Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 19 de decembro de 2014 Páx. 51851

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de outubro de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Chan do Eixo, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), promovido pola sociedade Parque Eólico Chan do Eixo, S.L. (expediente IN661A 2011/6-4).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 2 de outubro de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Chan do Eixo, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra), promovido pola sociedade Parque Eólico Chan do Eixo, S.L. (expediente IN661A 2011/6-4), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

Anexo
Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Chan do Eixo, emprazado nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra) e promovido pola sociedade Parque Eólico Chan do Eixo, S.L.
(expediente IN661A 2011/6-4)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Parque Eólico Chan do Eixo, S.L. (en diante o promotor) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Chan do Eixo (en diante o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 12 MW.

Segundo. O 21 de xuño de 2011 o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 19 de agosto de 2011 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra informou da existencia do permiso de investigación Sierra de Pites nº 2579, existente dentro da área de afectación do parque eólico.

Cuarto. Por Resolución do 9 de maio de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteu a información pública o proxecto de execución, o seu estudo ambiental e o proxecto sectorial, así como as solicitudes de autorización administrativa, declaración de utilidade pública e de inclusión no réxime especial do parque eólico, que se desenvolverán nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 28 de maio, e no xornal Faro de Vigo do 22 de maio. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da Xefatura Territorial de Pontevedra e nos concellos afectados da Cañiza e Covelo (Pontevedra).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O 12 de xuño de 2012 Serafín González Prieto, en calidade de presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, presentou escrito en que alega o seguinte:

• Ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e biodiversidade, que non se autorice a afectación dos aeroxeradores e vías de acceso sobre:

– Hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea existentes na zona.

– Especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007 presentes na zona.

– Que se avalíen as posibles afectacións do proxecto sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia e, consecuentemente, se adapte o proxecto para evitalos totalmente.

• Que se extremen as medidas para evitar as afectacións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona e se considere a adopción de medidas mitigadoras.

• Que se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.

• Que o proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

Quinto. O 8 de xuño de 2012 Retegal, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico o correspondente condicionado técnico. Neste condicionado Retegal, S.A. comunica que, ben que non se observan obstrucións directas dos sinais de televisión TDT, non se poden descartar ao 100 % afectacións por causa do multitraxecto nalgunha entidade de poboación do contorno do parque eólico.

Por tanto, establece que o promotor se comprometerá á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno e, se se detectare perda ou degradación desta, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT.

O 2 de xullo de 2012, en resposta ao condicionado técnico emitido por Retegal, S.A., o promotor presentou un escrito en que manifesta o seu compromiso de que, unha vez construído o parque, no caso de verificarse que a instalación afecta os servizos de difusión de TDT, se adopten as medidas oportunas para a eliminación de todo tipo de afectacións e perturbacións sobre os servizos prestados por Retegal, S.A.

Sexto. O 6 de agosto de 2012 a Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu informe favorable á solicitude do promotor, tanto no que respecta a autorización administrativa como á aprobación do proxecto e á súa declaración de utilidade pública, así como á continuación dos trámites ambiental e do proxecto sectorial; para a continuación do procedemento.

Sétimo. O 19 de decembro de 2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas iniciou os trámites de compatibilidade entre o parque eólico e o dereito mineiro.

Oitavo. O 6 de febreiro de 2013 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Noveno. O 19 de novembro de 2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 21 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Décimo. O 14 de febreiro de 2014 a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes remitiu o informe do 28 de xaneiro de 2014, do Servizo de Montes de Pontevedra, a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo primeiro. O 6 de xuño de 2014 a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, en vista da documentación correspondente ao trámite de compatibilidade do parque eólico co dereito mineiro afectado, comunica que os terreos comprendidos nas cuadrículas do permiso de investigación Sierra de Pites nº 2579, afectadas polo parque eólico, foron declarados francos e rexistrables mediante a Resolución do conselleiro de Economía e Industria do 25 de marzo de 2011, polo cal xa non existe a concorrencia de aproveitamentos no espazo territorial proxectado para o citado parque.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Tal e como se indica no antecedente de feito décimo primeiro o 6 de xuño de 2014, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, en vista da documentación correspondente ao trámite de compatibilidade do parque eólico co dereito mineiro afectado, comunica que os terreos comprendidos nas cuadrículas do permiso de investigación Sierra de Pites nº 2579, afectadas polo parque eólico, foron declarados francos e rexistrables mediante a resolución do conselleiro de Economía e Industria do 25 de marzo de 2011, polo cal xa non existe a concorrencia de aproveitamentos no espazo territorial proxectado para o citado parque, polo que non procede declarar a compatibilidade.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, cómpre manifestar o seguinte:

– No que respecta ás alegacións presentadas de carácter ambiental, foron tidas en conta na Declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 19 de novembro de 2013.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque Chan do Eixo, situado nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra) e promovido pola sociedade Parque Eólico Chan do Eixo, S.L., cunha potencia de 12 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Chan do Eixo asinado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco nº 1.185 do ICOII. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Características técnicas do parque eólico:

• 4 aeroxeradores cunha potencia nominal unitaria de 3.000 kW.

• Potencia total instalada: 12 MW.

• Produción neta anual estimada: 30.117 MWh/ano.

• Orzamento total: 14.514.480 euros.

Características técnicas da infraestrutura eléctrica de xeración, transformación e interconexión:

• 4 transformadores de 3.350 kVA instalados no interior do aeroxerador, cunha relación de transformación de 0,65/20 kV.

• Rede subterránea de interconexión entre as máquinas existentes a 20 kV.

• Subestación transformadora equipada con transformador de 11/15 MVA, relación de transformación 220/20 kV, aparellaxe de medida, protección, telemando, grupo electróxeno e demais equipamento auxiliar.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Parque Eólico Chan do Eixo, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 243.153,98 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Parque Eólico Chan do Eixo, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 108.859 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, cun orzamento de 14.514.480 euros, e de acordo co establecido no punto 1 ámbito da declaración, da declaración de impacto ambiental.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Parque Eólico Chan do Eixo, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 19 de novembro de 2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben cando, intentada esta, non se puidese practicar.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

missing image file