Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36731

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2017, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica modificado número 1 LMT, CT e RBT Cimadevila-Bolmente, no concello de Sober (expediente 026/2008 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira 2, Velle (Ourense), aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante a Resolución do Departamento Territorial de Economía e Industria de Lugo do 9 de decembro de 2010, concedeuse a autorización administrativa, aprobouse o proxecto de execución e declarouse a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica LMT, CT e RBT Cimadevila-Bolmente (DOG do 11 de xaneiro de 2011).

Posteriormente, o 4 de xuño de 2015 a empresa beneficiaria (Unión Fenosa Distribución, S.A.), para evitar que o trazado da liña de media tensión proxectada ao centro de transformación Cimadevila afecte o solo de núcleo rural de Santa Marta, solicita autorización administrativa previa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica Modificado número 1 LMT, CT e RBT Cimadevila-Bolmente, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola nova instalación e a relación dos bens e dereitos desafectados, que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante a Resolución desta xefatura territorial do 3 de maio de 2017. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia do 9 de xuño de 2017, no BOP de Lugo do 1 de xuño e no DOG do 30 de maio, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Sober. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados e desafectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos nas referidas relacións de bens e dereitos.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan dos decretos 129/2015, do 8 de outubro (DOG núm. 194, do 9 de outubro) e 175/2015, do 3 de decembro (DOG núm. 232, do 4 de decembro), polos que se crea e establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG núm. 22, do 1 de febreiro) sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, correspóndelle resolver sobre a presente solicitude.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 24/2013, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que, consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un acordo mutuo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada Modificado nº 1 LMT, CT e RBT Cimadevila-Bolmente, no concello de Sober, coas seguintes características técnicas principais:

1. Cambio de trazado entre os apoios identificados no proxecto cos números 4 e 7 da liña de media tensión (LMT) aérea de 20 kV de tensión nominal, con condutor tipo LA-56, sobre apoios metálicos e de formigón, cunha variación de lonxitude da liña de 46 metros.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica Modificado nº 1 LMT, CT e RBT Cimadevila-Bolmente, visado o día 31 de outubro de 2013 co número 20132160, polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e asinado polo enxeñeiro industrial Burkard Hecht Elorduy, colexiado número 2633.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificarán individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia do 9 de xuño de 2017, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 1 de xuño e no Diario Oficial de Galicia do 30 de maio, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Sober. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, 27071, Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto Modificado nº 1 LMT, CT e RBT Cimadevila-Bolmente, presentado pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar, e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prezuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 12 de xullo de 2017

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo