Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 1 de abril de 2015 Páx. 12796

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2015 pola que se convoca a 1ª Xornada sobre cambio climático en Galicia. O papel da enxeñaría civil na prevención dos seus efectos.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, de 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, e segundo o convenio asinado entre ambos os organismos, a 1ª Xornada sobre cambio climático en Galicia. O papel da enxeñaría civil na prevención dos seus efectos.

1. Obxectivos:

Pódese discutir se o cambio climático está producido ou acelerado pola actividade humana e, sobre todo, polo efecto invernadoiro xerado principalmente por gases de combustión. Pero o que resulta de case total aceptación nos mundos científico e técnico, e na sociedade en xeral, é o feito do citado cambio, independentemente das súas causas principais.

O cambio climático afectará, ou está afectando xa, o réxime de temperaturas, de temporais, á pluviosidade, etc., o que, pola súa vez, incidirá na pluviometría, a hidroloxía, a variación do nivel do mar e outros, con efectos nos portos, nas costas, nas cidades (especialmente nas costeiras) e, en xeral, nas infraestruturas.

Os enxeñeiros de camiños, canais e portos tiveron que enfrontarse de xeito habitual coa natureza e as súas circunstancias para salvar ríos en avenidas, regular leitos, defender as áreas portuarias e as costas ou aproveitar as forzas naturais para a súa transformación en enerxía utilizable pola sociedade.

Esta é a razón pola que o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, coa colaboración doutros organismos públicos e profesionais expertos nos seus campos, aplicando o principio de prevención e responsabilidade, considerou de grande interese a organización desta xornada, para expor a situación actual e formular aspectos determinados dos efectos do cambio climático en materia de afeccións a costas, portos, hidroloxía, cidades e enerxía.

Está previsto que esta xornada teña continuidade en edicións sucesivas, tratando aspectos máis detallados con carácter específico (infraestruturas, cidades, paisaxe, etc.).

2. Contidos:

Nesta xornada serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Conferencia da Oficina Española do Cambio Climático.

– Situación actual do cambio climático. Prognose da evolución en diversos campos.

– O cambio climático en Galicia.

– O cambio climático no litoral galego.

– Xestión das infraestruturas portuarias en Galicia e cambio climático.

– Adecuación das estratexias de protección civil contra os efectos do cambio climático.

– As cidades ante o cambio climático. Efectos do urbanismo e os servizos urbanos.

– A resiliencia fronte ao cambio climático. Un enfoque multisectorial.

– O cambio climático desde a perspectiva da planificación hidrolóxica.

3. Destinatarios:

• Técnicos que realicen proxectos e/ou dirixan obras, e desexen coñecer a afección que o cambio climático poida supoñer nos condicionantes de deseño e execución.

• Técnicos das administracións públicas, que queiran coñecer como as modificacións derivadas destes cambios poden afectar aspectos tales como o planeamento municipal e o deseño das diferentes infraestruturas e servizos, entre outras cuestións.

• Responsables dos servizos de protección civil que desexen ampliar os seus coñecementos relativos á xestión de situacións motivadas polo cambio climático, coordinándose cos técnicos responsables.

• Estudantes universitarios que queiran completar a súa formación en temas de cambio climático, que condicionarán o deseño das infraestruturas.

• Interesados en xeral nestas cuestións.

4. Desenvolvemento:

Esta xornada terá unha duración de 8 horas lectivas e celebrarase no Salón de Actos da Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, o día 21 de abril de 2015, das 9.30 ás 14.15 horas e das 16.00 ás 20.00 horas.

5. Número de prazas:

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes e pagamento:

A inscrición e o pagamento da matrícula deberán formalizarse a través do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia (http://www.ciccpgalicia.es).

7. Prazo de inscrición e presentación de solicitudes:

O prazo de presentación de solicitudes rematará o xoves, 16 de abril de 2015, ás 15.00 horas.

8. Certificado de asistencia:

Será entregado un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas, sempre que a súa asistencia á xornada presencial sexa igual ou superior ao 90 % das horas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a data e o lugar de celebración desta xornada e o selo oficial da institución.

9. Modificacións e incidencias:

A EGAP e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública