Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 7 de marzo de 2016 Páx. 8580

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames ordinarios teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co establecido na Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, do 8 de xaneiro de 2009, pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 11, do 16 de xaneiro) o Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, polo que se actualizan as medidas de seguridade na utilización das motos náuticas (BOE núm. 61, do 12 de marzo), e no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer (BOE núm. 247, do 11 de outubro), esta dirección xeral, no uso das facultades que lle confire o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 221, do 19 de novembro), resolve convocar os exames teóricos e prácticos ordinarios para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer de patrón/patroa para navegación básica, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate, capitán/capitá de iate, patrón/patroa de motonáutica A e patrón/patroa de motonáutica B, conforme as seguintes normas:

1. Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer os requisitos para acceder ás probas ordinarias teóricas e prácticas, así como fixar as datas e os lugares de realización das citadas probas para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

2. Normas xerais.

Os exames teóricos e prácticos realizaranos os tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007, pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas (DOG núm. 243, do 18 de decembro).

Os/as candidatos/as que teñan aprobada algunha das materias que conforman a totalidade da proba teórica correspondente para obter o título de patrón/patroa de iate ou capitán/capitá de iate, segundo o estipulado na Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro, poderán examinarse na convocatoria de maio de 2016 das materias non aprobadas, sempre que non teñan esgotadas as tres convocatorias. No caso de non aprobalas nesta convocatoria de maio, deberán examinarse de novo da totalidade da proba teórica de acordo co especificado no Real decreto 875/2015.

3. Idade mínima.

Para obter unha titulación náutica de lecer o/a interesado/a deberá ter cumprido os 18 anos de idade no momento en que se realicen as probas para a obtención destes títulos.

No caso dos/das menores de idade e que teñan cumpridos os 16 anos de idade no momento de realización das probas, poderán obter o título para patrón/patroa para navegación básica, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito do consentimento dos seus pais ou titores e superen os requisitos teóricos e prácticos exixidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer.

4. Solicitudes e documentación necesaria para presentarse aos exames teórico-prácticos.

Os/as candidatos/as solicitarán a súa admisión ao exame teórico ou práctico mediante unha solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde se realizará o exame e que figura como anexo I da Orde do 8 de xaneiro de 2009 (procedemento PE616C). O modelo de solicitude facilitarase nas oficinas da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, nas xefaturas territoriais, nas xefaturas comarcais da Consellería do Mar e tamén na Guía de procedementos e servizos en https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos

Coa solicitude é necesario achegar a seguinte documentación para poder presentarse aos exames teórico-prácticos:

a) Copia do DNI ou NIE do/da solicitante só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas no anexo I.

b) Recoñecemento psicotécnico, no caso de que sexa necesario, de acordo co disposto no anexo VIII do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

Non será necesario achegar o recoñecemento psicotécnico se transcorreu un período menor de dous anos desde a data de obtención ou renovación de calquera título, ou desde a realización de calquera outro exame de titulacións náuticas de lecer.

c) Acreditar o pagamento das taxas.

Segundo o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (BOE núm. 12, do 14 de xaneiro de 2004), e na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia (BOE núm. 249, do 31 de decembro), as taxas polos dereitos de exame das distintas titulacións de lecer son as seguintes:

c.1. Exames teóricos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 29,45 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 37,91 €.

– Patrón/patroa de iate: 53,11 €.

– Capitán/capitá de iate: 64,45 €.

– Patrón/patroa de motonáutica A ou B: 28,60 €.

c.2. Exames prácticos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 73,59 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 73,59 €.

– Patrón/patroa de iate: 110,40 €.

– Capitán/capitá de iate: 110,40 €.

– Patrón/patroa de motonáutica A ou B: 82,87 €.

d) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame teórico ou práctico de seguridade e navegación de patrón/patroa de iate ou de capitán/capitá de iate deberán achegar copia de estar en posesión do título anterior, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame teórico complementario de
patrón/patroa de embarcacións de lecer deben achegar tamén coa solicitude unha copia de estar en posesión do título ou do certificado de exame de patrón/patroa para navegación básica, obtido de acordo co especificado no Real decreto 875/2014.

De presentar o certificado de exame, ten que estar expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia e soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. No caso de presentarse a unha convocatoria extraordinaria, esta será computada.

f) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame de patrón/patroa de iate ou capitán/capitá de iate e teñan superado un dos módulos que conforman o exame teórico, de acordo co regulado no Real decreto 875/2014, deberán achegar copia do certificado de exame expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia e soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. No caso de presentarse a unha convocatoria extraordinaria, esta será computada.

5. Achega de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comúns utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez finalizado o prazo de matrícula de cada convocatoria que aparece indicado no anexo II, farase pública a listaxe provisional dos/das aspirantes admitidos/as e excluídos/as no portal web de formación da Consellería do Mar
http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que os/as aspirantes excluídos/as poidan emendar as deficiencias, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Protección de datos.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Titulacións», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.es

7. Consentimentos e autorizacións.

7.1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

8. Datas e lugares de exame.

As datas dos exames teóricos e prácticos, así como os lugares onde se realizarán, aparecen indicados no anexo II. As horas dos exames serán anunciadas no taboleiro de anuncios de cada centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.

9. Tribunais.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez coñecido o número de candidatos/as presentados/as aos exames nas distintas titulacións, nomeará os tribunais para a realización das probas.

10. Desenvolvemento das probas.

10.1. Rematados os exames teóricos, o/a secretario/a do tribunal publicará no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar unha copia do exame e a folla coas respostas correctas co fin de que os/as interesados/as poidan comprobar o resultado do seu exercicio.

10.2. Realizadas as probas de seguridade e navegación do exame práctico o/a presidente/a do tribunal comunicará aos/ás interesados/as o seu resultado, coa cualificación de apto/a ou non apto/a.

Unha vez corrixidos os exames teóricos, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro de ensino as listas provisionais das cualificacións, así como no portal web de formación da Consellería do Mar. Tamén publicarán nos mesmos sitios os resultados das probas prácticas de seguridade e navegación.

10.3. Os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días hábiles para formular reclamacións ante o tribunal contra as cualificacións provisionais.

10.4. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o/a presidente/a do tribunal ditará unha resolución coa lista dos/das aspirantes que superaron as probas teóricas e outra
cos/coas aspirantes que superaron as probas prácticas de seguridade e navegación. Estas resolucións serán publicadas no taboleiro de anuncios do centro e no portal web de formación da Consellería do Mar.

10.5. Contra as resolucións do/da presidente/a do tribunal os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva no portal web de formación da Consellería do Mar, coas cualificacións obtidas polos/as aspirantes.

11. Recursos.

Contra a presente resolución os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a conselleira do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

12. Requisitos para a obtención dos títulos.

Para obter o título de lecer correspondente, ademais de superar estas probas, os/as interesados/as deberán reunir os requisitos establecidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer.

13. Temarios de exame.

Os temarios oficiais de exame para as titulacións de capitán/capitá de iate, patrón/patroa de iate, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa para navegación básica, son os recollidos no anexo II do Real decreto 875/2014.

Os temarios correspondentes para obter a titulación de patrón/patroa de motonáutica A e B están recollidos nos anexos I e II do Real decreto 259/2002.

14. Criterios de corrección.

Os criterios de corrección dos exames de cada titulación aparecen indicados no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, e no anexo III da Resolución do 20 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral da Mariña Mercante, pola que se convocan exames teóricos ordinarios para a obtención de titulacións para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2016

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

missing image file
missing image file

ANEXO II

– Convocatoria de maio de 2016.

Matrícula: do 30 de marzo ao 15 de abril de 2016, ambos inclusive.

Titulación

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos e prácticos

Patrón/patroa para navegación básica

23 de maio

30 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avenida Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléfono 986 23 56 09)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (r/ 19 de febreiro, 30-34, 15405 Serantes, Ferrol. Teléfono 981 37 01 79)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (r/ Praia de Coroso, s/n, 15960 Ribeira. Teléfono 981 87 44 76)

Patrón/patroa de embarcacións de lecer

24 de maio

30 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

25 de maio

30 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/capitá de iate

26 de maio

30 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Patrón/patroa de motonáutica A ou B

27 de maio

30 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

– Convocatoria de setembro de 2016.

Matrícula: do 1 de agosto ao 19 de agosto de 2016, ambos inclusive.

Titulación

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos e prácticos

Patrón/patroa para navegación básica

12 de setembro

16 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avenida Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléfono 986 23 56 09)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (r/ 19 de febreiro, 30-34, 15405 Serantes, Ferrol. Teléfono 981 37 01 79)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (r/ Praia de Coroso, s/n, 15960 Ribeira. Teléfono 981 87 44 76)

Patrón/patroa de embarcacións de lecer

13 de setembro

16 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

14 de setembro

16 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/capitá de iate

15 de setembro

16 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo