Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 2016 Páx. 3367

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se actualizan os prezos privados que percibirá a Xunta de Galicia polos servizos prestados polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro) establece, no seu artigo 50, que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestando tamén tales servizos ou actividades o sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados. O artigo 51 da dita lei dispón que os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

A través da presente resolución actualízanse os prezos privados establecidos con base na Orde do 26 de decembro de 2013 pola que se fixan os prezos privados que percibirá a Xunta de Galicia polos servizos prestados polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, segundo establece o seu artigo 2, aplicando a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2011), no mes de outubro anterior, calculado polo Instituto Nacional de Estatística.

En consecuencia, e para dar cumprimento ao disposto na mencionada orde, esta secretaría xeral

DISPÓN:

Darlle publicidade aos prezos privados actualizados exixibles pola Consellería de Economía, Emprego e Industria referentes aos servizos prestados ou a realización de actividades polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, efectuadas no réxime de dereito privado no ámbito da metroloxía industrial e a I+D+i, que son os que figuran no anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2016

Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANEXO
Tarifas do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia polos traballos
nos ámbitos da metroloxía industrial e da I+D+i

Os prezos privados aplicables á hora de traballo do persoal do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia ou á hora de uso das súas instalacións serán os seguintes:

– Persoal técnico: 104,17 €/hora.

– Persoal auxiliar técnico: 79,36 €/hora.

– Uso de instalacións do laboratorio: 94,25 €/hora.

Outros custos que se repercutirán ao solicitante:

1. Os custos pola realización de viaxes, gastos de transporte, axudas de custos, manutención e aloxamento do persoal do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, desprazado para a prestación do servizo serán facturados ao solicitante a razón das cantidades que para tales conceptos se determinen no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, modificado polo Decreto 96/2011, do 5 de maio.

2. Os materiais, produtos consumibles e equipamentos específicos necesarios para a prestación do servizo, cando sexa o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia quen os proporcione, así como as asistencias externas, facturaranse polo seu prezo e gastos que orixinen.