De conformidade co disposto nos artigos 59.5 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE número 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 15/2014, do 16 de setembro (BOE número 226, do 17 de setembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notifícaselle a Cunchas da Ría, S.L., mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, a resolución que decreta o desafiuzamento administrativo do departamento número 37 do novo edificio de departamentos do porto de Rianxo, por non ser posible a notificación a través do servizo de Correos no último domicilio coñecido sito en Padre Feijoo, 12, Ribeira, provincia da Coruña.
Segundo informe da Xefatura da Zona Centro, o departamento está ocupado sen autorización, unha vez vencida e non renovada a autorización outorgada no ano 2011, e incumpriuse un requirimento da Zona para proceder voluntariamente ao desaloxo, sen que sexa posible outorgar nova autorización dada a existencia de débedas en concepto de taxas portuarias.
Igualmente, por non ser posible a notificación a través do servizo de Correos, no Boletín Oficial del Estado número 221, do 15 de setembro de 2015, publícase a cédula pola que se notifica requirimento previo ao desafiuzamento que outorgaba un prazo máximo de dez (10) días hábiles para proceder ao desaloxo voluntario, sen que o dito requirimento fose obxecto de cumprimento, e sen que exista tampouco constancia da formulación de alegacións por parte do interesado.
O presente acto administrativo que emite a Presidencia do Consello de Administración da entidade pública Portos de Galicia, de acordo coas competencias previstas no artigo 114 da Lei 5/2011, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, emítese en aplicación do artigo 113 desa lei, do artigo 103 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, e do artigo 31 do Decreto 227/1995, que aproba o regulamento da entidade pública Portos de Galicia.
O departamento deberá de ser abandonado nun prazo máximo de dez (10) días contados desde a publicación da presente cédula no Boletín Oficial del Estado, o que se formalizará coa entrega das chaves ao persoal de Portos de Galicia.
Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, aínda que, a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.
Ao abeiro do establecido nos artigos 103 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, e 125 da Lei 5/2011, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, para a execución do desafiuzamento empregarase, de ser preciso, o auxilio das forzas e corpos da seguridade do Estado.
Contra o presente acto administrativo de iniciación non se admitirán accións interditais ou para a tutela sumaria da posesión das previstas na Lei de axuizamento civil.
Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa e é executiva, poderase interpor recurso contencioso-administrativo nun prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta cédula ante, á elección do interesado, o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición onde teña aquel o seu domicilio, ou o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2015
José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia