Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Mércores, 24 de agosto de 2016 Páx. 37667

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 9 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ao 30 de xuño de 2017, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

BDNS (Identif.): 315160.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.

Segundo. Obxecto

Fixar as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade, e realizar a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o período do 1 de xullo de 2016 ao 30 de xuño de 2017.

Terceiro. Tipo de axuda

Subvención dos custos salariais de ata un 50 % do salario mínimo interprofesional dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 % nos centros especiais de emprego de Galicia.

O importe da subvención correspondente a cada mensualidade será de 327,60 euros ou 10,92 euros/día, no caso de períodos de traballo inferiores a 30 días. No suposto de ter rateadas as pagas extraordinarias, o importe será de 382,20 euros/mes ou 12,74 euros/día.

O importe da subvención incluirá a parte proporcional de dúas pagas extras ao ano.

No suposto de contratos a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral realizada.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 9 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ao 30 de xuño de 2017, dentro do Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse oito millóns cincocentos cincuenta e nove mil cento vinte e oito euros (8.559.128 €) coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade

Importe

2016

2.459.128

2017

6.100.000

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Para os centros especiais de emprego que soliciten a súa cualificación e/ou inicien a súa actividade con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación anterior, por seren de nova creación, a solicitude deberá presentarse ata o último día do mes seguinte ao do primeiro mes polo cal se solicita a subvención. Este prazo tamén é de aplicación aos supostos de ampliación dun novo centro de traballo nunha provincia distinta.

Nestes dous supostos, o prazo de presentación de solicitudes de axudas finalizará o 30 de xuño de 2017, aínda que non transcorrese o prazo específico anterior.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria