Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 13 de agosto de 2013 Páx. 32751

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 131/2013, do 18 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é de competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o número primeiro do artigo 81 daquela, o desenvolvan, das facultades que atribúe so Estado o número 30 do número 1 do artigo 149 da Constitución e da alta inspección precisa para o seu cumprimento e garantía.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no capítulo III do título preliminar que se entende por currículo o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada unha das ensinanzas reguladas pola citada lei. Así mesmo, na sección segunda do capítulo VI do título I establece que as ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño se organizarán en ciclos de formación específica, que incluirán unha fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres.

O Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, define estas e establece a súa finalidade e os obxectivos, ordenándoas e fixando as ensinanzas mínimas, e encomenda ás administracións educativas o establecemento do currículo correspondente a cada título, de acordo co establecido no artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no Real decreto 596/2007, do 4 de maio, e nas normas que regulen os títulos respectivos.

Publicado o Real decreto 37/2010, do 15 de xaneiro, en que se establece, entre outros, o título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, pertencente á familia artística profesional de Cerámica Artística, e no cal se aproban as correspondentes ensinanzas mínimas, e tendo en conta o Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, corresponde ao Consello da Xunta establecer o currículo correspondente ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sinalando a súa finalidade, definindo o seu contido e fixando os seus obxectivos.

As ensinanzas que regula este decreto configuráronse para garantir unha formación artística ao alumnado que lle permita acadar criterios estéticos para afrontar o labor de creación inherente a todo proceso proxectual, e para valorar obxectivamente o patrimonio artesanal e artístico existente e a obra allea; e por outra banda, facilitarlle a adquisición dos coñecementos científicos e tecnolóxicos, e as capacidades e habilidades que lle permitan non soamente a súa incorporación á vida laboral activa, senón tamén afrontar, con garantías de eficiencia, a necesaria adaptación ás modificacións técnicas e sociolóxicas que se producirán ao longo da súa vida activa, atendendo ás demandas cambiantes do sistema produtivo.

O ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística está integrado por módulos de duración variable que cobren aspectos da formación do/a alumno/a, concibidos como áreas homoxéneas de coñecemento, capacidades e habilidades. As capacidades terminais de cada modulo describen o comportamento do/a alumno/a en termos de resultados avaliables, requiridos para acadar as competencias básicas que integran a competencia xeral. A constatación destas competencias, en termos de avaliación positiva, garante a validez do título en todo o Estado e a súa correspondencia europea.

Os contidos curriculares relacionados non constitúen unicamente unidades temáticas, senón os concretará o equipo docente do ciclo formativo, de xeito que todos eles queden organizados temporal e transversalmente seguindo un criterio propedéutico, que garanta que todos os contidos se imparten sen que se produzan solapamentos entre os diferente módulos. Esta programación de ciclo formativo terá en conta os criterios establecidos no artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e comprenderá, así mesmo, a metodoloxía didáctica e as actividades formativas non periódicas que se consideren necesarias, servindo finalmente de punto de partida para a programación de aula que cada docente faga e aplique no módulo que imparta.

Asemade, e de acordo co artigo 13 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, o currículo que se establece permitirá que os centros docentes que o impartan, mediante a posta en marcha do seu proxecto didáctico, e a través das programacións didácticas de cada un dos módulos que o integran, o desenvolvan e completen, tomando en consideración as características do contexto social e cultural, as necesidades do alumnado, con especial atención ás de quen presente unha discapacidade, e as posibilidades formativas do contorno. Para tal efecto, destínase unha parte da duración total do ciclo formativo, para que os centros docentes definan para ela módulos propios, aumento na carga horaria dos módulos establecidos neste currículo ou proposta de módulos de contido complementario.

O módulo de formación práctica facilitará o desenvolvemento das capacidades socio-laborais que requiran ser completadas e verificadas nun contorno real de traballo, así como aqueloutras necesarias para completar as competencias profesionais acadadas no centro educativo.

O módulo de proxecto integrado nos ciclos formativos de grao superior ten como obxecto que o alumnado sexa capaz de integrar, aplicar e valorar os coñecementos, destrezas e capacidades específicas do campo profesional da especialidade a través da formulación e realización dun proxecto, axeitado ao nivel académico cursado, que evidencie rigor técnico, cultura plástica, expresión artística e sensibilidade estética e posibilidade de realización e viabilidade.

Finalmente, na aplicación do presente decreto por parte dos centros docentes terase en conta o establecido no Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, así como o disposto nos artigos 9 e 14 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, , logo dos ditames do Consello Escolar de Galicia e do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil trece,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto establece o currículo que será de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, pertencente á familia profesional artística de Cerámica Artística, de acordo co establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, e no Real decreto 37/2010, do 15 de xaneiro, polo que se establecen os títulos de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, en Modelismo e Matrizaría Cerámica e en Recubrimentos Cerámicos e os títulos de Técnico de Artes Plásticas e Deseño en Olaría e en Decoración Cerámica, pertencentes á familia profesional artística de Cerámica Artística e se aproban as correspondentes ensinanzas mínimas.

CAPÍTULO II
Identificación do título, perfil profesional, contorno profesional e prospectiva do título no sector

Artigo 2. Identificación do título

O título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística identifícase polos seguintes elementos:

Denominación: Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística.

Nivel: grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

Duración: dúas mil horas.

Familia profesional artística: Cerámica Artística.

Referente europeo: CINE 5-b (Clasificación internacional normalizada da educación).

Artigo 3. Perfil profesional do título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística

O perfil profesional do título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística determínase pola súa competencia xeral e polas súas competencias profesionais.

Artigo 4. Competencia xeral

A competencia xeral do título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística consiste en:

1. Elaborar obra orixinal de cerámica de calidade técnica e artística a partir dun proxecto orixinal e propio, ou dunha encarga profesional determinada.

2. Planificar a dita elaboración mediante a definición dos seus aspectos técnicos, estéticos, funcionais, formais, materiais, económicos e de produción.

3. Organizar, definir, temporalizar e levar a cabo as diferentes fases do proceso, garantindo a seguridade das operacións e realizando os controis de calidade correspondentes ata a obtención do produto rematado.

Artigo 5. Competencias profesionais

As competencias profesionais do título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística son as que se relacionan:

1. Definir as especificacións formais, funcionais, plásticas, técnicas e materiais dun proxecto orixinal ou dunha encarga dada.

2. Determinar as características dos materiais que se deben utilizar na elaboración dun produto cerámico, mediante a análise da documentación técnica.

3. Planificar e levar a cabo o proceso de elaboración do produto cerámico atendendo ás especificacións previamente determinadas.

4. Realizar e verificar os controis de calidade correspondentes a cada fase do proceso de elaboración cerámica, a fin de garantir a calidade técnica e artística do produto rematado.

5. Formular composicións e preparar pastas, esmaltes e cores cerámicas, cualitativa e cuantitativamente axeitadas ás especificacións do proxecto.

6. Levar a cabo o cocemento do produto cerámico de acordo coas especificacións técnicas e materiais do proxecto.

7. Coñecer os diferentes sistemas decorativos tanto manuais como seriados e utilizar en cada caso as técnicas axeitadas ás especificacións técnicas do proxecto.

8. Establecer as condicións que garantan a seguridade das operacións de elaboración do produto cerámico e a prevención de posibles riscos derivados da súa actividade profesional.

9. Efectuar consultas, cando cumpra, dirixíndose á persoa adecuada, e saber respectar a autonomía do persoal subordinado, informando cando sexa conveniente.

10. Manter o espírito de innovación e actualización no ámbito do traballo propio para adaptarse aos cambios tecnolóxicos e organizativos do contorno profesional.

11. Manter a limpeza e a orde no lugar de traballo, conforme as normas de competencia técnica e aos requisitos de saúde laboral.

12. Elaborar maquetas, prototipos e modelos de calidade técnica e artística para o desenvolvemento de produtos cerámicos.

13. Coñecer as especificacións técnicas dos útiles, ferramentas, equipamentos e maquinaria ao seu cargo, e organizar as medidas de mantemento periódico.

14. Exercer os dereitos e cumprir as obrigas que derivan das relacións laborais, de acordo co establecido na lexislación.

15. Participar na vida económica, social e cultural con actitude crítica e responsable.

16. Asesorar e coordinar grupos de traballo, organizar o proceso produtivo e creativo e transmitir con precisión a información adecuada para acadar o resultado idóneo, tanto no traballo en equipo como na obtención do produto cerámico final.

Artigo 6. Contorno profesional

A persoa que obtén o título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística desenvolve a súa actividade como profesional independente, ideando e realizando pezas cerámicas orixinais destinadas a fins ornamentais ou utilitarios, e, cando for o caso, organizando e coordinando pequenos grupos de traballo. Así mesmo pode desenvolver a súa profesión como traballador/a dependente de profesionais de nivel académico superior ao seu e na área de produción correspondente á súa capacitación profesional.

Artigo 7. Prospectiva do título no sector

1. A cerámica artística participa da dobre condición de ser unha actividade profesional e unha das expresións artísticas máis valoradas socialmente, sendo en ambas facetas tributaria dunha longa tradición artesanal e, como tal, integra un amplo abano de disciplinas conducentes a especializacións técnicas en función da organización da produción, sexa artesanal ou industrial, ocupándose dos procesos de deseño e planificación da produción, ou controlando a totalidade do proceso, desde a creación ata a produción de pezas únicas.

2. O/a profesional da cerámica artística, referente fundamental nas artes aplicadas e os oficios artísticos, ten que asumir os cambios experimentados nos últimos anos na concepción dos produtos cerámicos, na súa produción artesanal e industrial, na tecnoloxía posta ao seu dispor e nos sistemas de comunicación e comercialización e, por outra banda, ten que asumir a transmisión, conservación e mellora dos produtos cerámicos concibidos e realizados para seren portadores de valores estéticos e artísticos, destinados a engadir valor aos ambientes habitados e á industria cerámica.

3. O/a profesional da cerámica artística sitúase no ámbito público ou privado, en medianas e pequenas empresas de fabricación de produtos cerámicos mediante sistemas de produción semiindustrial e artesanal, e en talleres cerámicos artesanais e artísticos. A demanda laboral destes/as profesionais oriéntase en dúas direccións:

a) O traballo na liña de produción dunha empresa cerámica, coa suficiente capacidade de adaptación aos diversos momentos do proceso produtivo.

b) O traballo independente de carácter máis persoal e creativo.

4. As ocupacións e postos de traballo máis relevantes son:

– Ceramista.

– Creador/a e realizador/a de obra orixinal cerámica destinada a funcións ornamentais e/ ou utilitarias, na construción, na edificación e na decoración interior e exterior.

– Esmaltador/a de cerámica e porcelana.

– Modelador/a e moldador/a de cerámica e porcelana.

CAPÍTULO III
Ensinanzas do ciclo formativo e parámetros básicos

Artigo 8. Obxectivos xerais

Os obxectivos xerais do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística son os seguintes:

1. Acadar unha visión de conxunto e ordenada dos procesos de fabricación cerámica, das súas diferentes fases e operacións e xerar a documentación e información artístico-técnica necesaria para levar a cabo un proxecto de produción de cerámica artística.

2. Identificar e definir os aspectos artístico-plásticos, formais, estruturais, funcionais, materiais, técnicos, organizativos e económicos que configuran o proxecto ou encarga de elaboración de pezas únicas ou seriadas de obra orixinal cerámica.

3. Utilizar con propiedade as técnicas de expresión artístico-plástica na procura e definición das características formais das pezas cerámicas.

4. Analizar a evolución das técnicas estéticas e artísticas que inflúen na produción cerámica actual e valorar os condicionantes simbólicos e comunicativos que deben contribuír a configurar o gusto do/a consumidor/a.

5. Aplicar os criterios de control de calidade e resolver os problemas artísticos e tecnolóxicos que se formulen durante o proceso de realización do produto cerámico, a fin de obter resultados acordes cos parámetros de calidade artística e técnica requiridos.

6. Coñecer as especificacións técnicas e utilizar con destreza os equipamentos e maquinaria específicos da fabricación cerámica.

7. Exercer a súa actividade profesional con respecto ao marco legal, económico e organizativo que a regula e condiciona, con iniciativa e responsabilidade, nas condicións de seguridade e hixiene adecuadas, e implementar as medidas preventivas necesarias para non incidir negativamente no ambiente.

8. Iniciarse na busca de formas, materiais, técnicas e procesos creativos e artísticos relacionados coa cerámica artística.

9. Adaptarse, en condicións de competitividade, aos cambios tecnolóxicos e organizativos do sector; buscar, escoller e utilizar canles de información e formación continua relacionada co exercicio profesional.

10. Analizar os sistemas de calidade aplicados na industria e a artesanía da cerámica artística, para xestionar a produción.

11. Analizar os sistemas de prevención de riscos laborais e de protección ambiental, identificando as accións necesarias para asegurarlos.

12. Valorar a importancia da renovación dos métodos de deseño e desenvolvemento do produto cerámico, e recoñecer técnicas innovadoras, para participar na súa investigación e no seu desenvolvemento.

13. Identificar e valorar as oportunidades de aprendizaxe e a súa relación co mundo laboral, analizando as ofertas e as demandas do mercado para manter unha cultura de actualización e innovación.

Artigo 9. Módulos formativos: obxectivos básicos, contidos e criterios de avaliación

Os módulos formativos, as competencias básicas, os contidos e os criterios de avaliación son os establecidos no anexo.

1. Obxectivos básicos:

Os obxectivos básicos defínense como a capacitación do/a alumno/a para levar a cabo, con eficiencia e eficacia, as tarefas profesionais definidas nos obxectivos xerais do ciclo.

2. Os contidos:

Os contidos, expresados en relación con cada un dos módulos que integran o currículo, constitúen o enunciado da área de coñecemento que lle é propia, e que serán suficientemente desenvolvidos e delimitados na súa extensión e nivel polo equipo docente do ciclo formativo.

3. Criterios de avaliación:

Os criterios de avaliación definen aspectos da actividade do alumnado e aspectos dos resultados prácticos desta que permiten, en relación coas capacidades terminais de cada módulo, valorar segundo unha escala o grao de consecución das ditas capacidades e competencias.

Artigo 10. Espazos e equipamento

1. Os requisitos de espazos, equipamento e instalacións que deben reunir os centros de ensino que impartan o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística da Comunidade Autónoma de Galicia son os que se determinan nos artigos 3 e 12 do Real decreto 303/2010, do 15 de marzo.

2. Os espazos dedicados á formación establecidos respectarán a normativa sobre prevención de riscos laborais, a normativa sobre seguridade e hixiene no posto de traballo, e cantas outras normas sexan de aplicación.

3. Os espazos dedicados á formación establecidos poderán ser ocupados por diferentes grupos de alumnos/as que cursen outros ciclos formativos de artes plásticas e deseño, do mesmo ou distinto nivel.

4. A cantidade e as características dos equipamentos que se inclúan en cada espazo deberá estar en función do número de alumnos/as e serán os necesarios e suficientes para garantir a calidade do ensino.

5. O equipamento disporá das instalacións necesarias para o seu correcto funcionamento, cumprirá as normas de seguridade e prevención de riscos laborais e respectará os espazos e superficies de seguridade que exixan as máquinas en funcionamento.

Artigo 11. Competencia docente

As competencias docentes do profesorado pertencente aos corpos de profesores/as e mestres/as de taller de artes plásticas e deseño para a impartición dos módulos correspondentes ás ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística son as determinadas no anexo.

CAPÍTULO IV
Acceso ao ciclo formativo, acceso a outros estudos, exencións e validacións

Artigo 12. Requisitos de acceso ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística

1. Conforme o artigo 52.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e ao artigo 14.2 e a disposición adicional cuarta do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, para acceder ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística será necesario estar en posesión do título de bacharel ou título declarado equivalente.

2. Así mesmo, para acceder ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, ademais dos requisitos académicos recollidos no punto anterior, deberase superar unha proba específica que permita demostrar as aptitudes e coñecementos artísticos necesarios para cursar con aproveitamento estas ensinanzas. A consellería competente en materia de educación convocará, polo menos una vez ao ano, a dita proba específica.

Artigo 13. Exencións da proba específica de acceso ao ciclo formativo

Estarán exentos/as de realizar a proba específica de acceso ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística á que se refire o artigo anterior:

1. Quen estea en posesión de:

a) Calquera título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño da familia profesional artística de Cerámica Artística, ou título declarado equivalente.

b) Título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.

c) Título superior de Artes Plásticas e título superior de Deseño nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

d) Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas súas diferentes especialidades.

e) Licenciatura en Belas Artes.

f) Arquitectura.

g) Enxeñería Técnica en Deseño Industrial.

2. Quen, estando en posesión do título de bacharel, acredite ter una experiencia laboral de polo menos un ano en tarefas directamente relacionadas coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, para o cal debe achegar a certificación da empresa en que teña adquirido a experiencia laboral en que conste especificamente a duración do contrato da actividade desenvolvida e o período de tempo en que foi desenvolvida. No caso de traballadores/as por conta propia, deberá achegarse certificación de alta no censo de obrigados/as tributarios/as. O órgano competente para resolver sobre as solicitudes de exención da proba específica de acceso ao ciclo formativo será a comisión avaliadora da dita proba.

Artigo 14. Acceso ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística para quen non reúna os requisitos académicos

1. Conforme o artigo 52.3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderá acceder ao grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño sen estar en posesión dos requisitos académicos de acceso establecidos no artigo 12.1 deste decreto quen acredite, mediante a superación dunha proba de acceso, posuír a madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, ademais das aptitudes necesarias a que se refire o artigo 14.3 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, e teña como mínimo 19 anos feitos no ano de realización da proba, ou 18 anos se se acredita estar en posesión dun título de técnico relacionado con aquel a que se desexa acceder.

2. Esta proba de acceso constará de dúas partes:

– Parte xeral:

Versará sobre os coñecementos e capacidades básicas das materias comúns do bacharelato.

– Parte específica:

A proba permitirá valorar as aptitudes e coñecementos artísticos necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística.

3. Exencións da proba de acceso:

Quedará exento/a da realización da parte xeral da proba de acceso sinalada no artigo 14.2 quen teña superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Asemade, quedará exento/a da realización da parte específica de acceso sinalada no artigo 14.2 quen acredite ter unha experiencia laboral de polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística. Para iso deberá achegar a documentación sinalada no artigo 13.2.

Artigo 15. Regulamentación e validez das probas de acceso

1. A estrutura, contidos, criterios de avaliación e organización das probas de acceso a que se refiren os artigos 12 e 14 serán determinados pola consellería competente en materia de educación, facilitando a accesibilidade ao alumnado con discapacidade que o requira.

2. As cualificacións das probas de acceso expresaranse en termos numéricos, segundo unha escala de cero a dez, con dous decimais, sendo preciso acadar una cualificación igual ou superior a cinco para a súa superación.

3. As probas de acceso ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística terán validez en todo o territorio nacional, e a súa superación dará dereito a matricularse conforme a normativa en vigor no ciclo formativo correspondente, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas nos diferentes centros.

4. A superación da parte xeral da proba de acceso regulada no artigo 14.1 terá validez para posteriores convocatorias.

Artigo 16. Reserva de prazas

A consellería competente en materia de educación poderá establecer, no ámbito das súas competencias, unha porcentaxe de prazas de reserva para acceder ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño nos supostos recollidos nos artigos 15 e 16 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio.

Artigo 17. Acceso a outros estudos

1. A superación da totalidade dos módulos que integran o ciclo formativo de grao superior de Cerámica Artística dará dereito á obtención do título de Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística.

2. O título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística ten carácter oficial e validez académica e profesional en todo o territorio nacional. Acredita o nivel de formación, as competencias profesionais que contén e produce os efectos establecidos na lexislación vixente, sen que iso constitúa regulación do exercicio profesional.

3. O título de Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística dará dereito ao acceso directo aos estudos superiores de Deseño, aos estudos superiores de Artes Plásticas e ás ensinanzas de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

4. O título de Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística dará dereito ao acceso a calquera outro ciclo formativo de grao medio ou superior da familia artística profesional de Cerámica Artística, coa exención da proba específica de acceso, para aqueles casos previstos no artigo 15 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio.

5. O título de Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística permitirá o acceso ao bacharelato, de acordo co disposto no artigo 22.3 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio.

6. De conformidade co disposto no artigo 6.6 do Real decreto 37/2010, do 15 de xaneiro, asígnanse 120 créditos ECTS á totalidade do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, distribuídos entre os módulos correspondentes.

Artigo 18. Validacións e exencións

1. Serán obxecto de validación os módulos formativos pertencentes ao ciclo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística establecidos no anexo IV ao Real decreto 37/2010, do 15 de xaneiro.

2. Serán obxecto de validación os módulos formativos pertencentes aos ciclos formativos da familia profesional de Cerámica Artística regulados nos reais decretos 1458/1995, do 1 de setembro, e 1459/1995, do 1 de setembro, e o ciclo formativo regulado no presente decreto, segundo o disposto no anexo V ao Real decreto 37/2010, do 15 de xaneiro.

3. O módulo de formación e orientación laboral será obxecto de validación sempre que se teña superado nun ciclo de artes plásticas e deseño de igual ou superior nivel académico.

4. O procedemento e os requisitos para o recoñecemento das ditas validacións serán os establecidos na normativa vixente.

5. Os módulos formativos que poderán ser obxecto de exención pola súa correspondencia coa práctica laboral, de acordo co establecido no artigo 24 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, son os establecidos no anexo VI ao Real decreto 37/2010, do 15 de xaneiro.

6. Con carácter xeral, poderase determinar a exención total ou parcial da fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres, sempre que se acredite unha experiencia laboral de, polo menos, un ano nun campo profesional directamente relacionado co do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística.

7. A consellería competente en materia de educación regulará o procedemento para o recoñecemento das exencións. En calquera caso, para a acreditación da experiencia laboral deberá presentarse a documentación que se indica nos artigos 15.4 e 24 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio.

8. En ningún caso poderán ser obxecto de validación nin exención os módulos de obra final e de proxecto integrado, xa que teñen por obxecto a integración dos coñecementos, destrezas e capacidades específicas do campo profesional da especialidade da cerámica artística a través da realización dunha obra ou proxecto axeitado ao nivel académico cursado.

CAPÍTULO V
Ordenación académica e docencia

Artigo 19. Ordenación dos módulos

1. As ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística estrutúranse en módulos formativos de duración variable impartidos no centro educativo e a fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres.

2. Nos módulos de formación do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística impartidos nos centros manterase unha relación numérica máxima de profesorado/alumnado de 1/15 para os módulos de taller e de 1/30 para o resto dos módulos. Para o módulo de proxecto integrado contarase coa titoría individualizada do profesorado que imparta docencia no ciclo formativo.

Artigo 20. Desenvolvemento curricular

1. Os centros que impartan o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística desenvolverán e completarán o currículo establecido no presente decreto mediante a posta en práctica do seu proxecto educativo e a implementación de programacións didácticas que tomen en consideración as características do contorno social e cultural, as necesidades do alumnado, con especial atención ás de quen presente unha discapacidade, e as posibilidades formativas do contorno.

2. O proxecto educativo do centro incluirá, asemade, a distribución das capacidades terminais, os contidos e criterios de avaliación de cada módulo e a súa programación de aula.

3. Os/as profesores/as desenvolverán a programación de aula de acordo co currículo do ciclo e co proxecto educativo do centro docente, tendo en conta que a metodoloxía didáctica das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño integrará os aspectos artísticos, científicos, técnicos, tecnolóxicos e organizativos propios deste ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, co fin de que o alumnado acade unha visión global dos procesos e procedementos propios da cerámica artística.

Os proxectos educativos dos centros completarán e desenvolverán os elementos necesarios para garantir que os/as alumnos/as do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística acaden e desenvolvan as competencias incluídas no currículo en deseño para todos/as.

4. As horas de libre disposición que se inclúen no currículo establecido no presente decreto serán utilizadas polos centros que as impartan para:

– Reforzar, nos módulos asociados a unidades de competencia, as capacidades de formación de base ou de formación profesional específica.

– Dar resposta ás necesidades formativas máis características do alumnado.

– Dar resposta ás necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do contorno produtivo do centro.

CAPÍTULO VI
Avaliación e mobilidade do alumnado

Artigo 21. Avaliación do alumnado

1. A avaliación das ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística será continua e terá en conta o progreso e a madureza académica do alumnado en relación cos obxectivos xerais e as competencias profesionais propias.

2. A avaliación levarase a cabo de maneira diferenciada para cada módulo, tomando como referencia os obxectivos de cada un deles, expresados en termos de competencias, capacidades e habilidades, e os seus respectivos criterios de avaliación establecidos, completados e organizados polos correspondentes equipos docentes e programados polos/as docentes que os imparten. En calquera caso, a aplicación do proceso de avaliación continua do/a alumno/a requirirá da súa asistencia regular ás clases e actividades lectivas programadas.

3. Os resultados da avaliación final de cada módulo expresaranse en termos de cualificación de acordo cunha escala numérica de cero a dez. Consideráranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes.

4. Na avaliación da fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres, colaborará o/a responsable da formación do alumnado designado/a pola empresa, estudo ou taller durante a estandía do/a alumno/a nela. Os resultados desta avaliación expresaranse en termos de «apto-a/non apto-a». Para a superación da fase de formación práctica en estudos, empresas e talleres, os/as alumnos/as disporán de dúas convocatorias.

5. O número máximo de convocatorias para a superación de cada módulo será de catro. A consellería competente en materia de educación establecerá o procedemento para a solicitude e concesión dunha convocatoria extraordinaria por motivos de enfermidade, discapacidade ou outros que impidan o normal desenvolvemento dos estudos.

6. A consellería competente en materia de educación establecerá as condicións para a anulación da matrícula e para a renuncia á convocatoria de todos ou algúns dos módulos que integran o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, incluída a fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres. A renuncia á convocatoria reflectirase nos documentos de avaliación coa expresión «renuncia».

7. A consellería competente en materia de educación establecerá os requisitos para a promoción de curso, sendo precisa en calquera caso, a avaliación positiva en módulos cuxa carga lectiva sume, polo menos o 75 por 100 do primeiro curso.

8. A fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres realizarase durante o segundo curso do ciclo formativo. Para a cualificación desta fase será necesaria a cualificación positiva do alumnado en todos os módulos que integran o ciclo formativo, agás o de proxecto integrado, e será cualificada na convocatoria final correspondente ao segundo curso do ciclo formativo.

9. A superación do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística requirirá a avaliación positiva en todos os módulos que o integran e, así mesmo, a cualificación de «apto» na fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres.

10. A cualificación media final do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística obterase unha vez superados os módulos impartidos no centro educativo e a fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres, e consistirá na media aritmética das cualificacións medias ponderadas dos distintos módulos que o compoñen, expresada con dous decimais. A cualificación media ponderada de cada módulo obterase multiplicando o número de créditos que lle corresponde ao módulo pola cualificación final obtida nel, e dividindo o resultado entre o número total de créditos cursados.

11. Para os efectos do cálculo da cualificación media final do ciclo, non será computada a fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres, nin aqueles módulos que fosen obxecto de validación e/ou exención por correspondencia coa práctica laboral.

Artigo 22. Mobilidade do alumnado

1. Cando un/unha alumno/a obteña praza nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia a fin de continuar os seus estudos no ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, e iniciados nun centro dependente doutra Administración educativa, o centro de acollida solicitará ao centro de orixe o expediente académico do/a alumno/a. Recibido o expediente, o centro de acollida procederá á correspondente adaptación curricular, a fin de que o/a alumno/a se incorpore aos módulos e curso que lle corresponda. Para estes efectos, os módulos superados na súa totalidade e que segundo o criterio do centro sexan semellantes en contidos e carga lectiva aos establecidos neste decreto, serán recoñecidos de xeito automático, e, para outros casos, poderase prever a superación dos complementos de formación que se consideren convenientes.

2. Os módulos recoñecidos na súa totalidade como superados figurarán no expediente do/a alumno/a coa expresión «adaptado». Cando sexa preciso facer unha ponderación das cualificacións, os módulos que figuren como «adaptados» computaranse coa cualificación do centro de orixe.

Artigo 23. Documentación da avaliación e mobilidade do alumnado

1. Os documentos básicos de avaliación deste ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística son:

a) O expediente académico persoal, que se acredita coa certificación académica persoal.

b) As actas de avaliación.

c) Os informes individualizados de avaliación.

2. Toda a información relativa ao proceso de avaliación do/a alumno/a recollerase, de xeito sintético, no expediente académico do/a alumno/a. No devandito expediente figurarán a identificación do centro e os datos persoais do/a alumno/a, a modalidade de acceso ao ciclo, número e a data da matrícula, os resultados da avaliación e, de ser o caso, as medidas de adaptación curricular e a cualificación media final do ciclo.

3. Os documentos básicos de avaliación citarán en lugar preferente a norma da consellería competente en materia de educación que desenvolve o presente currículo.

4. Co obxecto de garantir a mobilidade académica e territorial do alumnado, terán a consideración de documentos básicos de mobilidade a certificación académica persoal, obtida do expediente académico, e o informe de avaliación individualizado.

5. A certificación académica persoal ten valor acreditativo dos estudos realizados polo/a alumno/a, e constitúe o documento oficial básico que recolle a referencia normativa do plan de estudos, o curso académico, as cualificacións obtidas con expresión da convocatoria (ordinaria ou extraordinaria), os módulos que fosen obxecto de validación, e/ou correspondencia coa práctica laboral e, se for o seu caso, as anulacións de matrícula e/ou renuncia ás convocatorias.

6. Cando o/a alumno/a se traslade de centro, consignarase nun informe de avaliación individualizado toda aquela información necesaria para a continuidade do proceso de aprendizaxe.

7. A consellería competente en materia de educación establecerá o modelo de expediente académico do alumnado, os modelos de acta de avaliación e os modelos de informe individualizado de avaliación, e propiciará o seu tratamento informático, no ámbito da súa competencia e de xestión.

Disposición adicional primeira. Accesibilidade universal nas ensinanzas deste título

1. A consellería competente en materia de educación establecerá as medidas oportunas que garantan o cumprimento do establecido na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, a fin de facilitar ao alumnado os medios e recursos que se precisen para acceder e cursar as ensinanzas deste ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística.

2. As programacións didácticas que desenvolvan o currículo establecido no presente decreto deberán ter en conta o principio de «deseño para todos/as», incorporando ás ditas programacións as unidades didácticas que correspondan coa finalidade de que o alumnado acade a sensibilidade e as competencias relacionadas con este concepto e as aplique ao longo da súa aprendizaxe e o seu labor profesional.

3. As programacións didácticas que desenvolvan o currículo establecido no presente decreto recollerán as medidas necesarias coa finalidade de que o alumnado con discapacidade poida acadar a competencia xeral do título, expresada a través das competencias profesionais, así como os resultados da aprendizaxe de cada un dos módulos.

Disposición adicional segunda. Cursos de cualificación e recualificación

Coa finalidade de promover a formación ao longo da vida, os centros que impartan o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística poderán organizar e desenvolver cursos de especialización vinculados ás ensinanzas deste, que deberán ser obxecto dunha certificación acreditativa da formación adquirida en que se indique a superación do curso, o número de horas de duración e a súa equivalencia en créditos ECTS. A dita certificación poderá ter, de ser o caso, valor acreditativo no sistema nacional de cualificacións e formación profesional que corresponda.

Os cursos de formación anteditos serán autorizados pola consellería competente en materia de educación, que establecerá, asemade, as condicións e procedemento para a súa autorización.

Disposición adicional terceira. Autorización a centros privados para a impartición das ensinanzas reguladas neste decreto

A autorización a centros privados para a impartición das ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística exixirá que desde o inicio do curso escolar se cumpran os requisitos de profesorado, espazos e equipamentos regulados nel.

Disposición adicional cuarta. Formación do profesorado

A consellería competente en materia de educación contemplará medidas de apoio ao profesorado, especialmente na formación permanente e na investigación e innovación, para contribuír ao mellor desenvolvemento e aplicación do novo currículo do Grao Superior de Artes Plásticas e Deseño de Cerámica Artística.

Disposición derrogatoria única. Derrogación de normas

Queda derrogado o Decreto 79/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de Grao Superior de Artes Plásticas e Deseño de Cerámica Artística, correspondente á familia profesional de Cerámica Artística, así como o acceso ao dito ciclo formativo.

Disposición transitoria primeira. Competencia docente

Ata que o ministerio competente en materia de educación complete os novos currículos das ensinanzas artísticas profesionais de artes plásticas e deseño, a competencia docente dos/as profesores/as e mestres/as de taller de artes plásticas e deseño para impartir os módulos que integran este ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística será a que se indica no anexo, sen prexuízo de que a consellería competente en materia de educación, no seu ámbito de competencia, poida, no dito período transitorio, autorizar a impartición de determinados módulos a aqueles/as docentes que á promulgación deste decreto viñesen impartindo materias equivalentes da anterior ordenación, sempre que acrediten a preparación para iso.

Disposición transitoria segunda. Implantación das ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística

1. En tanto non se produza a implantación das ensinanzas reguladas no presente decreto, serán de aplicación o Real decreto 1458/1995, do 1 de setembro, desenvolvido polo Decreto 79/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de Grao Superior de Artes Plásticas e Deseño de Cerámica Artística, correspondente á familia profesional de Cerámica Artística, así como o acceso ao dito ciclo formativo.

2. A consellería competente en materia de educación determinará o calendario e condicións para a ordenada extinción do plan de estudos correspondente, garantindo a obtención dos títulos das ensinanzas que se extinguen, nas condicións que oportunamente se establezan, conforme ao disposto na disposición transitoria segunda do Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de educación para ditar as disposicións necesarias no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

1. Distribución horaria das ensinanzas.

Estrutura xeral

Horas lectivas

totais

Créditos ECTS

asociados

Módulos impartidos no centro docente

1.800

114

Fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres

200

6

Total horas de ensino:

2.000

120

2. Formación no centro docente.

2.1. Módulos correspondentes ás ensinanzas impartidas no centro docente.*

Módulos

Ratio

Profesorado/Alumnado

Horas semanais

Total horas

Créditos ECTS

asociados

1.º curso

2.º curso

1.º curso

2.º curso

Debuxo artístico

1/15

3

-----

108

6

-----

Debuxo técnico

1/15

3

-----

108

6

-----

Volume

1/15

3

2

180

6

4

Historia da cerámica

1/30

2

-----

72

5

-----

Materiais e tecnoloxía: cerámica

1/30

3

-----

108

7

-----

Medios informáticos

1/15

2

-----

72

5

-----

Taller cerámico

1/15

12

8

720

26

18

Proxectos de cerámica artística

1/30

-----

4

144

-----

10

Proxecto integrado

1/1

-----

4

144

-----

12

Formación e orientación laboral

1/30

-----

2

72

-----

4

Horas de libre disposición do centro docente

-----

2

-----

72

5

-----

Totais:

30

20

1.800

66

48

Total créditos ECTS:

114

* Para os efectos do cómputo horario considéranse 36 semanas para cada un dos dous cursos que dura o ciclo formativo.

2.2. Obxectivos, contidos e criterios de avaliación dos módulos.

Debuxo artístico

Obxectivos:

1º. Representar graficamente tanto as formas do contorno como as imaxes de propia creación.

2º. Utilizar os diferentes materiais e técnicas de debuxo como ferramentas básicas para a busca e definición formal de imaxes e para a comunicación gráfica de ideas.

3º. Analizar os fundamentos e teoría da cor, a súa importancia nos procesos de creación artístico-plástica e as súas aplicacións ao campo cerámico.

4º. Desenvolver a capacidade de gozo estético e a inventiva e expresividade persoais.

5º. Valorar a creación e a obra cerámica á luz de criterios externos, dos coñecementos sobre a materia e internos, o propio gusto e a sensibilidade.

6º. Recoñecer os elementos conceptuais e a estrutura básica das formas.

7º. A partir do método de análise, interpretar as formas do contorno e máis directamente as que gardan relación coas técnicas cerámicas, estudando a través do debuxo analítico as súas relacións formais, funcionais e estéticas.

8º. Realizar debuxos e bosquexos que expliquen as formas con claridade, analizando as relacións entre liñas, formas, volumes, cor, simetrías e movemento.

Contidos:

1º. A forma bidimensional y tridimensional e a súa representación no plano.

2º. Os materiais de debuxo e as súas técnicas.

3º. A proporción. Simetría. A forma bidimensional. Morfoloxía, elementos estruturais. O punto, a recta e o plano. Síntese. Representación da forma, figura e fondo. Relacións.

4º. A representación da forma tridimensional e do espazo no plano tanto na concepción analítico-xeométrica como na artístico-expresiva. Recursos gráficos e xeométricos. A modelaxe e a luz. Superposición de formas e gradientes de profundidade. A perspectiva atmosférica e a perspectiva xeométrica.

5º. Elementos expresivos da linguaxe gráfico-plástica. Os materiais de debuxo e as súas técnicas. Técnicas secas e húmidas. Soportes. Adecuación da técnica á proxección ou representación da forma.

6º. A realidade como motivo. As formas da natureza. Procesos de análise e síntese. Importancia na configuración volumétrica de formas tanto de orixe como artísticas ou funcionais.

7º. Forma e estrutura. Análise das formas. Abstracción, síntese e estilización. Texturas. Análise e estudo das linguaxes gráficas a través dos momentos clave da historia da representación.

8º. A composición. Conceptos básicos.

9º. O claroscuro.

10º. A cor. Fundamentos e teoría da cor. Valores expresivos e simbólicos. Interacción da cor. A organización dos elementos gráficos no espazo bidimensional. Principios compositivos.

11º. A cor cerámica.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Describir, mediante o debuxo, formas da realidade ou da propia inventiva, de xeito que se transmita unha idea fiel das súas características sensibles e estruturais.

2º. Utilizar correctamente os diferentes materiais e técnicas de debuxo na representación gráfica de formas da realidade ou da propia inventiva.

3º. Analizar composicións tridimensionais desde o punto de vista formal e estrutural, interpretalas e representalas correctamente.

4º. Explorar con iniciativa as posibilidades plásticas e expresivas do debuxo e da cor e utilizalas de maneira creativa na representación gráfica de pezas cerámicas.

5º. Aplicar correctamente a teoría da cor en supostos prácticos relacionados coa especialidade.

6º. Emitir xuízos de valor de xeito argumentado respecto á creación artística propia e allea con base nos seus coñecementos sobre a materia, o seu gusto persoal e sensibilidade.

Debuxo técnico

Obxectivos:

1º. Utilizar os métodos, procedementos, convencións e técnicas gráficas propias do debuxo técnico na busca e definición formal e técnica de pezas tridimensionais e na comunicación gráfica de ideas.

2º. Representar e cotar pezas cerámicas, tanto do contorno como da propia inventiva, utilizando o sistema de representación axeitado.

3º. Comprender a información gráfica de deseños e proxectos de pezas cerámicas tridimensionais, tanto utilitarias como obra orixinal.

4º. Valorar o debuxo técnico como ferramenta básica na representación obxectiva das formas, na transmisión de información precisa sobre so obxectos e na ideación, proxección e fabricación deles.

5º. Seleccionar axeitadamente diferentes materiais e técnicas de debuxo na representación gráfica das formas da realidade ou da propia inventiva.

6º. Expresar oralmente e por escrito dun xeito correcto os coñecementos e opinións sobre a materia, de acordo co gusto persoal e a propia sensibilidade.

Contidos:

1º. Arte e debuxo técnico. Proxección e debuxo técnico. Presenza da xeometría na natureza e nas artes.

2º. Xeometría plana e espacial. Proporcionalidade e semellanza. Thales e as súas aplicacións prácticas.

3º. Xeometría descritiva. Concepto xeométrico e matemático da escala. A escala como elemento definidor da cantidade e calidade da información dun debuxo ou proxecto.

4º. Sistemas de representación. Ampliación, redución, despezamento de masas. Transformacións xeométricas e as súas leis e posibilidades expresivas.

5º. Vistas, normalización e esbozos. Cotación. Xeometría plana: o punto, a recta e o plano. Relación entre os tres elementos xeométricos básicos: pertenza, paralelismo, interseccións.

6º. Técnicas gráficas, procedementos e materiais. Debuxo a man alzada. Polígonos. Curvas xeométricas e técnicas: elipse, parábola, hipérbola, óvalo, ovoide, cicloide.

7º. Xeometría descritiva: sistema diédrico, representación do punto, recta e plano. Representación das formas xeométricas mais salientables. Cálculo de verdadeiras magnitudes no sistema diédrico. Sistema axonométrico. Principios e aplicación ao debuxo a man alzada. Perspectiva cabaleira. Sistema cónico de representación. Principios básicos e aplicacións.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Definir graficamente formas da realidade ou da propia inventiva utilizando con propiedade os sistemas de representación mais axeitados.

2º. Utilizar con destreza e precisión os diferentes materiais e técnicas do debuxo técnico, con especial atención á calidade dos acabamentos e presentación final.

3º. Describir, mediante o debuxo técnico a man alzada, pezas cerámicas utilitarias ou artísticas, previamente ao seu desenvolvemento gráfico definitivo, destacando con claridade a información necesaria para a súa posterior reprodución.

4º. Analizar e explicar correctamente a información gráfica dun deseño cerámico dado, utilizando con propiedade a terminoloxía da materia e destacando as súas características formais e estruturais.

5º. Utilizar o debuxo técnico como ferramenta fundamental tanto na procura de solucións construtivas de deseño que axuden a resolver problemas coma na configuración e representación final das formas cerámicas.

6º. A escala: definición e concepto desta como elemento definidor da cantidade e calidade da información inherente ao proceso proxectual.

Volume

Obxectivos:

1º. Acadar unha visión ordenada e de conxunto dos diferentes factores e etapas na análise, ideación e materialización da forma tridimensional, así como dos métodos de realización das técnicas construtivas e de modelaxe.

2º. Analizar pezas tridimensionais desde o punto de vista formal, estrutural e funcional, interpretalas e representalas mediante os procedementos de configuración volumétrica correspondentes.

3º. Modelar pezas artísticas tridimensionais, ben sexan orixinais de propia ideación ou copia de modelos propostos.

4º. Realizar modelos, moldes e prototipos relacionados con supostos prácticos de fabricación cerámica.

5º. Desenvolver a capacidade de gozo estético e a inventiva e a expresividade persoal.

6º. Desenvolver a capacidade do/a alumno/a para traballar en equipo, optimizando tempos de realización e esforzo.

7º. Familiarizar o/á alumno/a co léxico propio da materia, así como informalo/a e capacitalo/a para o correcto uso dos diferentes materiais e ferramentas.

Contidos:

1º. Forma, función e estrutura.

2º. Elementos expresivos da linguaxe tridimensional.

3º. Concepto do espazo. O espazo como dimensión. O espazo como forma. Espazo cheo e baleiro. Técnicas e materiais no proceso de configuración espacial.

4º. Técnicas de volume. Modelaxe, talla e construción. O relevo mural cerámico. Características técnicas e funcionais.

5º. Métodos de translación. Ampliacións e reducións. A máquina de puntos. A textura. Textura orgánica, xeométrica, tramas, textura mimética, textura e movemento, textura e expresión.

6º. A escultura cerámica contemporánea. Os procesos de moldaxe. Tipoloxías e funcionalidade dos moldes máis utilizados nos procesos escultórico-cerámicos. Moldes ríxidos e flexibles.

7º. Matrizaría e moldes cerámicos. Concepto de matriz, patrón e modelo. Confección de matrices e moldes destinados á reprodución seriada. Criterios de deseño e funcionalidade.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Explicar, utilizando con propiedade a terminoloxía propia da materia, as características dos diferentes métodos e técnicas de volume e a súa relación cos materiais utilizados.

2º. Analizar os elementos formais, funcionais e estruturais de pezas tridimensionais e reproducilas fielmente conforme a técnica máis axeitada e tomando en consideración as características do material utilizado.

3º. Utilizar axeitadamente e con destreza as técnicas do volume na representación volumétrica das formas da realidade ou da propia inventiva.

4º. Explorar con iniciativa as posibilidades plásticas e expresivas da linguaxe tridimensional e utilizalas de maneira creativa na ideación e realización de obra orixinal cerámica.

5º. Emitir xuízos de valor argumentando respecto da creación cerámica propia e allea con base nos seus coñecementos sobre a materia, ao seu gusto persoal e sensibilidade.

Historia da cerámica

Obxectivos:

1º. Analizar a dimensión técnica e plástica das artes cerámicas ao longo do tempo e interpretar o seu desenvolvemento histórico e a súa evolución estética.

2º. Desenvolver a comprensión visual e conceptual da linguaxe artística propia das artes cerámicas.

3º. Comprender a linguaxe expresiva que caracteriza a cerámica de cada época, estilo ou tendencia e a súa relación coa arte, a arquitectura e a sociedade da época en que se produciu.

4º. Coñecer os procesos de investigación e renovación que se levaron a cabo no campo da fabricación cerámica ao longo do último século.

5º. Desenvolver a capacidade de gozo estético e valorar as artes cerámicas contemporáneas á luz da súa evolución histórica e do propio gusto persoal e sensibilidade.

6º. Relacionar o valor da cerámica como elemento cultural coa súa dimensión técnica, funcional e plástica, para entender o seu desenvolvemento histórico.

7º. Valorar a importancia da cerámica galega a nivel histórico e no contexto actual. Causas do seu desenvolvemento e principais características segundo os focos de produción.

Contidos:

1º. As artes da arxila: significación cultural e artística.

2º. Primeiras manifestacións cerámicas: culturas prehistóricas e a súa evolución. A pasta exipcia. Significación plástica e documental das cerámicas gregas e romanas. Novidades técnicas.

3º. Conceptos estéticos e ornamentais islámicos e a súa aplicación á cerámica. Achegas técnicas. Os revestimentos murais. A cerámica islámica no ámbito mediterráneo. A arte mudéxar e as súas repercusións.

4º. O Extremo Oriente. Peculiaridades nacionais e etapas significativas. A porcelana chinesa. A cerámica xaponesa. A súa repercusión en occidente. Culturas cerámicas precolombinas.

5º. O Renacemento: formulacións estéticas do Humanismo. A maiólica: técnica, formas e ornamentación. Transcendencia do italianismo para a cerámica europea. A cerámica española: centros produtores e caracteres rexionais.

6º. A linguaxe expresiva do Barroco e o Rococó. A porcelana en Europa. As reais manufacturas. A louza inglesa.

7º. A revolución industrial e a súa repercusión na cerámica. A estética do novo Clasicismo. Historicismo e Clasicismo. Influencias e correntes renovadoras ao final do século XIX.

8º. Revisión dos procesos na «Art Nouveau»: novos camiños de investigación e especialización. Mestres/as cerámicos/as e principais tendencias. Experiencias individuais e achegas dos/as grandes artistas ao longo do período de entreguerras.

9º. A arte cerámica posterior á Segunda Guerra Mundial. Panorámica da cerámica artística en Europa, Estados Unidos de América e Xapón. Renovación técnica e estética. Achegas dos/as ceramistas españois/españolas.

10º. Momento actual da cerámica arquitectónica, utilitaria e ornamental. Produción industrial e deseño cerámico.

11º. A cerámica na Galicia actual: a cerámica nos eidos industrial e artesanal.

12º. Manifestacións populares da cerámica. Oleiros/as. Focos. Características.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Identificar visualmente as realizacións cerámicas ao longo da historia e establecer relacións argumentadas entre os elementos que as definen e configuran no contexto histórico-social en que foron creadas.

2º. Analizar as artes cerámicas en relación con outras manifestacións artísticas do seu contexto temporal.

3º. Explicar o alcance das artes cerámicas na actualidade, as súas aplicacións e as innovacións que ao longo do século XX foron levadas a cabo no campo da fabricación cerámica.

4º. Caracterizar os momentos máis significativos da historia da cerámica utilitaria e ornamental e analizar a proxección técnica e estética da revolución industrial na industria cerámica contemporánea.

5º. Mostrar interese na contemplación da obra artística e valorar argumentando ao respecto das artes cerámicas contemporáneas con base nos seus coñecementos sobre a materia e o seu gusto persoal e sensibilidade.

6º. Utilizar adecuadamente a terminoloxía propia da materia.

Materiais e tecnoloxía: cerámica

Obxectivos:

1º. Comprender os fundamentos científicos dos procesos de produción de materiais cerámicos.

2º. Clasificar os materias cerámicos e analizar as súas características, estrutura e propiedades máis significativas.

3º. Analizar as diferentes fases do procesamento dos materiais cerámicos, así como os cambios físico-químicos que se levan a cabo en cada unha delas.

4º. Explicar a influencia que teñen as condicións do proceso na calidade do produto final, clasificar os distintos defectos que poidan producirse e diferenciar os procedementos de control de calidade máis apropiados a cada momento.

5º. Identificar as maquinarias e ferramentas utilizadas nas diferentes etapas do proceso cerámico, clasificalas e describir a súa utilización, funcionamento e operacións básicas de mantemento.

6º. Describir as características máis significativas e o funcionamento dos distintos tipos de fornos cerámicos e atmosféricos de cocción.

7º. Elaborar correctamente un mostrario cerámico e as indicacións para a súa presentación.

8º. Utilizar axeitadamente a terminoloxía específica da materia.

9º. Valorar o papel da metodoloxía científica e da técnica na investigación cerámica, tanto no ámbito dos novos materiais como nos procesos produtivos e de control de calidade.

Contidos:

1º. Fundamentos físico-químicos nos procesos cerámicos.

2º. Materias primas cerámicas para pastas e esmaltes.

3º. O procesamento das materias primas cerámicas. Técnica e variables. Control de calidade. Seguridade e ambiente.

4º. Pastas, cubertas, engobes, vidrados e vernices. A cor: óxidos, colorantes e pigmentos calcinados. Composición. Clasificación. Preparación e defectos.

5º. Esmaltes de alta e baixa temperatura.

6º. Fornos. Tipos e mantemento. Descrición das características máis significativas e o funcionamento dos distintos tipos de fornos cerámicos e atmosféricos de cocción.

7º. Secado e cocción. Técnicas. Determinación das condicións óptimas requiridas en cada etapa do proceso cerámico e a súa influencia na calidade do produto final.

8º. Acabamentos. Control de calidade. Identificación dos defectos máis frecuentes do produto cerámico e a súa relación coas diferentes etapas de elaboración indicando os mecanismos de control de calidade máis axeitados a cada caso.

9º. Diferenzas e caracterización das etapas do procesamento dos materiais cerámicos. Cambios físicos e químicos producidos en cada unha delas.

10º. Utilización axeitada da terminoloxía propia da materia.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Explicar correctamente os fundamentos físico-químicos dos procesos cerámicos, en supostos prácticos da especialidade.

2º. Definir as principais características estruturais dos materiais cerámicos así como a súa composición e propiedades.

3º. Diferenciar e caracterizar as etapas do procesamento dos materiais cerámicos indicando con precisión os cambios físico-químicos que se producen en cada unha delas.

4º. Determinar as condicións óptimas requiridas nas diferentes etapas do proceso cerámico e a súa influencia na calidade do produto final.

5º. Identificar os defectos máis frecuentes do produto cerámico e relacionalos coas diferentes etapas da súa elaboración indicando os mecanismos de control de calidade máis axeitados a cada caso.

6º. Describir as características máis significativas e o funcionamento dos distintos tipos de fornos cerámicos e atmosféricos de cocción.

7º. Elaborar correctamente un mostrario cerámico e as indicacións para a súa presentación.

8º. Utilizar axeitadamente a terminoloxía específica da materia.

Medios informáticos

Obxectivos:

1º. Coñecer e utilizar os equipamentos informáticos.

2º. Coñecer e utilizar correctamente os programas informáticos axeitados á práctica profesional da especialidade.

3º. Analizar e dominar a presenza actual dos novas tecnoloxías na proxección e produción industrial e artesanal cerámica.

4º. Utilizar os recursos informáticos como instrumento de ideación, xestión e comunicación do propio traballo.

Contidos:

1º. Introdución á informática. Materiais e equipamentos. Sistemas operativos. Contornos. Dispositivos de entrada e saída. Dispositivos de interacción. Dispositivos gráficos.

2º. Introdución ao CAD-CAM. Automatización e control de procesos. Sistemas CAD-CAM para o sector cerámico industrial.

3º. Técnicas de sistemas gráficos. Utilización e tratamento de imaxes. Programas específicos.

4º. Técnicas de modelaxe en 2D e 3D.

5º. Ofimática: procesadores de texto e programas de presentación de proxectos.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Seleccionar e utilizar correctamente os materiais e equipamentos informáticos no desenvolvemento do propio traballo.

2º. Seleccionar e empregar con destreza os programas informáticos axeitados á práctica da especialidade, tanto no proceso creativo e proxectual das pezas cerámicas como na comunicación gráfica do propio traballo.

3º. Describir, utilizando con propiedade a terminoloxía propia da materia, os sistemas máis utilizados nos procesos de proxección e produción industrial cerámica e valoralos con relación ás súas aplicacións no exercicio da especialidade.

Taller cerámico

Obxectivos:

1º. Comprender global e secuencialmente o proceso de fabricación cerámica, identificar as materias primas e o seu comportamento ao longo do proceso, así como os útiles, ferramentas e máquinas que interveñen, o seu uso e mantemento.

2º. Caracterizar as materias primas, seleccionalas e formular a composición máis apropiada ás necesidades do produto e do proceso de acordo coas especificacións do proxecto.

3º. Realizar a conformación do produto cerámico mediante procedementos manuais e mecánicos.

4º. Describir as transformacións físicas e químicas das pastas durante a cocción, calcular as contraccións e dilatacións e prever as deformacións que se orixinarán no proceso produtivo.

5º. Comprender os procesos de secado, estiba e cocción e levalos a cabo nas condicións de seguridade e hixiene axeitadas.

6º. Clasificar e caracterizar as diferentes técnicas decorativas artesanais e industriais do produto cerámico e explicar as etapas, procedementos, materiais, útiles e ferramentas propios de cada técnica.

7º. Seleccionar e aplicar o procedemento de intervención decorativa máis axeitado ás características técnicas, funcionais e artísticas da peza ou prototipo cerámico realizando os controis de calidade axeitados para cada momento do proceso.

8º. Elaborar moldes para a produción seriada de cerámica artística.

9º. Acondicionar e recuperar as materias primas.

10º. Iniciarse na busca formal e estética da obra orixinal cerámica, na investigación encol do material cerámico e as súas calidades expresivas e nas técnicas especiais de cocción.

11º. Organizar, planificar e levar a cabo as distintas fases que configuran o proceso produtivo, identificar os problemas que xorden e solucionalos en función da necesaria calidade do produto rematado.

12º. Organizar o taller de acordo cos requisitos ergonómicos e funcionais da maquinaria, as instalacións, o espazo e o/a usuario/a, así como os requirimentos de seguridade, hixiene e protección ambiental propios da fabricación cerámica.

13º. Realizar moldes e matrices para a fabricación de produtos cerámicos seriados de cerámica artística.

14º. Coñecer e saber empregar con seguridade e soltura o vocabulario e a terminoloxía propia da actividade cerámica.

15º. Caracterizar as materias primas, seleccionalas e formular a composición máis apropiada ás necesidades do produto e do proceso de acordo coas especificacións do proxecto.

Contidos:

1º. Organización do taller: materiais, ferramentas e maquinaria. Utilización e mantemento.

2º. Procedementos de conformación.

3º. Reprodución de pezas en serie. Moldes de escaiola e flexibles. Materiais cerámicos e non cerámicos. Técnicas específicas.

4º. Sistemas decorativos manuais e seriados. Técnicas decorativas de superficie, de aplicación en cru e sobre biscoito. Técnicas decorativas e industriais: serigrafía, flexografía, fotomecánica. Procedementos de acabamento. Procedementos de reparación e reposición.

5º. Procesos de secado, estiba e cocción artesanais, semi-industriais e industriais.

6º. Procedementos de recuperación, reconstrución e reparación do produto cerámico.

7º. Procedementos de reutilización e eliminación ecolóxica dos produtos e refugallos do taller.

8º. Experimentación con materiais e procedementos non tradicionais.

9º. Organización da actividade profesional do taller. Criterios ergonómicos, funcionais, produtivos, de seguridade e hixiene e ambientais.

10º. Preparación, recuperación, reciclaxe e acondicionamento das materias primas.

11º. Elaboración de formas torneadas.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Realizar pezas cerámicas levando a cabo correctamente todas as etapas do proceso de fabricación e os correspondentes controis de calidade ata a obtención do produto acabado.

2º. Dado o proxecto de elaboración de pezas cerámicas, ofrecer solucións artísticas viables, comercialmente competitivas e técnica e funcionalmente axeitadas ás especificacións e requisitos establecidos.

3º. Realizar con destreza a conformación de pezas cerámicas, tanto a man como na roda, e utilizar o tipo de cocción máis axeitado en canto a temperaturas e atmosferas ás especificacións dun proxecto de fabricación cerámica.

4º. Crear pezas de obra orixinal cerámica de calidade artística e técnica.

5º. Seleccionar a técnica decorativa máis axeitada ás características técnicas, funcionais e artísticas dunha peza ou produto cerámico e levar a cabo a decoración atendendo ás exixencias de calidade do produto acabado.

6º. Realizar con calidade técnica e estética a decoración de obra orixinal cerámica, levando a cabo os controis adecuados en cada fase da produción.

7º. Elaborar correctamente moldes apropiados para a produción seriada de pezas cerámicas de calidade.

8º. Desenvolver o proceso de fabricación cerámica cumprindo as medidas preventivas e as normas axeitadas de seguridade, hixiene e protección ambiental.

9º. Realizar como rutina diaria os labores de mantemento e limpeza do taller, así como a posta a punto da maquinaria, ferramentas e instalacións que garantan o seu perfecto estado de conservación e funcionamento.

Proxectos de cerámica artística

Obxectivos:

1º. Analizar a relación existente entre o deseño e a metodoloxía proxectual e aplicar a/as metodoloxía/s mais axeitada/s para o deseño de obra orixinal cerámica.

2º. Desenvolver e expoñer proxectos de obra orixinal cerámica.

3º. Materializar proxectos de obra orixinal cerámica en todas as súas fases ata a obtención do produto final.

4º. Valorar a proxección cerámica como oportunidade de investigación e de expresión artística persoal.

5º. Desenvolver a capacidade estética, sensibilidade, inventiva, creatividade e expresividade potencial do/a alumno/a nos proxectos cerámicos.

6º. Familiarizar ao/á alumno/a co léxico propio da proxección, así como informalo/a e capacitalo/a para o uso axeitado e correcto das diferentes metodoloxías e ferramentas de proxección cerámica.

Contidos:

1º. O deseño. Antecedentes. A metodoloxía proxectual. Diferentes tendencias metodolóxicas. Métodos creativos para a xeración de ideas.

2º. O proxecto cerámico. Fases. Condicionantes. Especificacións. Documentación gráfica. Técnicas e normalización. A comunicación e a presentación do proxecto.

3º. A materialización do proxecto ata a obtención do produto acabado. Verificación do control de calidade nas diferentes etapas.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Seleccionar argumentadamente e aplicar a metodoloxía proxectual máis axeitada ao deseño da obra orixinal cerámica.

2º. Solucionar axeitadamente os problemas que xurdan no proceso proxectual utilizando os coñecementos e recursos gráficos, metodolóxicos e técnicos de que dispoña.

3º. Levar a cabo o proceso de elaboración cerámica en todas as súas etapas aténdose ás especificacións do proxecto e realizando os controis necesarios para a obtención dun produto final de calidade artística e técnica.

Proxecto integrado

Obxectivos:

1º. Desenvolver un proxecto de obra orixinal cerámica.

2º. Materializar o proxecto de obra orixinal cerámica en todas as súas fases, desde a selección de materiais e técnicas máis axeitados até a obtención do produto final.

3º. Desenvolver, mediante a proxección de obra orixinal cerámica o propio sentido estético e a capacidade creadora.

