Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Xoves, 15 de outubro de 2015 Páx. 40008

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 9 de outubro de 2015 pola que se establecen os domingos e festivos en que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2016.

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia (DOG do 28 de decembro), modificada pola Lei 1/2013, do 13 de febreiro (DOG do 14 de febreiro), determina no artigo 5 que os domingos e días festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, de dez ao ano.

O artigo 6 do mesmo texto legal sinala que os domingos e festivos de apertura serán determinados para cada período anual mediante orde da consellería que posúa as competencias en materia de comercio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia antes do 15 de outubro do ano anterior ao da súa aplicación, logo da consulta ás asociacións de consumidores máis representativas con implantación en toda a Comunidade, ao Consello Galego de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia e ás demais organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas de Galicia.

Con independencia do establecido na liña anterior e co obxectivo de protexer os intereses comerciais nos diferentes concellos, así que fosen publicadas no Diario Oficial de Galicia as datas a que fai referencia este artigo, calquera concello poderá solicitar da consellería competente en materia de comercio a modificación de dúas datas para o seu termo municipal. Esta solicitude deberá ser motivada, realizarse antes do 15 de novembro e terá que se presentar xunto cos informes emitidos pola cámara de comercio, industria e navegación da zona e polas organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas. A consellería resolverá no prazo de quince días, contados desde a presentación da solicitude. De transcorrer o dito prazo sen resolución expresa, considerarase estimada a petición. Con anterioridade ao 15 de decembro serán publicados no Diario Oficial de Galicia os cambios que se tivesen aprobado.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten competencia en materia de comercio de acordo co disposto no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 9 de outubro).

En aplicación dos citados preceptos, logo da consulta efectuada aos axentes socioeconómicos determinados pola lei e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, procédese á fixación dos dez domingos e festivos que, para os efectos do exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2016.

Por tanto, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Os domingos e festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público durante o ano 2016 son:

3 de xaneiro

10 de xaneiro

24 de marzo

3 de xullo

24 de xullo

8 de decembro

1 de novembro

4 de decembro

11 de decembro

18 de decembro

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria