Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 23 de xuño de 2015 Páx. 24981

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 85/2015, do 18 de xuño, polo que se modifica o Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

A Lei 36/2014, do 26 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2015, establece no seu artigo 21.un determinadas regras que limitan a incorporación de persoal de novo ingreso no sector público para este exercicio. Así, no número un.1 prohibe a incorporación do persoal de novo ingreso e os procesos de consolidación de emprego temporal. O número un.2, como excepción á regra anterior, autoriza unha taxa de reposición de efectivos do cincuenta por cento para diversos sectores administrativos taxados. Pola súa parte, o número un.3 establece as regras para calcular a taxa de reposición de efectivos baseadas, en síntese, na diferenza entre as altas e as baixas definitivas producidas no exercicio 2014, no sector de que se trate.

Estas normas teñen carácter básico de conformidade co número sete do mesmo artigo, polo que son de obrigado cumprimento para as administracións e as entidades que integran o sector público, que se enumeran no artigo 20.un da mesma lei, entre as cales se inclúen as administracións das comunidades autónomas.

No Diario Oficial de Galicia do 10 de marzo de 2015 publicouse o Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, que inclúe 265 prazas de novo ingreso, cumpríndose as previsións establecidas na norma básica para o cálculo da taxa de reposición do cincuenta por cento, considerándose no dito cálculo exclusivamente as altas e as baixas producidas no ano 2014, nos sectores con taxa autorizada.

Non obstante, no texto do decreto aparecen referencias que poden dar lugar a interpretacións erróneas sobre o cumprimento da taxa de reposición establecida, polo que cómpre modificar o Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, atendendo ao requirimento do 30 de abril de 2015 da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Polo exposto, dando conta á Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, por proposta do conselleiro de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xuño de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015

O Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, queda modificado como segue:

Un. O parágrafo sexto do preámbulo queda redactado da seguinte maneira:

«Nesta oferta inclúense as prazas que figuran no anexo I e II tendo en conta o número de xubilacións producidas durante o ano 2014, as excedencias concedidas, as baixas definitivas e os reingresos producidos».

Dous. Engádese un número 4 ao artigo 1, coa seguinte redacción:

«Todas as prazas incluídas neste artigo se ofertan con cargo á taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2015».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda