Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 17 de xuño de 2015 Páx. 24071

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de xuño de 2015 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de seren autorizadas para implantaren os estudos, as universidades quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos levará consigo o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades do 3 de xuño de 2015, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.l) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable sobre a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos universitarios que se relacionan a seguir.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Revogarlle a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Arquitectura, autorizado polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro, e que figura inscrito no RUCT co código 2502204.

2. Máster universitario en Arquitectura Sanitaria e Asistencial, autorizado polo Decreto 245/2011, do 15 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4312842.

3. Máster universitario en Ciencias Documentais no Contorno Dixital, autorizado polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4312380.

4. Máster universitario en Intervención na Discapacidade e na Dependencia, autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro, e que figura inscrito no RUCT co código 4310007.

5. Máster universitario en Investigación en Enxeñaría Civil, autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2013 e que figura inscrito no RUCT co código 4314319.

6. Máster universitario en Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, autorizado polo Decreto 245/2011, do 15 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4312819.

7. Máster universitario en Lóxica e Filosofía da Ciencia, autorizado pola Orde do 21 de xaneiro de 2014 e que figura inscrito no RUCT co código 4314388. É un máster conxunto coas universidades de Santiago de Compostela, Granada, La Laguna, Valladolid, Valencia (Estudi General) e Salamanca (coordinadora).

8. Máster universitario en Metodoloxía da Investigación en Ciencias Sociais: Innovacións e Aplicacións, autorizado polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4312381.

9. Máster universitario en Patrimonio Cultural: a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, autorizado polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4312379.

10. Máster universitario en Urbanismo: Plans e Proxectos. Do Territorio á Cidade, autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo, e que figura inscrito no RUCT co código 4310010.

11. Máster universitario en Xestión e Investigación da Discapacidade e a Dependencia, autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo, e que figura inscrito no RUCT co código 4310002.

12. Programa de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable, autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2013 e que figura inscrito no RUCT co código 5600771.

Artigo 2

Revogarlle a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Comunicación e Industrias Creativas, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4311750.

2. Máster universitario en Educación, Xénero e Igualdade, autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro, e que figura inscrito no RUCT co código 4310355.

3. Máster universitario en Enxeñaría Industrial, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4312587.

4. Máster universitario en Erasmus Mundus Encrucillada nas Humanidades Europeas (Erasmus Mundus Crossways In European Humanities), autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo, e que figura inscrito no RUCT co código 3002719.

5. Máster universitario en Medio Ambiente e Recursos Naturais, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4311780.

6. Máster universitario en Servizos Culturais, autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo, e que figura inscrito no RUCT co código 4310849.

7. Máster universitario en Tecnoloxías da Información, autorizado polo Decreto 245/2011, do 15 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4313119.

Artigo 3

Revogarlle a autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Economía, Mercados Financeiros e Empresa, autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2013 e que figura inscrito no RUCT co código 4314058.

2. Máster universitario en Enxeñaría Térmica, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4311869. É un máster conxunto coas universidades de Burgos e País Vasco, coordinado pola Universidade de Vigo.

3. Máster universitario en Información Técnica do Medicamento, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4311948.

4. Máster universitario en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4311039.

5. Máster universitario en Tecnoloxía Medioambiental, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4310611.

Artigo 4

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando estudos que inician o proceso de revogación de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria