Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 16 de marzo de 2015 Páx. 10650

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 4 de marzo de 2015 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2015.

A estrutura e dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición e utilización da maquinaria e equipamentos e os altos custos de amortización que xera a utilización de maquinaria individualmente fan necesario o impulso de modelos de utilización de maquinaria e equipamentos de forma colectiva orientados a abordar conxuntamente os traballos no eido agrícola e gandeiro.

Estes modelos melloran a eficiencia dos procesos produtivos nas explotacións agrarias, así como as condicións de traballo, desde a dobre vertente, cuantitativa e cualitativa, e contribúen, así, á creación de unidades produtivas máis eficientes e sustentables, económico-social e ambientalmente, o que redunda nunha mellora da calidade de vida da poboación dedicada ás actividades agrarias e, por conseguinte, tamén a unha maior fixación da poboación no medio rural.

Estas actuacións enmárcanse dentro do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 368, do 23 de decembro), polo que se establecen as disposicións de aplicación do antedito regulamento.

As axudas reguladas nesta orde van dirixidas á realización de investimentos para a mellora dos sistemas produtivos das explotacións agrarias no marco normativo anteriormente referido e en concordancia coas liñas estratéxicas comunitarias e estatais, reflectidas tamén na redacción do Programa de desenvolvemento rural para o período 2007-2013.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

Dispoño:

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 (procedemento MR351A), así como convocalas para o ano 2015.

2. Esta axuda ten como finalidade:

a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.

b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.

c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

3. As solicitudes desta axuda tramitaranse de acordo coa presente orde.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios da axuda regulada nesta orde:

a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (en diante CUMA), as sociedades agrarias de transformación (en diante SAT), que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro), de cooperativas de Galicia, así como outras agrupacións con personalidade xurídica propia, e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade: as comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendentes superiores ao 15 % e asociacións de faba e castaña.

b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.

c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións, nos 5 anos posteriores á súa constitución.

Artigo 3. Investimentos subvencionables

1. Os investimentos subvencionables son os seguintes:

a) Maquinaria agrícola.

b) Estudos técnico-económicos de viabilidade.

2. Non se subvencionarán:

a) A mera reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables.

b) Os investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais nin máquinas de pequena significación para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

c) As subvencións da maquinaria e dos equipamentos de carácter forestal.

3. Os investimentos subvencionables especificados neste artigo terán, en todo caso, que axustarse ao establecido no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Artigo 4. Requisitos para todas as entidades beneficiarias da axuda

1. Deberán cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Deberán ter un número mínimo de:

a) Seis socios nas CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario e cooperativas agrarias.

b) Catro socios nas cooperativas de explotación comunitaria da terra e tres socios nas SAT procedentes de fusión.

c) Sete socios no caso de entidades con personalidade xurídica propia e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade.

Este número mínimo de socios deberase manter nos cinco anos posteriores á data da solicitude de pagamento da axuda.

3. Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.

4. Non poderán vender, doar nin ceder en uso os bens obxecto de subvención antes de cinco anos desde a data da solicitude de pagamento da axuda, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente.

5. Utilizarán en exclusiva a maquinaria subvencionada para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións, aínda que, para favorecer unha maior eficiencia na súa utilización, se poderá compartir a maquinaria entre varias entidades que subscriban entre si acordos de cooperación e/ou servizos a terceiros, sempre que non superen o 50 % do total das actividades realizadas, de acordo co estipulado no artigo 111.7 da Lei de cooperativas de Galicia.

6. No caso das CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal en común e as cooperativas agrarias recollidas no artigo 2.1.a) e b), están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da súa maquinaria, así como un programa de control e xestión específico para ela, que lles permita establecer e analizar os seus custos.

7. Deberán inscribir a maquinaria obxecto de axuda no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) e matriculala cando a tipoloxía da máquina o requira, como moi tarde no momento de presentar a solicitude de pagamento da axuda. No caso de investimentos vinculados á fase de produción agraria non inscritibles no ROMA, deberán presentar documentación acreditativa da súa homologación. A comprobación deste requisito farase no caso de máquinas inscritibles no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola polo certificado oficial da primeira inscrición e, no caso de bens non inscritibles nun rexistro público, mediante un certificado emitido pola empresa vendedora en que se acredite que se trata dunha máquina nova.

8. Non terán a consideración de empresa en crise. No caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01), considerándose que unha empresa intermedia está en crise se concorre polo menos unha das circunstancias a que se fai referencia no punto 20, letras a), b), c) e d) das ditas directrices. Mentres que no caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

9. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

10. Deberán cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate, como establece o artigo 26 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo ás axudas Feader. Este requisito comprobarase mediante os documentos que acrediten a homologación da máquina segundo as normas comunitarias na materia da maquinaria de que se trate, os cales se presentarán coa solicitude de pagamento.

11. Deberán comprometerse a non allear a máquina ou o equipamento agrario para o cal se solicitou a axuda durante un período de cinco anos a partir da súa adquisición. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar o importe obtido e os xuros correspondentes, nos termos previstos no artigo 7 do Regulamento (EU) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014 polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e da condicionalidade.

a) No caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, se for o caso, os xuros calculados conforme o disposto no número 2.

b) Os xuros de mora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o agricultor indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

12. Deberán dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben de estar incluídos os gastos declarados para esta axuda, tal como se establece no artigo 75.1.c) i) do Regulamento (CE) 1698/2005.

13. Os beneficiarios teñen a obriga de someterse aos controis administrativos, controis sobre o terreo e controis a posteriori, previstos na normativa comunitaria de aplicación ao establecido no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e da condionalidade.

Artigo 5. Requisitos específicos para as CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario

1. Nas entidades de nova constitución a maioría dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais.

2. Os socios deberán permanecer na entidade un mínimo de 5 anos desde a data de solicitude de pagamento da axuda, exceptuando os dos supostos de baixa xustificada previstos nos seus estatutos.

3. As entidades deberán establecer no seu regulamento de réxime interno (RRI) as medidas de carácter económico en que se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e tendo en conta os criterios establecidos no estudo técnico-económico de viabilidade, así como as medidas de carácter funcional.

4. Os socios da entidade están obrigados a utilizar nas súas explotacións os bens obxecto da axuda por un período mínimo de 5 anos desde a solicitude de pagamento da axuda, nos termos establecidos e asinados no RRI.

Artigo 6. Requisitos específicos para as cooperativas agrarias

1. As cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria ou que presten servizo de maquinaria agrícola aos seus socios procurarán que os servizos ofertados cheguen á maior parte dos socios e, salvo razóns de extraordinaria inviabilidade económica ou material, a todos os socios que así o demanden, con prioridade aos agricultores profesionais.

2. Deberán establecer as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e das normas internas de funcionamento, que terán que ser necesariamente coñecidas polo conxunto dos socios e suficientes para garantir a continuidade do servizo de maquinaria e favorecer a súa viabilidade económica e funcional.

3. Deberán acreditar un importe neto da cifra de negocio anual de polo menos 300.000 €.

Artigo 7. Documentación que deben presentar todas as entidades solicitantes da axuda

1. Anexo I.

2. Anexo II (certificación da acta da reunión do consello reitor da entidade asociativa en que se acorda solicitar a subvención).

3. Anexo III (certificación dos compromisos e obrigas exixidos na orde).

4. Copia cotexada do NIF da entidade solicitante, só no caso de que denegue expresamente a súa verificación; e copia cotexada do DNI do representante, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

5. No caso de novas entidades que presenten por primeira vez solicitudes de axuda, copia cotexada da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Así mesmo, nas entidades que xa presentaran solicitude de axuda noutras convocatorias deberán presentar os estatutos se fosen modificados.

6. Copia da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia cotexada do impreso de alta no Censo de actividades económicas.

7. Copia do balance, conta de resultados e do TC2 da empresa do último exercicio, debidamente cotexados.

8. Memoria xustificativa asinada polo presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa como mínimo, e na mesmo orde, os seguintes puntos:

a) Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, datos básicos da estrutura das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros, etc.

b) Relación nominal dos socios e, de ser o caso, dos agricultores aos cales se lles vai prestar o servizo, incluíndo DNI, enderezo e condición de socio ou non socio.

9. Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria, o cal se acreditará documentalmente. O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda, e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:

a) Investimentos que se realizarán, xustificando a súa necesidade.

b) Descrición técnica.

c) Carga de traballo prevista.

d) Rendementos previstos.

e) Orzamento desagregado.

f) Custos horarios.

g) Financiamento previsto.

h) Análise económica da súa viabilidade, que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor engadido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa.

10. No caso das cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT procedentes de fusión, deberán presentar a relación das explotacións participantes na fusión e certificado acreditativo da súa titularidade.

11. En todos os casos deberanse presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 48 do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

12. No caso de investimentos en maquinaria e equipamento non inscritible no ROMA, deberán presentar documentación acreditativa da súa homologación.

13. Certificado emitido polo secretario da entidade asociativa, co visto e prace do presidente, no que figure o valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda.

14. Certificado emitido polo secretario da entidade asociativa, co visto e prace do presidente, no que figure a facturación media aos socios do parque de maquinaria nos tres anos anteriores ao ano de solicitude da axuda.

Artigo 8. Documentación que presentarán as CUMA ou SAT que teñen como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e cooperativas agrarias

1. Copia cotexada do acordo asembleario en que se aprobe o regulamento de réxime interno (RRI).

2. As entidades asociativas agrarias que xa solicitasen axudas para o mesmo fin en exercicios anteriores deberán presentar:

a) Copia cotexada do libro de rexistro da maquinaria, así como do programa de control e xestión desta, en soporte dixital, correspondente ao ano anterior á solicitude, que inclúa xustificación da imputación de custos fixos.

b) Relación informatizada de usuarios dos servizos de maquinaria da entidade, especificando a súa condición de socios ou non socios e o importe facturado a cada un deles.

3. No caso de CUMAS e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario e agroforestal e que sexan de nova creación, xustificación acreditativa de que máis do 50 % dos socios que utilizan os servizos obxecto de axuda son agricultores profesionais, mediante algún dos seguintes documentos:

a) Certificado de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

b) No caso de non dispor da cualificación como prioritaria, fotocopia cotexada da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria ou doutras acreditadas coa presentación do informe de vida laboral.

4. As entidades asociativas agrarias que formen parte ou participen en proxectos de integración deberán acreditar a constitución efectiva da nova entidade asociativa e o proceso levado a cabo. No caso de intercooperación presentarán convenio ou acordo que recolla os requisitos establecidos nesta orde e no cal se establece o marco de cooperación na utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal, para poderen solicitar e beneficiarse das axudas que se establecen nesta orde.

5. Nas CUMA e SAT os socios deberán presentar un documento de compromiso, asinado polo interesado, de utilización dos bens obxecto da axuda por un período mínimo de cinco anos desde a data de solicitude de pagamento da axuda, segundo o anexo IV. Así mesmo, neste documento declararán que non dispoñen de maquinaria das mesmas características que aquelas para as cales solicita a subvención e de que coñecen o contido do regulamento de réxime interno.

Artigo 9. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria que se incorpore á solicitude poderá presentarse electrónicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude de axuda, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Ademais, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas o órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor da consellería con competencia en materia agraria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administracións Públicas. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e entón debe presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Estas certificacións son:

a) No caso da Axencia Estatal da Administración Tributaria: certificado de estar ao día de débedas previamente á aprobación e pagamento da axuda concedida, e certificado de ingresos agrarios nas declaracións do IRPF dos últimos cinco anos presentadas polo/a solicitante durante todo o período de compromisos establecido no artigo 4.2.a).

b) No caso da Tesouraría Xeral da Seguridade Social: certificado de estar ao día de débedas previamente á aprobación e pagamento da axuda concedida, e informe de vida laboral actualizado durante todo o período de compromisos.

c) No caso da Consellería de Facenda e Administracións Públicas: certificado de estar ao día de débedas previamente á aprobación e pagamento da axuda concedida.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 11. Contía económica das axudas

1. A intensidade máxima de axuda non superará o 40 % do investimento auxiliable, agás se a entidade está nunha zona desfavorecida ou de montaña, definidas no artigo 50 do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), caso en que a axuda poderá acadar o 50 % do investimento auxiliable.

2. Gastos en estudos técnico-económicos de viabilidade sobre os investimentos obxecto de axuda ata un máximo de 500 € de subvención.

3. O investimento máximo elixible será de 500.000 €.

4. Naqueles caso en que unha cooperativa solicitante proceda da fusión de dúas o máis cooperativas realizada nos dous anos anteriores á data de solicitude, o investimento máximo elixible incrementarase ata os 650.000 €.

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes e desempate

1. Ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de prioridade indicados neste artigo e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

2. Para a selección das peticións que se aprobarán, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Atendendo á tipoloxía da entidade solicitante:

1º. Cooperativa agraria con sección específica de maquinaria ou CUMA: 8 puntos.

2º. Cooperativa agraria con servizo de maquinaria: 6 puntos.

3º. SAT que teña por obxecto social prioritario a utilización de maquinaria agrícola en común: 4 puntos.

4º. SAT procedente de fusión ou cooperativa de explotación comunitaria da terra: 2 puntos.

5º. Outras entidades con personalidade xurídica propia: 1 punto.

b) Atendendo á porcentaxe de mulleres que integren o consello reitor da entidade solicitante:

1º. Máis do 50 %: 3 puntos.

2º. Do 40 % ao 50 %: 1 punto.

c) Atendendo ás solicitudes de axuda presentadas nos últimos anos:

1º. Aquelas entidades que non presentaron ou non se lles concedeu subvención con cargo ás convocatorias destas axudas para o ano 2014: 3 puntos.

2º. Aquelas entidades que non presentaron ou non se lles concedeu subvención con cargo á convocatoria destas axudas para o ano 2013: 2 puntos.

d) Atendendo ao valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda:

1º. Parque de maquinaria con valor contable igual ou superior a dous millóns de euros: 3 puntos.

2º. Parque de maquinaria con valor contable igual ou superior a un millón de euros e inferior a dous millóns: 2 puntos.

3º. Parque de maquinaria con valor contable superior a medio millón de euros e inferior a un millón: 1 punto.

e) Atendendo á facturación media aos socios do parque de maquinaria nos tres anos anteriores ao ano de solicitude da axuda:

1º. Facturación media do parque de maquinaria igual ou superior a un millón de euros: 3 puntos.

2º. Facturación media do parque de maquinaria igual ou superior a medio millón de euros e inferior a un millón: 2 puntos.

3º. Facturación media do parque de maquinaria igual ou superior a cen mil euros e inferior a un medio millón: 1 punto.

3. En caso de igualdade na aplicación do baremo terán prioridade as entidades solicitantes ás cales non se lles concedese esta subvención no ano 2014. Se aínda persistise o empate, terase en conta en segundo lugar a maior puntuación obtida no criterio de valoración referente á tipoloxía da entidade solicitante e, por último, se aínda continúa o empate, as solicitudes que sumen unha maior puntuación nas alíneas d) e e) do anterior apartado.

Artigo 13. Tramitación, condicións e resolución

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2. Presentada a solicitude, revisarase e, no caso de que conteña defectos ou omisións, concederase un prazo de dez días hábiles para a súa emenda, coa indicación de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 20.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. A notificación deste feito será individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. A resolución do procedemento corresponderá ao Secretario Xeral do Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

4. As condicións de concesión son as establecidas nesta orde.

5. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 2 meses desde a publicación desta orde. Se, transcorrido o prazo para resolver, ao interesado non lle é notificada a resolución, entenderase desestimada por silencio negativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos. Ademais na resolución aprobatoria indicarase o prazo de execución dos investimentos aprobados, así como que a operación é cofinanciada polo Feader, dentro do eixe prioritario 1, de mellora da competitividade do sector agrario e forestal de Galicia.

Artigo 14. Recursos administrativos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 15. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural e do Mar farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader, e informarase tamén os beneficiarios do eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural en que están incluídas estas axudas.

2. Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 e 500.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa ou un panel publicitario, respectivamente, onde figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema do Feader «Europa inviste no rural».

3. Así mesmo, neste senso deberase tamén cumprir o establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Prazo de xustificación e solicitude de pagamento da subvención

1. Os investimentos xustificaranse ata o 15 de setembro de 2015, inclusive.

2. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Comunicación de realización dos investimentos, segundo o modelo do anexo VI.

b) Solicitude de pagamento segundo o modelo do anexo VII.

c) Os xustificantes de gastos, que consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de setembro). No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «Cofinanciado con fondos comunitarios». Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento orixinal ou cotexado que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo. Non se admitirán procedementos de financiamento mediante leasing ou renting.

d) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo o artigo 12, alínea d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, segundo o modelo do anexo V.

e) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

3. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda.

Artigo 17. Controis, reducións, exclusións e sancións

1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria será a responsable de efectuar os seguintes controis en aplicación do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello:

a) En todos os casos:

– Control administrativo sobre o 100 % das solicitudes de axuda e de pagamento. As solicitudes de axuda que superen este control serán proposta para aprobación polo Servizo de Explotacións Agrarias. De entre elas seleccionarase por concorrencia competitiva as que serán aprobadas. Por outra banda se no control administrativo da solicitude de pagamento se detectaren discrepancias co solicitado polo beneficiario, e logo de requirimento para que corrixa a súa solicitude, aplicarase o réxime de reducións e exclusións establecido no número 2 deste artigo, e recollido no artigo 30 do Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

– Control administrativo sobre o 100 % das solicitudes de pagamento. As que superen este control serán propostas para o pagamento.

– Control sobre o terreo sobre unha porcentaxe das solicitudes de pagamento que superen o control administrativo da solicitude de pagamento.

– Control a posteriori sobre unha porcentaxe dos expedientes xa pagados e que estean dentro do período de cumprimento de compromisos.

b) Ademais dos anteriores, comprobarase o cumprimento do estudo de viablidade sobre unha porcentaxe dos expedientes xa pagados e que estean dentro do período de compromisos.

2. Os pagamentos calcularanse sobre a base do que se considera elixible, tras determinar:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pagamento. Para tal efecto, tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

A cantidade que se pagará ao beneficiario será a definida no importe b). Cando o importe a) supera o importe b) en máis dun 3 %, a cantidade pagadoira é igual ao importe b) menos a diferenza entre os dous importes. Esta redución non se aplicará cando o beneficiario poida demostrar que non é responsable da inclusión do importe non elixible.

As reducións prescritas aplicaranse igualmente sobre os gastos non elixibles identificados nos controis sobre o terreo, cando son posteriores ao pagamento, e nos controis a posteriori.

3. Cando se determine intencionalidade na presentación dunha declaración falsa, o beneficiario quedará excluído da axuda Feader en cuestión e do resto das axudas vinculadas á medida durante o exercicio Feader de que se trate e os dous seguintes. Ademais, recuperaranse os importes aboados pola operación ata ese momento, no caso de ter pagamentos parciais.

4. Así mesmo, será aplicable o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007. Todo o anterior é sen prexuízo das sancións a que puiden dar lugar a aplicación da lexislación vixente en materia de axudas.

Artigo 18. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, sempre que non exceda o prazo establecido para a realización da actividade.

2. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

3. A Consellería poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 20. Reintegro das axudas

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o pagamento no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas. Os xuros de mora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das declaracións responsables, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como o de informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural e do Mar/Secretaría Xeral Técnica

Edificio Administrativo San Caetano

San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

ou a través dun correo electrónico a: secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Sección 2ª. Convocatoria

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2015, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, de acordo coas bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde.

Artigo 23. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 24. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde, cofinanciadas con fondos Feader nunha porcentaxe do 75 %, efectuarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

– Aplicación orzamentaria 12-22-712C-7700 código de proxecto 2007-00425, importe para o ano 2015 en catro millóns de euros (4.000.000 €).

2. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

Disposición adicional

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 e no Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, e nos regulamentos que o desenvolven, así como tamén no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos Programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file