Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 2016 Páx. 3369

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de decembro de 2015 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios, no curso académico 2015/16, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, que por causas sobrevidas e imprevistas teña dificultades económicas para continuar os estudos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda coa finalidade de cubrir, na medida do posible, as necesidades do alumnado universitario, liñas que, en prol da súa eficacia e eficiencia, deben adaptarse ás cambiantes circunstancias do seu contorno socioeconómico.

Neste marco, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera prioritario continuar coa súa política de apoio económico ao alumnado universitario a través desta orde de axudas de carácter especial, destinadas a paliar a urxente necesidade de recursos económicos que xorden por causas sobrevidas e imprevistas que requiren dunha atención perentoria na obtención deses recursos, para que o alumnado afectado poida continuar cos seus estudos universitarios, sen pretender solucións plenas á problemática que poidan presentar.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade e publicidade na concesión de axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica, no curso académico 2015/16, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas durante o actual curso académico que lles impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos.

Artigo 2. Orzamento

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2016. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, cunha contía global de 100.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos dos/as solicitantes

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista (orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).

b) Que a situación sobrevida e imprevista acontecese durante o actual curso académico 2015/16. Entenderase por curso académico o comprendido entre o 1 de setembro de 2015 e o 30 de xuño de 2016.

c) Estar matriculado, no curso académico 2015/16, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, agás o alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos que deberá de estar matriculado como mínimo de 30 créditos.

d) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual para o ano 2016 é dicir 5.150,60 euros (429,22 euros mensuais, incluída nesta contía a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias).

e) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes e documentación que hai que presentar

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED433A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no enderezo electrónico 012@xunta.es

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. Prazo de presentación das solicitudes:

– Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

– Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo, nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2016, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b).

4. Xunto coa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED433A) deberase achegar:

a) No caso de que o/a solicitante ou os membros da unidade familiar non autoricen a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para realizar as comprobacións e verificacións incluídas nos anexos I e II:

1) Copia do DNI ou do NIE da persoa solicitante e de cada membro computable da unidade familiar maior de idade.

2) Certificación emitida polo Servizo Público de Empleo Estatal (SEPE) da persoa solicitante e de cada membro computable da unidade familiar de prestación actual e de importes percibidos desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data de emisión da certificación, sempre que entre esta data e a de presentación da solicitude da axuda non medie máis dun mes, comprensivas de calquera prestación por desemprego, contributivas, asistenciais, rendas, subvencións e calquera outra axuda dos diferentes programas de emprego que actualmente e no pasado xestionase o SEPE e recibir prestación ou subsidio por desemprego.

3) Certificación emitida polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que indique se a persoa solicitante e os/as membros computables da unidade familiar son ou foron perceptores de pensións/prestacións do sistema da Seguridade Social, indicando, se procede, a contía actualmente recoñecida, así como aquelas percibidas desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data de emisión da certificación, sempre que entre esta data e a de presentación da solicitude da axuda non medie máis dun mes.

b) Xustificación da causa sobrevida e imprevista en que fundamenta a petición da axuda para o cal presentará todos os documentos que a proben.

c) Informe do/a traballador/a social do concello en que estea empadroada a persoa solicitante que recolla a causa sobrevida e imprevista, así como a situación socioeconómica da unidade familiar, anterior e posterior á causa, que motive a necesidade urxente de recursos económicos.

d) Copia do documento acreditativo de matrícula na universidade en que deberá de figurar o importe da matrícula, as materias e o número de créditos en que está matriculado/a no curso académico 2015/16.

e) Informe de vida laboral, actualizado á data da publicación desta orde, de cada membro computable da unidade familiar.

f) Certificado de convivencia emitido polo concello de todos/as os/as membros que compoñan a unidade familiar que residan coa persoa solicitante no domicilio habitual actualizado á data da publicación desta orde.

g) Documentación acreditativa dos ingresos ou rendas da unidade familiar durante o ano 2015 e dos ingresos ou rendas mensuais de cada membro computable da unidade familiar durante o ano 2016.

h) Copia da resolución de concesión ou denegación da bolsa do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do curso 2015/16, se foi peticionario/a dela.

i) Certificación emitida polo SEPE que indique se a persoa solicitante e os/as membros computables da unidade familiar son ou foron perceptores da axuda para o Programa de Recualificación Profesional (PREPARA) regulado no Real decreto lei 1/2011, do 11 de febreiro, de medidas urxentes para promover a transición ao emprego estable e a recualificación profesional das persoas desempregadas prorrogado polo Real decreto lei 1/2013, do 25 de xaneiro, indicando, se procede, a contía actualmente recoñecida así como aquelas percibidas por este concepto desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data de emisión do certificado, sempre que entre esta data e a de presentación da solicitude da axuda non medie máis dun mes.

j) Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá de presentar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en aluguer e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Instrución do procedemento

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e, unha vez examinadas estas e a documentación presentada polos/as solicitantes, se non estivese debidamente cuberta a solicitude ou non se presentase a documentación exixida, requirirase o/a interesado/a para que no prazo de dez días poida emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o/a solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 6. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretaria: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/ha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 7. Contía da axuda

1. Para os efectos previstos nesta orde, e con referencia á situación familiar á data de presentación da solicitude, considérase que:

a) Conforman a unidade familiar:

– A persoa solicitante.

– Os pais non separados legalmente e, se é o caso, o titor ou titora, ou a persoa encargada da garda e protección do menor.

– Os/as irmáns/ás solteiros/as menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar ou os maiores de idade cando se trate de persoas con discapacidade.

– Os ascendentes que convivan no domicilio familiar.

b) Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes e ascendentes que convivan con eles.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai do solicitante.

d) No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co solicitante da axuda.

e) No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentenza xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

f) Nos casos en que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá probar que conta con medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia. Se os ingresos acreditados resultan inferiores aos gastos soportados considerados indispensables (vivenda, manutención, etc.), entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo da renda para os efectos desta axuda, se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia aos cales se refire este artigo.

2. Para os efectos previstos nesta orde deducirase da renda familiar o 50 % dos ingresos aportados por calquera membro computable da familia distinto dos sustentadores principais.

3. Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, a comisión avaliadora, examinada a documentación presentada, terá en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 3.600 €

2.500 euros

De 3.601 € a 4.100 €

2.000 euros

De 4.101 € a 4.600 €

1.500 euros

De 4.601 € a 5.150,60 €

1.250 euros

Artigo 8. Proposta de resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación das bolsas mediante a correspondente resolución.

2. A comisión avaliadora reunirase polo menos cada dous meses e elevará o correspondente informe-proposta das solicitudes completas ata ese momento, sempre que nese período se completasen os trámites administrativos da solicitude referidos no artigo 5 para a súa resolución.

Artigo 9. Resolución

1. As resolucións, que lles serán notificadas aos/ás interesados/as de acordo co establecido na lei, estarán debidamente motivadas e expresarán, cando menos, o número de expediente, os datos de identificación do/a solicitante, o importe e condicións da axuda e, se é o caso, a desestimación e causa de denegación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro Único da Xunta de Galicia. No caso de se teren producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data en que a última destas teña entrada no citado rexistro. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa que, en todo caso, se deberá producir no exercicio orzamentario vixente, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 10. Pagamento

1. Segundo o disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselle aos beneficiarios/as nun pagamento único polo importe que lle corresponda segundo as contías determinadas no artigo 7 desta orde, unha vez notificada a resolución de concesión. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, e a Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 11. Obrigas dos/as beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que se estea matriculado/a.

b) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

c) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 12. Compatibilidade, alteración, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son compatibles coas bolsas de matrícula de estudos universitarios outorgadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para o curso académico 2015/16 e incompatibles co resto dos compoñentes desas bolsas.

Tamén son compatibles coas axudas outorgadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de inicio e continuación de estudos universitarios para o curso académico 2015/16 e con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O incumprimento total ou parcial por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables, poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle puideren corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivasen a súa concesión.

5. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e presentar, entón, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. Porén, non será necesaria a publicación cando o órgano concedente xulgue que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxu@edu.xunta.es

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file