Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Mércores, 28 de xaneiro de 2015 Páx. 4199

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN conxunta do 16 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos e da Escola Galega de Administración Sanitaria, pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde.

Os coñecementos e as capacidades dos profesionais das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde determinan, en gran medida, a calidade dos servizos sanitarios dispensados aos usuarios.

Neste sentido, a formación continua amósase como unha das ferramentas máis adecuadas para mellorar e adecuar, pola vía da capacitación dos profesionais, os servizos sanitarios ás demandas dos usuarios.

Para tal fin, xa en anos anteriores foron aprobados e executados, no marco dos acordos de formación continua, os plans de formación continua do persoal de institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Os citados plans tiveron un alto grao de participación e aceptación por parte dos profesionais receptores, e abrangueron a totalidade das profesións que se desenvolven no organismo.

Xa que logo, cómpre continuar con este plan na liña de actuación seguida, no intento de completar os aspectos formativos máis relevantes xa impartidos en anos anteriores, e iniciar o tratamento en materias novas de notoria e notable relevancia no marco da asistencia sanitaria.

Tras a creación, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 19 de decembro de 1997, da Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), que ten como finalidade primordial a formación continua e o perfeccionamento técnico de todo o persoal do Servizo Galego de Saúde, todos os anos se asina entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Fegas un convenio de colaboración a través do cal a organización, xestión e execución de toda a actividade docente incluída nos plans de formación continua lle corresponde á Fegas, e a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde reserva para si a negociación coas organizacións sindicais do contido do plan, así como a negociación e aprobación dos criterios de selección dos participantes nos distintos cursos de formación.

Este plan foi impulsado no seu deseño e elaboración pola Dirección Xeral de Recursos Humanos e a Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación do Servizo Galego de Saúde a través do Consello de Formación Continua, composto por representantes do Servizo Galego de Saúde, da Fegas e das organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-F, asinantes do acordo de formación continua.

Así, tras unha primeira proposta de actividades formativas elaborada pola Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación, escoitadas as comisións de formación de cada centro, se presentou no seo do Consello de Formación Continua do Servizo Galego de Saúde.

Por todo iso e coa finalidade de darlle á formación a continuidade adecuada que a faga realmente efectiva, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, logo do informe das centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-F, xunto coa Fegas, resolve facer pública a convocatoria para participar nos cursos que conforman o Plan de formación continua do persoal do Servizo Galego de Saúde para o ano 2015, elaborado no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Plan Afedap), que deberá resolverse consonte as bases que, a seguir, se indican.

A execución das accións formativas recollidas neste plan queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible.

Bases

Primeira. Requisitos de participación

Poderán participar nas accións formativas do Plan Afedap todas/os as/os profesionais que presten ou prestasen servizos nas institucións do Servizo Galego de Saúde, as/os aspirantes a vinculacións temporais no ámbito das institucións do Servizo Galego de Saúde, ao abeiro do pacto de selección temporal vixente en cada momento, así como o persoal pertencente ás fundacións públicas sanitarias ou empresas públicas adscritas á Consellería de Sanidade integrado no réxime estatutario.

As persoas interesadas en participar nas actividades formativas deberán cumprir os requisitos exixidos para cada curso.

Non poderán participar nas actividades formativas as persoas solicitantes incluídas na listaxe de persoal seleccionado que, ao inicio do curso, se atopen en situación de baixa laboral por incapacidade temporal. Esta incidencia comunicaralla, por escrito, a persoa afectada á Fegas, para os efectos de cubrir a vacante e evitar a penalización que comportaría a súa falta de comunicación, prevista na cláusula sexta.

O persoal que estea desfrutando dun permiso por parto, adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, adopción internacional ou excedencia para o coidado de fillos e familiares poderá participar nas actividades formativas, consonte establecen os artigos 57.4 e 76 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e a disposición adicional décimo novena, punto trece, da Lei orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Segunda. Solicitudes

As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de preinscrición telemática na páxina web da Fegas (www.fegas.es).

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso nos doce meses seguintes. A Fegas reserva para si o dereito a solicitar a información necesaria para verificar tales datos.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan consignados correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo das persoas solicitantes.

Aínda así, durante o prazo de inscrición, en caso de erro ao cubrir a solicitude, poderá anularse esta, utilizando o procedemento establecido na base sexta desta convocatoria e realizar, de ser o caso, unha nova petición (sen superar o máximo das seis inscricións anuais permitidas).

Ante eventuais incidencias, as/os aspirantes deberán imprimir unha copia do formulario de preinscrición enviado telematicamente ou conservar o que recibisen no seu correo electrónico, para o cal deberán prestar especial atención á consignación de datos, comprobando que o enderezo de correo electrónico estea correctamente consignado.

Os profesionais incluídos no artigo 45 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na disposición adicional décimo novena da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, ademais das persoas discapacitadas, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, que desexen que se lles teña en conta, para os efectos do disposto na base cuarta, deberán remitir, no prazo establecido para o envío da solicitude de preinscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada acreditativa da súa situación ao seguinte enderezo:

Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), avenida Fernando de Casas Novoa, Edificio CNL nº 37, portal A-1ª planta, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

A consignación dos datos da solicitude e o seu envío telemático non implicará a admisión inmediata á actividade formativa seleccionada, que se producirá nos termos indicados na cláusula quinta.

Só se poderá solicitar a participación nun máximo de seis cursos por ano.

Terceira. Prazos de inscrición

Para as edicións das accións formativas do primeiro semestre: do 2 ao 20 de febreiro de 2015, ambos incluídos.

Para as edicións das accións formativas do segundo semestre: do 1 ao 20 de xuño de 2015, ambos incluídos.

Cuarta. Criterios de selección de alumnos

Os criterios de selección para participar nas accións formativas convocadas ao abeiro do Plan de formación continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde serán os que a seguir se detallan, tendo en conta que, en todo caso, se reservará en cada actividade formativa unha cota do 5 % para ser cuberta por persoas discapacitadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poidan acreditalo e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria para cada actividade:

1. Resultar, a persoa solicitante, destinataria da acción formativa concreta, de conformidade co establecido no anexo para cada curso.

2. Unha vez aplicado o criterio anterior, de existiren máis solicitudes que prazas, terán prioridade as/os aspirantes que realicen tarefas máis directamente relacionadas co contido básico e cos obxectivos do curso. Con esta finalidade, na solicitude deberán detallarse as tarefas que sexan máis representativas do posto de traballo e que garden relación específica cos contidos da actividade, non se valorarán as funcións que non fosen indicadas.

3. Menor número de cursos realizados nos dous anos anteriores.

4. Terán prioridade os profesionais con vínculo fixo sobre os temporais.

5. Terán prioridade os empregados públicos que acrediten maior tempo de servizos prestados no ámbito de institucións sanitarias públicas da Unión Europea. Este dato facilitaráselle directamente á Fegas das bases de datos de persoal. A persoa solicitante deberá achegar unicamente, nos prazos establecidos para o envío das solicitudes de preinscrición, certificación orixinal ou copia compulsada dos servizos prestados fóra do sistema público de saúde de Galicia, que deberá ser remitida á Dirección da Fegas.

6. En cada un dos tres puntos anteriores terán preferencia na selección as/os aspirantes que nos últimos dous anos estean utilizando ou utilizasen unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para coidado de familiares, de acordo co previsto no artigo 45 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Así mesmo, terán preferencia para participaren nos cursos de formación as/os aspirantes que, durante o ano anterior á data de publicación desta convocatoria, se incorporasen ao servizo activo procedentes do permiso de maternidade ou paternidade, ou reingresasen desde a situación de excedencia por razóns de garda legal e atención a persoas maiores dependentes ou persoas con discapacidade, de acordo co previsto no artigo 60.1 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Ademais, e de conformidade co disposto no artigo 37 bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, engadido pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e na súa disposición adicional primeira, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un cincuenta por cento das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, que accederán á quenda reservada só se non houber suficientes solicitudes de participación de mulleres.

7. Por último, no caso de empate, resolverase por sorteo.

8. A Fegas poderalles ofrecer ás/aos admitidas/os nunha actividade formativa anulada a súa incorporación voluntaria noutra edición desa mesma actividade, sempre que nesta última haxa vacantes. Neste suposto, o chamamento ás/aos admitidas/os será pola orde de admisión da actividade anulada.

Quinta. Publicación das listaxes de admitidos/as

Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web da Fegas a listaxe provisional de admitidas/os e excluídas/os na acción formativa concreta, así como as causas da súa exclusión.

Ademais, enviarase un SMS a xeito de recordatorio ás/aos admitidas/os en cada acción formativa, sempre que se dispoña na base de datos da Fegas dun número de teléfono móbil. Estas mensaxes son simplemente informativas e non eximen as/os aspirantes de consultar a páxina web da Fegas.

As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da listaxe provisional, para poder emendar, de ser o caso, o defecto ou defectos que motivasen a exclusión e formular as reclamacións que coiden pertinentes.

Unha vez rematado o prazo e resoltas pola Fegas as reclamacións presentadas, logo de informe da comisión paritaria respectiva, de ser o caso, publicarase na páxina web da Fegas, cunha antelación mínima de cinco días naturais ao inicio do curso, a listaxe definitiva de admitidas/os e excluídas/os.

En ningún caso se admitirá a asistencia de persoas na condición de oíntes.

Sexta. Anulación de reserva

Se a/o aspirante seleccionada/o para a realización dunha actividade formativa decide non asistir a ela, deberá comunicar a súa renuncia a través da páxina web da Fegas cunha antelación mínima de catro días naturais á data fixada para o inicio da citada actividade.

De non facelo así, e agás motivo xustificado, baseado en causa de forza maior ou acontecemento imprevisible, non será admitida/o en ningunha outra actividade formativa no transcurso dos doce meses seguintes.

Sétima. Certificación de asistencia

Os profesionais que superen as actividades en que sexan admitidos terán á súa disposición a certificación, que poderán visualizar no seu expedient-e (Fides), que estará validada de xeito automático. Emitiranse e remitiranse certificacións en papel nos casos en que sexa solicitado polo/a interesado/a, vía correo electrónico (certificacions.fegas@sergas.es) e xustificado o motivo desta solicitude.

Para considerar que a acción formativa se superou, ten que constatarse a asistencia ás horas lectivas cunha ausencia máxima do 10 % da súa duración, para o cal, durante o desenvolvemento da actividade, as persoas participantes deberán asinar nos controis de entrada e saída que se establezan. Ademais, no suposto de que os cursos exixan a realización dalgunha proba ou traballo, expediráselles o certificado unicamente ás/aos alumnas/os que a superen.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2015

P.S. (Artigo 18.3 Decreto 43/2013 e 9.d)
Orde do 5.7.2012)
Mª Jesús Rúa Moure Pablo Galego Feal
Subdirectora xeral de Selección Director da Escola Galega
e Políticas de Persoal de Administración Sanitaria