Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 27 de marzo de 2015 Páx. 12116

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

INSTRUCIÓN 1/2015, do 23 de marzo, sobre os criterios aplicables na tramitación administrativa para a execución de actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico.

A disposición adicional segunda do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que tipo de actuacións poden considerarse traballos menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico.

Co obxecto de axilizar estas actuacións, esta disposición prevé que a execución destes traballos se realice logo da presentación en Augas de Galicia, cun mínimo de quince días de antelación, dunha declaración responsable pola que o/a promotor/a se comprometa ao cumprimento dos requisitos establecidos. Esta regulación motívase na ponderación dos instrumentos de intervención das administracións públicas baixo un criterio de proporcionalidade, que implica simplificar os procedementos, evitar dilacións innecesarias e reducir cargas administrativas, substituíndo, en supostos taxados, a autorización administrativa previa ao exercicio das actuacións por unha declaración responsable, tal e como se regula no artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, introducido polo artigo 2.3 da Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

A Dirección de Augas de Galicia considera conveniente establecer unha serie de directrices tendentes a coordinar nos servizos territoriais da entidade, como oficinas tramitadoras, a aplicación práctica da disposición adicional segunda do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Por todo iso, esta dirección dita a seguinte instrución, a cal, malia o previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, a favor dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguranza xurídica, mais considérase conveniente a súa publicación para que todos os interesados poidan coñecer os criterios que seguirá Augas de Galicia nesta materia.

Instrución

Primeiro. Supostos de actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico

Segundo o disposto no número 1 da disposición adicional segunda do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, considéranse actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico, sempre que se executen fóra de espazos protexidos, as seguintes:

a) Retirada de árbores mortas e podas de árbores que impidan accesos á canle ou á súa servidume de paso, sempre que non impliquen perda do substrato arbóreo da ribeira.

b) Retirada de árbores mortas e podas de árbores que reduzan a capacidade da canle.

c) Retirada de elementos arrastrados pola corrente que obstrúan a canle e especialmente nas obras de paso sobre ela, ou que constitúan un elemento de degradación ou contaminación do dominio público hidráulico.

d) Mantemento das seccións de medición de caudais das redes oficiais de estacións de medición.

Segundo. Declaración responsable

Os/as promotores/as de actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico deberán presentar en Augas de Galicia unha declaración responsable axustada ao modelo que figura no anexo, cun mínimo de quince días de antelación á realización das actuacións proxectadas.

A presentación da dita declaración permite que, pasados quince días desde que teña entrada no correspondente rexistro de Augas de Galicia sen que se realice ningún reparo por esta entidade en exercicio das súas facultades de comprobación e inspección, se poidan realizar os traballos descritos na declaración responsable presentada.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2015

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file