Contidos:

1º. Contexto da obra, concepto, estudo histórico e antecedentes.

2º. A creación de obra orixinal. Fases da proxección cerámica. Condicionantes. Especificacións. Documentación. Técnicas e normalización. Orzamento.

3º. Realización de maquetas e prototipos.

4º. A materialización do proxecto ata a obtención do produto acabado. Verificación do control de calidade nas diferentes etapas.

5º. A comunicación, presentación e defensa do proxecto.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Idear, desenvolver e expoñer un proxecto factible de obra orixinal cerámica.

2º. Solucionar os problemas que xurdan no proceso proxectual utilizando os coñecementos e recursos gráficos, metodolóxicos e técnicos máis axeitados.

3º. Levar a cabo o proceso de elaboración da/s peza/s orixinal/orixinais cerámica/s en todas as súas etapas aténdose ás especificacións do proxecto e realizando os controis necesarios para a obtención dun produto final de calidade artística e dominio técnico a través das propias realizacións cerámicas.

4º. Presentar o proxecto de obra orixinal cerámica, expoñer oralmente as súas principais partes e emitir una valoración persoal técnica e artística sobre el, utilizando correctamente en todo momento a terminoloxía propia da materia.

5º. Manifestar iniciativa, sentido estético, capacidade de expresión artística e dominio técnico a través das propias realizacións cerámicas.

Formación e orientación laboral

Obxectivos:

1º. Analizar o marco legal de traballo e definir os dereitos e obrigas que se derivan das relacións laborais.

2º. Identificar as distintas vías de acceso ao emprego e á formación permanente, así como as accións e iniciativas de organismos e institucións dedicadas a estes fins.

3º. Propoñer un plan de organización dun taller artesán e dunha pequena ou mediana empresa de fabricación cerámica tendo en conta os datos e medios de produción, comercialización e distribución, as relacións mercantís e os aspectos xurídicos e socio-laborais que interveñen.

4º. Avaliar o marco xurídico de traballo, saúde e ambiente e a súa repercusión na actividade produtiva e na calidade de vida laboral e persoal.

5º. Analizar a normativa específica que regula o deseño e o sector cerámico.

6º. Valorar a cooperación, a autocrítica e o traballo en equipo como actividades que contribúen á procura de mellores resultados na actividade produtiva.

7º. Establecer no eido laboral as medidas de protección e prevención que correspondan ás situacións de riscos existentes e determinar as medidas sanitarias básicas inmediatas en caso de accidente, e valorar as medidas de protección específicas de persoas traballadoras sensibles a determinados riscos, así como as de protección da maternidade e a lactación, e de menores.

8º. Coñecer e interpretar os datos da estrutura socioeconómica galega e española para poder valorar a situación actual e as perspectivas do sector a nivel autonómico, estatal e europeo.

Contidos:

1º. O marco xurídico das relacións laborais: Estatuto dos traballadores e regulación específica do sector.

2º. Medidas de seguridade e hixiene no traballo.

3º. Sistemas de acceso ao emprego. Técnicas. Organismos que prestan axuda á inserción laboral.

4º. A empresa. O deseño na organización e cultura empresarial. Descrición dos distintos modelos xurídicos de empresa e as súas características.

5º. O/a empresario/a individual. Trámites para o inicio da actividade empresarial. Administración e xestión de empresas. Obrigas xurídicas e fiscais. Programas de financiamento e axudas a empresas.

6º. Conceptos básicos de mercadotecnia. A organización da produción, comercialización e distribución na empresa. Métodos de análise de custos e control da calidade. Os signos distintivos: marca, rótulo e nome comercial.

7º. Protección do deseño. Propiedade intelectual. Rexistro da propiedade intelectual. Entidades de xestión. Propiedade industrial. Os modelos e debuxos industriais e artísticos. Rexistro e procedemento rexistral. A protección internacional das innovacións.

8º. Lexislación española e comunitaria sobre a industria cerámica. Centros e asociacións de investigación e desenvolvemento da industria cerámica.

9º. Normativa de fabricación e etiquetaxe de produtos cerámicos. Normativa de prevención de riscos laborais e protección ambiental no sector cerámico.

10º. Normativa de ámbito autonómico que afecta a actividade do/a ceramista.

11º. Institucións públicas e privadas de ámbito autonómico con función no eido da protección, asesoramento, promoción e regulamentación da actividade do/a ceramista.

Criterios de avaliación:

Valorarase a capacidade do/a alumno/a para:

1º. Ante supostos de índole socio-laboral, seleccionar o marco legal e xurídico, xeral e específico que lle serve de referencia, e explicalo utilizando con corrección a terminoloxía específica da materia.

2º. Amosar iniciativa na busca activa de distintas vías de acceso ao emprego e a formación permanente, e elaborar unha listaxe útil de organismos, institucións, programas e accións públicas e privadas dedicadas a tal fin.

3º. Redactar o plan de creación e organización dun taller cerámico artesán ou dunha pequena ou mediana empresa cerámica, na cal se consideren os aspectos xurídicos e socio-laborais correspondentes, os recursos materiais e humanos necesarios, as accións de mercado, comercialización e distribución dos produtos e os mecanismos de seguridade laboral ambiental e de prevención de riscos exixidos para iniciar o seu funcionamento.

4º. Elaborar conclusións argumentadas ao respecto da importancia do marco xurídico, legal e normativo específico na fabricación cerámica, na calidade da actividade produtiva e na vida laboral e persoal.

5º. Manifestar unha actividade positiva de autocrítica e de cooperación, tanto nas sesións de traballo na clase como nas oportunidades de traballo en equipo que se formulen durante o curso.

6º. Valorar as medidas establecidas pola lexislación para a conciliación da vida laboral e familiar e para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

7º. Valorar o principio de non-discriminación e de igualdade de oportunidades no acceso ao emprego, nas condicións de traballo e no desenvolvemento profesional.

3. Fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres.

Obxectivos:

1. A fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres ten como obxectivos os seguintes:

1º. Completar a formación académica do alumnado mediante a integración nas rutinas diarias de traballo dunha empresa cerámica ou taller artesanal e a realización das funcións profesionais correspondentes ao seu nivel formativo.

2º. Facilitar a toma de contacto dos/as alumnos/as co mundo do traballo e a incorporación ao sistema de relacións sociais, laborais e técnicas da empresa.

3º. Contrastar os coñecementos, formación e capacitación acadados no centro docente coa realidade empresarial e laboral do sector cerámico.

4º. Permitir ao alumnado que, a través do contacto coa empresa, incorpore á súa formación os coñecementos sobre a propia especialidade, a situación e relacións de mercado, as tendencias artísticas e culturais, a organización e coordinación do traballo, a xestión empresarial, as relacións socio-laborais na empresa etc. necesarios para o inicio da actividade laboral.

5º. Acadar os coñecementos técnicos de útiles, ferramentas, materiais e maquinaria que, pola súa especialización, custo ou novidade, non están ao alcance do centro docente.

6º. Participar de xeito activo nas fases do proceso de produción cerámica baixo as orientacións do/a titor/a ou coordinador/a correspondente.

7º. Aplicar os coñecementos, habilidades e destrezas acadadas durante o período de formación teórica e práctica impartida no centro docente.

2. O seguimento e avaliación da fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres correspondelle ao/á titor/a de prácticas designado/a polo centro docente, quen tomará en consideración o grao de cumprimento dos obxectivos e a valoración que realice a empresa, estudo ou taller.

4. Atribución docente.

Ao abeiro do artigo 96 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en tanto non se teña desenvolvido o establecido nel, e tendo en conta o disposto no anexo IV ao Real decreto 37/2010, do 15 de xaneiro, a competencia docente para os módulos que se impartan no centro docente será a sinalada no presente decreto, segundo a preferencia marcada pola cifra anteposta.

Competencia docente dos/as funcionarios/as pertencentes aos corpos de profesores/as e mestres/as de taller de artes plásticas e deseño para impartición dos módulos correspondentes ás ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística, da familia artística profesional de cerámica artística:

Módulos

Profesores/as de Artes Plásticas e Deseño

Mestres/as de Taller de Artes Plásticas e Deseño

Debuxo artístico

Debuxo artístico e cor

------------------------------------

Debuxo técnico

Debuxo técnico

------------------------------------

Volume

Volume

------------------------------------

Historia da cerámica

Historia da arte

Materiais e tecnoloxía: Ccerámica

Materiais e tecnoloxía: cerámica e vidro

------------------------------------

Medios informáticos

Medios informáticos

------------------------------------

Taller cerámico

------------------------------------

Técnicas cerámicas

Proxectos de cerámica artística

Cerámica

Técnicas cerámicas

Proxecto integrado

Cerámica

Técnicas cerámicas

Formación e orientación laboral

Organización industrial e lexislación

---------------------------------------