Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 17 de xuño de 2015 Páx. 24075

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de xuño de 2015 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2015/16, e se modifica a denominación de determinadas titulacións universitarias oficiais de grao.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). Así, coa entrada en vigor do Real decreto 99/2011, en consonancia co Decreto 222/2011, iníciase unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao, diferenciando o máster universitario do programa de doutoramento. No Real decreto 534/2013, de modificación do Real decreto 99/2011, indícase que todos os programas de doutoramento xa verificados deben estar adaptados a este antes do inicio do curso 2014/15. Neste contexto de reorganización e adaptación do conxunto da oferta existente no SUG, as universidades do SUG presentaron as súas propostas de reorganización do conxunto dos estudos de doutoramento, diferenciando aquelas que se adaptan ás novas iniciativas recollidas na regulación contida no Real decreto 99/2011 daqueloutras que continúan inalterables ata a súa efectiva extinción con anterioridade ao 30 de setembro de 2017.

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e se publicará no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Logo de seren autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos implicará o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión extraordinaria do 3 de xuño de 2015, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude de implantación de determinados títulos polas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorízase a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2015/16, as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Grao en Estudos de Arquitectura. Esta autorización inicia o proceso de extinción do grao en Arquitectura, autorizado polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro, e que figura inscrito no RUCT co código 2502204.

• Máster universitario en Arquitectura, autorizado pola presente orde.

• Máster universitario en Didácticas Específicas, autorizado pola presente orde.

• Máster universitario en Discapacidade e Dependencia. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Intervención na Discapacidade e na Dependencia, autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro, e que figura inscrito no RUCT co código 4310007, e do máster universitario en Xestión e Investigación da Discapacidade e a Dependencia, autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo, e que figura inscrito no RUCT co código 4310002.

• Máster universitario en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Ciencias Documentais no Contorno Dixital, que figura inscrito no RUCT co código 4312380, e do máster universitario en Patrimonio Cultural: a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que figura inscrito no RUCT co código 4312379, autorizados polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro.

• Máster universitario en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, conxunto coa Universidade de Vigo. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, para a Universidade de Vigo, e que figura inscrito no RUCT co código 4311039.

• Máster universitario en Socioloxía Aplicada: Investigación Social e de Mercados. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Metodoloxía da Investigación en Ciencias Sociais: Innovacións e Aplicacións, autorizado polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4312381.

• Máster universitario en Xeoinformática, conxunto coa Universidade de Vigo. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Tecnoloxía Medioambiental, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, para a Universidade de Vigo, e que figura inscrito no RUCT co código 4310611.

• Programa de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable, conxunto coa Universidade de Vigo. Esta autorización inicia o proceso de extinción do programa de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable, autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2012, para a Universidade da Coruña, e que figura inscrito no RUCT co código 5600771.

Artigo 2

Autorízase a Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2015/16, as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster universitario en Dirección e Xestión Contable e Financeira, autorizado pola presente orde.

• Máster universitario Erasmus Mundus en Encrucilladas en Narrativas Culturais (Crossways in Cultural Narratives), conxunto coa Universidade Nova de Lisboa (Portugal); a Universidade St. Andrews e a Universidade Sheffield (Reino Unido); a Universidade degli Studi di Bérgamo (Italia); a Universidade de Perpignan Vía Domitia (Francia) e a Universidade im. Adama Mickiewicza w Poznaniu (Polonia). Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario Erasmus Mundus Encrucillada nas Humanidades Europeas (Erasmus Mundus Crossways In European Humanities), autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo, e que figura inscrito no RUCT co código 3002719.

• Máster universitario en Igualdade, Xénero e Educación. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Educación, Xénero e Igualdade, autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro, e que figura inscrito no RUCT co código 4310355.

• Máster universitario en Psicoloxía Educativa: Desenvolvemento e Aprendizaxe, autorizado pola presente orde.

• Máster universitario en Servizos Culturais. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Servizos Culturais, autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo, e que figura inscrito no RUCT co código 4310849.

• Máster universitario en Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos: Big Data. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Tecnoloxías da Información, autorizado polo Decreto 245/2011, do 15 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4313119.

Artigo 3

Autorízase a Universidade de Vigo para implantar, no curso 2014/15, as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster universitario en Enxeñaría Térmica, conxunto coa Universidade do País Vasco. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Enxeñaría Térmica, conxunto coas universidades de Burgos e País Vasco, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4311869.

• Máster universitario en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, conxunto coa Universidade da Coruña. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, para a Universidade de Vigo, e que figura inscrito no RUCT co código 4311039.

• Máster universitario en Xeoinformática, conxunto coa Universidade da Coruña. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Tecnoloxía Medioambiental, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, para a Universidade de Vigo, e que figura inscrito no RUCT co código 4310611.

• Programa de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable, conxunto coa Universidade da Coruña. Esta autorización inicia o proceso de extinción do programa de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable, autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2012, para a Universidade da Coruña, e que figura inscrito no RUCT co código 5600771.

• Programa de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural, autorizado pola presente orde.

Artigo 4

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Artigo 5

Autorízase o cambio de denominación do grao en Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo e do grao en Enxeñaría Mariña, autorizados polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro (DOG do 17 de novembro), para a Universidade da Coruña, polo de grao en Náutica e Transporte Marítimo e polo grao en Tecnoloxías Mariñas, para dar cumprimento á sentenza do Tribunal Supremo. A Universidade da Coruña ditará resolución e deberá publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado o cambio de denominación e os correspondentes plans de estudos de ambos os graos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria