Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 22 de xullo de 2015 Páx. 30711

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución denominado Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 bar e extensión de rede con MOP 4 bar en Ribadeo (Lugo), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2014/6-0).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31, HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 7 de setembro de 2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Ribadeo, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2005/20-0). Foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 18 de outubro de 2010 e no Boletín Oficial da provincia do 8 de outubro de 2010.

Conforme o disposto nesta autorización administrativa, a subministración de gas natural ao termo municipal de Ribadeo proxéctase mediante conexión nun punto de entrega da rede en alta presión A (APA) no propio municipio, nas proximidades do instituto de ESO, desde o cal partirá a rede de distribución en media presión B (MPB) ao dito municipio.

Segundo. O 29 de setembro de 2014 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización das instalacións para estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 bar e extensión de rede con MOP 4 bar en Ribadeo, xunto co proxecto de execución e dunha separata técnica para o Concello de Ribadeo.

Segundo consta no proxecto de execución, a ERM instalarase na esquina superior norte dentro do cerramento correspondente á posición 02 do gasoduto de transporte primario da Mariña Lucense, situado na parcela 655 do polígono 3 da Telleira (Ribadeo); trátase dun punto de entrega diferente ao previsto no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a que se fai referencia no antecedente de feito primeiro desta resolución. As instalacións obxecto deste proxecto son as seguintes:

• Conexión de entrada á ERM en MOP 16 bar con 7 m de tubaxe de aceiro DN 3” de 3,6 mm de espesor e calidade GR L245 3 PN.

• ERM, modelo MOP 16/4 bar Q 2.500 - D aéreo.

• Conexión de saída da ERM en MOP 4 bar con 7 m de tubaxe en aceiro DN 4” de 3,6 mm de espesor e calidade GR L245 3 PN.

• Extensión de rede en MOP 4 bar composta por 234 m de PE DN 160 que remata nun cap DN160.

• Instalacións auxiliares: válvula de entrada á ERM de DN 3” e válvula de saída da ERM de DN 4”.

Este proxecto someteuse ao procedemento de autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución baixo o número de expediente IN 627A 2014/6-0.

Terceiro. O 14 de xaneiro de 2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 bar e extensión de rede con MOP 4 bar en Ribadeo (Lugo), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2014/6-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.2.2015, no Boletín Oficial da provincia do 14 de xaneiro de 2015 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 30 de xaneiro de 2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Ribadeo.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 2 de marzo de 2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou a separata técnica do proxecto de execución (ao cal se fai referencia no antecedente de feito segundo desta resolución) ao Concello de Ribadeo, pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Este concello emitiu o seu informe, con data 10 de marzo de 2015, no cal se fai constar que non se encontra ningún impedimento para a realización da citada infraestrutura, e do cal se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen manifestou a súa conformidade con el.

Quinto. O 4 de xuño de 2015 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en diante xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución denominado Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 bar e extensión de rede con MOP 4 bar en Ribadeo (Lugo).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; e no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Logo de ver os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista denominada Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 bar e extensión de rede con MOP 4 bar en Ribadeo (Lugo), promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista citada.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa promotora Gas Galicia SDG, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento desta autorización administrativa, unha fianza por valor de 1.263,10 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Gas Galicia SDG, S.A., titulado Proxecto de autorización de execución de instalacións para estación de regulación e medida (ERM) MOP 15/4 bar e extensión de rede con MOP 4 bar en Ribadeo (Lugo), asinado polo enxeñeiro técnico industrial Ángel Casas Bachiller (colexiado número 9.735 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid), coa referencia GDP411140600024602, e no que figura un orzamento de 63.155,23 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución; unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedida tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (ás cales se fai referencia no antecedente de feito cuarto desta resolución), a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sétima. A administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas