3 A Estrela de Vigo, os días 23, 26 e 27 de decembro de 2013, os días 14, 15 e 16 de abril e durante o mes de agosto de 2014, estará condicionada ás quendas que se establezan para a apertura das escolas infantís 0-3 da Consellería de Traballo e Benestar na cidade de Vigo.

A escola infantil do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra permanecerá aberta os días 23, 26 e 27 de decembro de 2013, así como os días 14, 15 e 16 de abril e durante o mes de agosto de 2014, no caso de ter unha demanda igual ou superior a 15 nenas/os.

As/os nais/pais, titoras/es e acolledoras/es deberán xustificar a necesidade de mandar os seus fillos ou fillas á escola infantil nos citados períodos.

Artigo 4. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas poderán solicitar praza a través do formulario normalizado recollido nesta orde:

a) Reserva de praza.

Para a reserva de praza as persoas interesadas presentarán a solicitude segundo o modelo oficial anexo I desta orde, marcando a opción que corresponda.

b) Novo ingreso.

Para as solicitudes de novo ingreso presentarase o modelo oficial segundo o anexo I desta orde, marcando a opción que corresponda.

2. Todas as persoas solicitantes achegarán xunto coa solicitude a xustificación dos seus ingresos da seguinte maneira:

a) A presentación da solicitude comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar. Para estes efectos todos os membros con ingresos, que compoñen a unidade familiar, deberán asinar o anexo II. No caso de non prestar autorización, a persoa interesada achegará, xunto coa solicitude, copia compulsada da declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola AEAT relativos ao ano 2011. Considerárase unidade familiar, para estes efectos, a formada polas/os nais/pais e fillas/os menores de 18 anos, ou fillas/os maiores de 18 cunha discapacidade superior ao 33 %. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros da unidade familiar.

b) Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentar outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de 4 meses para seren tomadas en consideración.

3. No caso de solicitudes de novo ingreso, presentarán ademais a seguinte documentación:

a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar para solicitar do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas os seus datos ou, en caso de non prestar autorización, fotocopia simple do documento nacional de identidade ou doutro documento acreditativo da identidade das/dos nais/pais ou representantes legais, segundo proceda.

b) Fotocopia cotexada ou dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, doutro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) Fotocopia da última nómina na que se acredite estar traballando nos servizos centrais da Xunta de Galicia, no Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo ou no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra e certificado emitido polos servizos de persoal onde conste a situación física do posto de traballo.

d) No caso de nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo, declaración responsable da persoa solicitante ou, no caso de dispor dela, informe do Equipo de Valoración e Orientación da Xefatura Territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar, servizos especializados de atención temperá da Administración local ou autonómica ou órganos competentes na materia da Administración do Estado ou nas correspondentes comunidades autónomas, sobre a súa necesidade de integración.

e) Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia. Esta circunstancia só se baremará no caso de ter un grao de discapacidade recoñecido do 33 % ou superior.

f) No caso de familias acolledoras, estas deberán presentar aquela documentación que non conste en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os impresos de solicitude facilitaranse nos propios centros en que se solicita praza e nos enderezos electrónicos (https://sede.xunta.es), (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net).

Así mesmo, os impresos de solicitude para a escola infantil de Vite facilitaranse na Dirección Xeral de Familia e Inclusión e nas oficinas de Rexistro Único e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos servizos centrais da Xunta de Galicia.

Os impresos de solicitude para a escola infantil A Estrela e para a escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra facilitaranse no Servizo de Familia e Menores da Xefatura Territorial de Traballo e Benestar de Vigo.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As/os solicitantes tamén poderán presentar a solicitude para a escola infantil 0-3 de Vite na Oficina de Rexistro Único e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a escola infantil 0-3 do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo no Rexistro Único do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo e para a escola infantil 0-3 do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra na Oficina de Rexistro e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do dito edificio administrativo, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro).

3. O prazo de presentación de solicitudes, tanto de reserva de praza como de novo ingreso, será desde o día 23 de abril ao 4 de maio de 2013, ambos os dous incluídos.

4. Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 3 deste artigo nos seguintes casos:

– Nacemento, acollemento ou adopción da/o nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

– Cambio de concello de residencia da unidade familiar.

– Outras circunstancias que motivadamente aprecie a Dirección Xeral de Familia e Inclusión para as/os solicitantes da escola infantil de Vite ou a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo para as/os solicitantes da escola infantil A Estrela e da escola infantil do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da/o nena/o.

Artigo 6. Emenda

No caso de que as solicitudes de reserva de praza ou novo ingreso non reúnan os requisitos exixidos, a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, no caso das/dos solicitantes da escola infantil de Vite, ou a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo para as/os solicitantes da escola infantil do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo e da escola infantil do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra, requirirán a/o interesada/o para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos con indicación de que, se así non se fixer, de acordo co artigo 71.1 da LRX-PAC, se terá por desistida/o da súa petición.

Artigo 7. Baremo de admisión

1. Se a demanda supera a oferta de prazas, aplicaráselle a todas as solicitudes o baremo que a continuación se especifica:

a) As/os solicitantes con irmá/án cunha praza adxudicada (renovada ou de novo ingreso) no centro para o que solicitan a praza terán prioridade na adxudicación, así como as/os menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.

b) Criterios económicos:

Renda per cápita mensual (RPC) da unidade familiar (nais/pais e fillas/os), referida ao IPREM (Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples) vixente:

– Inferior ao 50 % do IPREM: 4 puntos.

– Entre o 50 % e o 75 % do IPREM: 3 puntos.

– Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: 2 puntos.

– Igual ou superior ao 100 % do IPREM: 1 punto.

Entenderase por RPC o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar (nais/pais, titoras/titores ou acolledoras/es e fillas/os) o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para os efectos desta orde ten a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral máis a base impoñible do aforro do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) Criterios familiares:

– Por ocupación laboral da nai, titora ou acolledora: 1 punto.

– Por ocupación laboral do pai, titor ou acolledor: 1 punto.

– Por familia numerosa: 2 puntos.

– Por familia monoparental: 2 puntos.

– Outras circunstancias sociofamiliares susceptibles de valoración a xuízo da comisión de baremación: ata 3 puntos.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o citado baremo. Para estes efectos todos os datos alegados acreditaranse documentalmente. No caso de obter igual puntuación terán preferencia as solicitudes de atención educativa con servizo de comedor e xornada completa e tras a aplicación deste criterio daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

2. Nas escolas infantís do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo e do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra adxudicaranse as prazas conforme a orde de prelación seguinte:

1º. Persoal da Xunta de Galicia con destino no Complexo Administrativo de Vigo/Edificio Administrativo de Pontevedra.

2º. Persoal da Xunta de Galicia con destino noutras dependencias distintas do Complexo Administrativo de Vigo/Edificio Administrativo de Pontevedra.

3º. Persoal de servizos do Complexo Administrativo de Vigo/Edificio Administrativo de Pontevedra.

No caso de que, unha vez adxudicadas as prazas, queden vacantes poderá chamarse das listas de espera das escolas infantís da Consellería de Traballo e Benestar da provincia de Pontevedra, sen que a renuncia a esta supoña a baixa na lista de espera.

Artigo 8. Comisión de baremación

– A comisión de baremación para a escola infantil de Vite terá a seguinte composición:

• Presidenta/e: persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores.

• Secretaria/o: xefa/e de sección de Relacións Laborais, dependente da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais da Dirección Xeral da Función Pública.

• Vogais:

2 técnicas/os da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

1 funcionaria/o da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

A directora da escola infantil 0-3 de Vite.

1 representante sindical da Xunta de Persoal.

1 representante sindical do Comité de Empresa.

– A comisión de baremación para a escola infantil do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo terá a seguinte composición:

• Presidenta/e: xefa/e territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo.

• Secretaria/o: xefa/e do Servizo de Familia e Menores.

• Vogais:

1 técnica/o do Servizo de Familia e Menores.

1 funcionaria/o do Servizo de Familia e Menores.

A directora da escola infantil 0-3 do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo.

1 representante da Xunta de Persoal.

– A comisión de baremación para a escola infantil do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra terá a seguinte composición:

• Presidenta/e: xefa/e territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo.

• Secretaria/o: xefa/e do Servizo de Familia e Menores.

• Vogais:

1 técnica/o do Servizo de Familia e Menores.

1 funcionaria/o do Servizo de Familia e Menores.

1 representante da Xunta de Persoal.

Artigo 9. Relación provisional de admitidas/os

1. Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión fará pública a relación provisional de admitidas/os e a lista de espera, coa puntuación obtida por cada solicitante. Esta relación poderase consultar nos servizos centrais da Consellería de Traballo e Benestar e da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Familia e Menores do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo, nas páxinas web: (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net) e nos respectivos centros.

2. As/os solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos dez días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Artigo 10. Relación definitiva de admitidas/os

1. Unha vez examinadas e resoltas as posibles reclamacións, farase pública a relación definitiva de admitidas/os e a lista de espera coa puntuación obtida en cada caso, a partir do día 27 de maio. Tales relacións exporanse nos servizos centrais da Consellería de Traballo e Benestar e da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Familia e Menores do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo, nas páxinas web: (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net) e nos respectivos centros.

A comisión elaborará a proposta de selección e determinará a tarifa e os descontos aplicables en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 13. Resolverá, no caso da escola infantil de Vite, a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, e para as solicitudes na escola infantil do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo e do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra, a/o xefa/e territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo.

2. As resolucións recaídas deberánselles notificar ás/aos solicitantes admitidas/os. Estas/es terán que matricularse no centro no que obtivesen a praza segundo o disposto no artigo 11.

Contra estas resolucións, que non esgotan a vía administrativa, caberá interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, no caso de resolución expresa. No caso de desestimación presunta, o prazo para interpoñer o recurso será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo.

3. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver e notificar o procedemento previsto nesta convocatoria será de 5 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 11. Matrícula

1. As/os solicitantes admitidas/os disporán desde o 28 de maio ao día 12 de xuño, ambos os dous incluídos, para matricularse, presentando no centro onde obtivesen praza o impreso de matrícula debidamente cuberto acompañado do certificado médico da/o nena/o. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como nas páxinas web (http://benestar.xunta.es) e (http://www.escolasinfantis.net). Para os ingresos fóra de prazo disporase de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza.

2. A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a matrícula da/o nena/o no prazo sinalado, a/o solicitante considerárase decaída/o na súa solicitude.

Artigo 12. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas solicitudes de praza correctamente formuladas que non acaden a puntuación necesaria para obter praza, ordenadas segundo a prelación establecida no artigo 7 e pola puntuación obtida.

2. As baixas producidas ao longo do curso escolar cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro de cada grupo de prelación.

3. As solicitudes que, por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, recollidas no artigo 5.4, non se presentaran nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas para a súa inclusión na lista de espera, ocupando o lugar que lles corresponda segundo a puntuación obtida.

Artigo 13. Prezos

1. Para a determinación das tarifas aplicables procederase segundo o establecido no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería Traballo e Benestar.

2. Todas/os as/os usuarias/os aboarán a contía de once mensualidades por curso, salvo cando se autorice a asistencia durante os doce meses, debendo aboar neste caso a cota correspondente aos doce meses.

3. A inasistencia da persoa usuaria durante un período determinado non supón redución ningunha nin exención do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do citado decreto.

4. Ao longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) Modificación das variables que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) As variacións nos seus ingresos soamente se terán en conta cando supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza. Estas variacións deberán ter unha duración temporal dun mínimo de 4 meses para ser tidas en conta e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou por calquera outra documentación que, a xuízo da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo ou da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, se é o caso, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar, se é o caso.

Neste sentido, a/o beneficiaria/o queda obrigada/o a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación da tarifa, se é o caso, será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para a escola infantil de Vite e pola xefa/e territorial da Consellería de Traballo e Benestar no caso da escola infantil do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo e da escola infantil do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra, e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 14. Baixas

1. Causarase baixa no centro por algunha das circunstancias seguintes:

a) Por cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) Por solicitude das/os nais/pais ou representantes legais.

c) Por perda da condición de traballadora ou traballador da Xunta de Galicia.

d) Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

e) Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta da/o nena/o para permanecer no centro.

f) Por falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

g) Polo non pagamento da cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, e sen prexuízo da reclamación da débeda polo procedemento regulamentariamente establecido.

2. Naqueles casos en que a baixa sexa xustificada e se prolongue máis dun mes haberá que presentar xustificación con carácter mensual. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas na escola infantil de Vite serán resoltas pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, unha vez oída a dirección do centro e a persoa interesada, agás a reflectida no punto b).

As baixas nas escolas infantís do Complexo Administrativo da Xunta en Vigo e do Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra serán resoltas pola/o xefa/e territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo, unha vez oídas a dirección do centro e a persoa interesada, agás a reflectida no punto b).

As baixas motivadas polo establecido no punto e) serán resoltas pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, por proposta da/o xefa/e territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo, unha vez oída a dirección do centro.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro da prelación establecida no artigo 7.

Disposición adicional primeira

Para os efectos desta orde, considérase persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia que preste servizos na Presidencia, nas consellerías e nos organismos autónomos de carácter administrativo e financeiro con sede en Santiago de Compostela, aínda no caso de que pasen a desempeñar postos en novas entidades con carácter de axencias ou entes públicos empresariais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file