Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 15 de decembro de 2014 Páx. 51103

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 1 de decembro de 2014 pola que se ditan normas relativas ao recoñecemento do complemento salarial de antigüidade ao persoal laboral temporal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola Orde da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 6 de agosto de 2003 dítanse as normas sobre o recoñecemento do complemento salarial de antigüidade ao persoal laboral temporal ao servizo da Xunta de Galicia. Esta orde foi modificada pola Orde do 21 de febreiro de 2008, co fin de mellorar o procedemento e axilizar a tramitación correspondente.

O 22 de decembro de 2010, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea dita unha sentenza que obriga o Estado español a aplicar a Directiva/CE 1999/70, que sinala que o persoal interino ou temporal ten dereito á percepción de retribucións en concepto de antigüidade (trienios).

Así mesmo, o Tribunal Supremo, en diversas sentenzas, aplica o criterio de igualdade no recoñecemento de antigüidade ao persoal laboral temporal nos mesmos termos que ao persoal laboral fixo, agás que os criterios de cómputo de antigüidade, diferentes para cada colectivo, veñan xustificados por razóns obxectivas.

Tendo en conta a dita sentenza, así como a xurisprudencia do Tribunal Supremo e numerosas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que recoñecen o dereito destes traballadores a percibir retribucións en concepto de antigüidade polos servizos prestados en calquera Administración pública, faise necesario modificar a normativa autonómica que limita o recoñecemento do complemento salarial de antigüidade para o persoal laboral temporal aos servizos efectivamente prestados na Administración da Xunta de Galicia, exclusivamente, como tal persoal, incluído no ámbito do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e recoñecerlle para estes efectos os servizos prestados en calquera Administración pública.

Así mesmo, para conseguir unha eficaz xestión dos expedientes de recoñecemento de trienios ao persoal laboral temporal desta administración, evitando atrasos innecesarios na percepción do complemento por parte do persoal que completa os servizos necesarios, vaise proceder a realizar o recoñecemento dos trienios de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública o mesmo que ocorre co persoal laboral fixo, que permita a axilización da tramitación correspondente.

Por isto, esta consellería, en virtude das competencias atribuídas polo texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, o V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e demais normativa de aplicación, e co informe favorable do Comité Intercentros, do 11 de novembro de 2014,

DISPÓN:

Artigo 1. Persoal laboral temporal que teña servizos prestados como persoal da Administración autonómica incluído no ámbito de aplicación do convenio colectivo

En aplicación do disposto no artigo 26.1 do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, ao persoal laboral temporal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que estea prestando servizos nesta Administración recoñeceránselle os trienios correspondentes por cada tres anos de servizos prestados.

Os trienios serán recoñecidos de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública, sen que sexa necesario presentar unha petición expresa por parte dos interesados.

Artigo 2. Persoal laboral temporal que teña servizos prestados como persoal da Administración autonómica non incluído no ámbito de aplicación do convenio colectivo

1. Aquelas persoas que prestasen servizos na Administración da Comunidade Autónoma como persoal non incluído no ámbito de aplicación do vixente convenio colectivo (servizos como funcionario interino, Servizo Galego de Saúde...) e estean desempeñando un posto de traballo como persoal laboral temporal, deberán acreditar estes servizos ante a unidade administrativa de persoal da consellería/organismo onde estea destinado actualmente para proceder á súa validación. Esta consellería/organismo expedirá o correspondente certificado, conforme o modelo anexo, que deberá remitir á Dirección Xeral de Función Pública.

Deste certificado darase unha copia ao interesado.

2. Os efectos económicos do complemento persoal de antigüidade que se recoñecese en aplicación do disposto neste artigo terá lugar a partir da data da solicitude que presente o interesado acreditando os servizos correspondentes, procedendo a regularizarse as súas retribucións e a satisfacer aquelas cantidades devindicadas durante o ano anterior á solicitude do interesado, en concepto de antigüidade, en virtude do disposto no artigo 59.2 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 3. Persoal laboral temporal que teña servizos prestados como persoal doutras administracións públicas

1. Aquelas persoas que prestasen servizos noutras administracións públicas e estean desempeñando un posto de traballo como persoal laboral temporal nesta administración, deberán presentar certificación orixinal, conforme o modelo anexo, dos servizos prestados asinada polo órgano competente na unidade administrativa de persoal da consellería/organismo onde estean destinados actualmente.

Esta consellería/organismo, á vista do/s certificado/s presentado/s polo interesado, deberá dar a súa conformidade e remitilo/s á Dirección Xeral da Función Pública.

2. Os efectos económicos do complemento persoal de antigüidade que se recoñecese en aplicación do disposto neste artigo terán lugar a partir da data da solicitude que presente o interesado acreditando os servizos correspondentes, procedendo a regularizarse as súas retribucións e a satisfacer aquelas cantidades devindicadas durante o ano anterior á solicitude do interesado, en concepto de antigüidade, en virtude do disposto no artigo 59.2 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 4. Cómputo dos servizos

A Dirección Xeral da Función Publica recoñecerá o trienio que proceda de conformidade cos servizos prestados polo/a traballador/a, que se acumularán por orde cronolóxica. Ningún período de tempo poderá computarse máis dunha vez.

Os períodos de tempo non computados para o recoñecemento dun trienio serán tidos en conta pola Dirección Xeral da Función Pública para a súa acumulación ao/s seguinte/s período/s en que preste servizos a persoa, de ser o caso.

Artigo 5. Servizos prestados a tempo parcial e con carácter descontinuo

1. Para o recoñecemento dos trienios, os servizos prestados a tempo parcial computaranse como se o fosen a tempo completo, e a remuneración será proporcional á establecida para os/as traballadores/as a xornada completa. Na credencial de recoñecemento do trienio, figurará a porcentaxe do valor do trienio ordinario, en atención á xornada laboral que corresponda á persoa na data en que o perfeccione.

Os trienios perfeccionados baixo esta modalidade percibiranse sempre nesa contía.

2. Os servizos prestados nun posto clasificado como descontinuo na relación de postos de traballo computaranse como se se prestasen todo o ano (12 meses), e a remuneración será proporcional ao tempo traballado.

Na credencial de recoñecemento do trienio figurará a porcentaxe do valor do trienio ordinario.

Os trienios perfeccionados baixo esta modalidade percibiranse sempre nesa contía.

Disposición adicional. Habilitación

Habilítase o titular da dirección xeral competente en materia de función pública para adoptar os actos e medidas necesarias para a execución desta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterá a súa vixencia mentres non se dispoña expresamente a súa derrogación, coa excepción daqueles aspectos que deveñan inaplicables por contravir normas de rango superior.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2014

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

Anexo
Certificado de servizos prestados

missing image file