Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 27 de setembro de 2017 Páx. 44134

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de setembro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se dá publicidade da Resolución do 19 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Beán-Pereira II (Ordes-A Coruña).

O Acordo da zona de Beán-Pereira II (Ordes-A Coruña) foi aprobado pola dirección xeral competente en materia de concentración parcelaria, con data 21 de decembro de 2010, e foi notificado e publicado na forma legalmente prevista.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Ordes solicitou a cesión da titularidade dos predios números 273 e 501 para establecer puntos de captación de auga e número 327 para cemiterio no contorno da igrexa de Pereira.

Vista a proposta da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Dado o destino para o cal se solicitan os referidos predios, e respecto de que é perfectamente subsumible no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Modificar o Acordo de concentración parcelaria da zona de Beán-Pereira II (Ordes-A Coruña) e adxudicar ao Concello de Ordes a titularidade dos predios números 273, 327 e 501, que causan baixa no fondo de terras da zona para ser destinados aos fins que se determinan na parte expositiva.

Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o fondo de terras da zona, o patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

2. Ordenar que a esta resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Ordes.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

A Coruña, 12 de setembro de 2017

Manuel Rodríguez Vázquez
Xefe territorial da Coruña